Hai uns meses, o Observatorio Eólico de Galicia xa chamara a atención sobre o feito de que todo o territorio rústico galego que non tivera protección ambiental converteríase en albo dos novos parques eólicos. Se ben nun principio a Xunta de Galicia informaba negativamente aqueles parques eólicos que pretendían colocar as súas instalacións fóra das áreas aptas para iso fixadas no Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG) agora o Consello da Xunta toma a decisión (en tres momentos diferentes) de impulsar a tramitación de 13 parques eólicos acolléndose “á figura da excepcionalidade” incluída na LAEGA. Son parques de potencia superior a 50 MW cuxa autorización corresponde ao goberno de España e sobre os que o Consello da Xunta vén de habilitar a “excepcionalidade” para seren instalados en zonas non contempladas no PSEG.
Ocorreron o 23 de xuño e o 3 e 17 de novembro. No mes de xuño acordaron acollerse á figura da excepcionalidade para declarar os parques Orzar (56MW) e Tornado (67,2MW) “como proxectos cunha clara incidencia territorial pola súa entidade socioeconómica e cunha función vertebradora e estruturante do territorio”. O documento que dá publicidade ao acordo indica que “no caso de aprobarse permitirase a súa execución fóra das áreas do Plan sectorial eólico de Galicia”.
Eses dous parques someteron a información pública o estudo de impacto ambiental, a solicitude de autorización administrativa previa e a solicitude de recoñecemento da utilidade pública en febreiro de 2021. As súas promotoras son Greenalia Wind Power Orzar, S.L.U. e Greenalia Wind Power Tornado, S.L.U..
O Consello da Xunta vincula a tramitación destes parques coa empresa Showa Denko, unha industria electrointensiva situada na Coruña, pois así abaratará a súa factura eléctrica. Sinálase que os contratos PPA (Power Purchase Agreement) entre Showa Denko e “…os dous parques eólicos -promovidos por Greenalia cun investimento de 97,8 millóns de euros-, permitirían aforros de máis de 60M€ nos primeiros oito anos, o que favorecería a competitividade da planta e a súa viabilidade futura, tendo en conta que está estudando, ademais, unha ampliación na súa actual sede na Coruña, na que traballan máis de 170 empregados.”. Na publicación realizada con motivo do acordo de 17 de novembro (ver abaixo) a Xunta indica que esta empresa cubrirá o 81% das súas necesidades enerxéticas.
No acordo de 3 de novembro os parques eólicos recollidos á excepcionalidade son Borrasca (84MW), Monzón (50,4MW) e Ventisca (89,6MW). Estes parques someteron a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa en agosto de 2021. Ventisca e Monzón foron acumulados no mesmo procedemento xunto co parque eólico Boura (ver abaixo). As súas promotoras son Greenalia Wind Power Borrasca, SL; Greenalia Wind Power Ventisca, SL e Greenalia Wind Power Monzón, SL.
Neste caso, o Consello da Xunta vincula a tramitación destes parques coa empresa electrointensiva Alcoa San Cibrao, para tratar de abaratar a factura eléctrica, un “requisito indispensable para poder reactivar a produción de aluminio primario, actualmente parada polo encarecemento do prezo da luz.”
Con este Acordo ” estímase que estes contratos PPA (Power Purchase Agreement, acordos de compra de enerxía) entre a compañía e a promotora dos parques eólicos -Greenalia prevé investir 267 millóns de euros-, achegarían o 9 % das necesidades enerxéticas de Alcoa.”
No acordo do 17 de novembro os parques eólicos recollidos á excepcionalidade son Tesouro (60MW), Caaveiro (72MW), Badulaque (90MW), Barqueiro (150MW), Santuario (180MW), Moeche (53MW), Levante (106,4MW) e Boura (72,8MW). Os 6 primeiros parques promovidos por Enel Green Power España, SL someteron a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa, o 15 de xuño os dous primeiros e o 7 de xullo os restantes. Levante e Boura, pola súa parte, promovidos respectivamente por Greenalia Wind Power Boura, S.L.U. e Greenalia Wind Power Levante, SLU, someteron a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa . A publicación de Boura ocorreu en agosto do 2021 e a de Levante ocorreu o 22 de abril do 2022.
A Xunta de Galicia sinala que acode a este procedemento excepcional xa que así “..as empresas Alcoa San Cibrao e Sentury Tire poderán acceder a enerxía verde a un prezo máis competitivo.” E apunta especificamente que Sentury cubrirá o 100% da demanda da futura planta de pneumáticos que a compañía prevé nas Pontes mentres que Alcoa cubrirá o 45% das súas necesidades enerxéticas na planta de San Cibrao.
Durante os períodos de exposición pública, a Xunta emitiu unha serie de informes para a maioría deses parques eólicos. Aquí pódese consultar o que emitira para un deles, o parque eólico Santuario. Un resumo do contido destes informes é o seguinte:
A partir da anterior base xurídica, a Xunta realizaba análises espaciais dos proxectos para constatar se as infraestruturas do parque eólico se encontraban dentro ou fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico incluídas dentro do PSEG. Indicaban que este plan sectorial é o “instrumento no que se definen as áreas da Comunidade Autónoma nas que é posible desenvolver proxectos de aproveitamento da enerxía eólica. “
Tendo en conta os anteriores antecedentes, a Xunta informaba desfavorablemente os proxectos de máis de 50 MW que se asentaban fora das Áreas de Desenvolvemento Eólico por incumprir as disposicións do PSEG e da LAEGA. Entre eles, a maioría dos 13 incluídos nesta noticia.
O Observatorio Eólico de Galicia realizou diversas consultas xurídicas ao respecto destes procederes. Coa única intención de engadir argumentos para seren considerados no deseño das políticas públicas, compartimos as seguintes reflexións.
O Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG) é o instrumento básico da planificación do aproveitamento eólico de Galicia, como establece o art. 5.2. Lei que regula o Aproveitamento Eólico en Galicia e crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (LAEGA). Nun principio, o PSEG marca o ámbito máximo de afectación sectorial eólica con influencia na (re)cualificación do Solo Rústico (SR) no conxunto do territorio.
O PSEG é unha especie do xénero Plan Sectorial e en tanto que PS un instrumento de ordenación do territorio, definido así no artigo 35 Lei de Ordenación do Territorio de Galicia (LOTG). Como mencionabamos, o sector eólico ten unha lei propia de referencia que deseña os contidos do PSEG, e faino no artigo 6 LAEGA:
“1. O Plan sectorial eólico de Galicia abranguerá aquelas áreas nas que se estime, logo de informe do INEGA, a existencia de recursos eólicos aproveitables e terá carácter vinculante para os distintos suxeitos que operen no sector.
2. O Plan sectorial eólico conterá, como mínimo, as seguintes determinacións:
a) Delimitación dos ámbitos territoriais nos que poderán localizarse as infraestruturas e instalacións obxecto do plan.
b) Descrición das características xerais das infraestructuras, dotacións ou instalacións previstas no plan.
c) Directrices para a elaboración dos proxectos sectoriais ou dos proxectos obxecto de licenza municipal para o caso previsto no artigo 39.2 desta lei.
d) Medidas para articulación co planeamento e prazo para realizar a súa adecuación.
e) Incidencia territorial e ambiental.
3. O Plan Sectorial Eólico de Galicia será tramitado como plan sectorial de incidencia supramunicipal…e nel estableceranse as condicións xerais para o desenvolvemento das infraestruturas, dotacións e instalacións dos parques eólicos no territorio da comunidade autónoma.”
Parecería claro deducir que non cabe a implantación de parques fóra do territorio sinalado polo PSEG, pero iso non é así, o que supón, segundo o noso informado criterio, unha importante quebra do principio integrador e de planificación conxunta sinalados no art. 35 LOTG, mencionado anteriormente. En efecto, como mostrabamos anteriormente ao presentar os acordos do Consello da Xunta, a regra coñece importantes excepcións.
A LAEGA presume de planificación do aproveitamento eólico no artigo 5, fixando como instrumento de planificación o PSEG, e dándolle contido no propio artigo 6, pero establece unha importante excepción:
“4. Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción
• das modificacións substanciais dos parques en funcionamento no termos que se desenvolvan regulamentariamente,
• así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.”
A resultante é que en realidade un Proxecto de Interese Autonómico de Parque Eólico (PIAPE), que é un proxecto sectorial e así un instrumento xerarquicamente subordinado a un Plan Sectorial (segundo os artigos 19, 20 36, 38 e nomeadamente 39 da LOTG) na práctica vulnera este principio como consecuencia desta disposición. Así mesmo, é algo dificilmente compatible co prescrito na propia Disposición Adicional 5ª que resalta que a eficacia do PIAPE é a sinalada nos artigos 46 e 48 da LOTG, que sinalan a súa eficacia contextual e polo tanto subordinada a un plan sectorial, neste caso ao PSEG.
Pois agora toca agardar acontecementos. A lectura dos tres acordos do Consello da Xunta de Galicia mostran unhas decisións que buscan dous obxectivos. Primeiro, confrontar co goberno central, estando expresado este proceder en moitas das liñas que se recollen na propia declaración: por exemplo “Ante a caótica política enerxética do Goberno e a falta de solucións concretas para a industria electrointensiva”; “o Goberno galego agarda a sensibilidade do Executivo central”
En segundo lugar, favorecer ás grandes industrias multinacionais do sector enerxético e industrial electrointensivo. Favorecer o tecido industrial galego é unha boa iniciativa. Iso está presente nas decisións do Consello da Xunta e na aí referida Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia. Nela fíxanse os novos criterios para determinar a natureza estratéxica dos proxectos industriais ao cumpriren alo menos dous criterios (investimento mínimo de 20 millóns, polo menos 100 postos de traballo directos, que sexan estratéxicos no contexto dos fondos next generation). Tamén se establece que algúns proxectos eólicos poderán ser considerados prioritarios se destinan o 50% da súa produción a empresas coas que subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo.
Desde o OEGA botamos en falta o que vimos reclamando desde hai anos. O mundo rural, as explotacións agrarias, gandeiras e forestais, as pequenas e medianas empresas asentadas nestes territorios, tamén as de carácter enerxético local non existen para a Xunta de Galicia e a súa política de promoción das fontes renovábeis e dos parques eólicos en particular. Na Lei de Áreas Empresariais non existe nin unha mención pro activa para o medio rural. Os criterios para considerar estratéxicos e ou prioritarios os proxectos son definidos para seren cumpridos polas grandes compañías, na meirande parte multinacionais. Esquece esta política de incentivos que a maior xeración de emprego ocorre coas empresas de pequeno e medio tamaño, descoida o feito contrastado de que os investimentos intensivos en capital son precisamente os que menor capacidade de xeración de emprego posúen. Por outra parte, hai que recordar que o encarecemento da electricidade afecta en moita maior medida ás pequenas e medianas empresas e aos autónomas e autónomas. O que vimos pedindo desde o OEGA é que sexan precisamente estes últimos intereses económicos os que teñan acceso preferente a sistemas de obtención de enerxía barata. Só así podemos garantir a sustentabilidade do tecido empresarial xerador de emprego permanente e de actividade económica local e comarcal de longo recorrido. Ese tecido “non andoriña”, que non está en Galicia para aproveitar unha “avantaxe comparativa” (moita electricidade barata). Un tecido enraizado e aniñado no mundo local e rural galego (240 dos 314 concellos son rurais segundo a UE) que ata agora só foi considerado como a fonte accesible, permanente e segura de recursos renovábeis (antes hidráulica, agora eólica) para producir electricidade da que apenas se beneficiou.