Desde o ano 2018 o dereito europeo definiu un novo actor para o avance da descarbonización mediante a creación do concepto de comunidade enerxética. A Directiva Europea 2018/2001 definía as comunidades de enerxía renovable como unha entidade xurídica: (a) que, de conformidade coa lexislación nacional aplicable, se basee na participación aberta e voluntaria, sexa autónoma e estea efectivamente controlada por accionistas ou socios situados nas proximidades do proxectos de enerxías renovables que sexan propiedade e desenvolvidos por esa persoa xurídica; b) cuxos accionistas ou socios sexan persoas físicas, pemes ou entidades locais, incluídos os concellos; (c) cuxa finalidade principal sexa proporcionar beneficios ambientais, económicos ou sociais á comunidade para os seus accionistas ou socios ou para as áreas locais onde opera, en lugar de beneficios financeiros.
As comunidades de enerxía renovable foron traspostas ao dereito español ao seren incluídas dentro da Lei do Sector Eléctrico como un dos suxeitos oficiais do sector eléctrico. A súa definición é exactamente a mesma que aparece recollida na Directiva europea. Sen embargo ata agora non existe un regulamento que desenvolva con detalle todo o relativo a esta nova persoa xurídica. Na práctica a forma xurídica que adoitan as comunidades de enerxías renovábeis en España, e en Galicia, son asociacións, cooperativas ou sociedades limitadas.
O que interesa neste momento é discutir sobre se as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común existentes en Galicia (arredor de 2700 entidades que xestionan 600.000 hectáreas, aproximadamente o 20% de todo o territorio galego) son ou non son comunidades de enerxía renovable considerando esa caracterización enumerada anteriormente. Isto é moi relevante no actual contexto de crise enerxética e de políticas públicas para fomentar o avance da descarbonización. O Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR) de Enerxías Renovábeis contempla ás comunidades enerxéticas como un actor clave e prevé o seu impulso e desenvolvemento. Entre as medidas específicas, o goberno de España ten en marcha o programa CE Implementa. Xa houbo dúas convocatorias deste programa. Nelas varias CMVMC que tentar concorrer ás axudas ficaron fóra por non seren consideradas comunidades de enerxía renovable.
Tendo coñecemento desta situación, o OEGA púxose a traballar para tratar de responder a esta problemática. En primeiro lugar, entramos en contacto co IDAE e mantivemos comunicacións cos seus responsábeis. O OEGA encargou un informe pericial a reputadas xuristas do dereito civil e compartiu o informe cos responsábeis do IDAE. Pasadas unhas semanas mantivemos unha reunión virtual cos responsábeis do IDAE para clarexar e tratar os temas incluídos no informe pericial. O compromiso pola súa parte foi de realizar unha consulta xurídica. Non temos constancia do resultado desa consulta. O que é público é que a páxina web do IDAE acaba de lanzar dúas novas convocatorias do programa CE IMPLEMENTA: o 19 de decembro abrirán as convocatorias 3, para proxectos de menos de 1 millón de euros, e 4, para as que superen esa cantidade. A esas convocatorias tampouco poderán concorrer as CMVMC.
Desde o OEGA consideramos que é unha decisión contraria a dereito, excluíndo a unhas entidades que cumpren con todos e cada un dos requisitos esixidos pola Directiva 2018/2001. Explicámolo a continuación
No eido do ordenamento xurídico estatal, os MVMC atópanse regulados primordialmente pola Lei 55/1980, de Montes Veciñais en Man Común, sendo de aplicación supletoria a Lei 43/2003, de Montes, no relativo aos montes privados. Complementariamente ao marco xurídico estatal, que ten carácter de lexislación básica, na Comunidade Autónoma de Galicia resultan de aplicación, en primeiro termo, as prescricións da Lei 13/1989, de MVMC, xunto cos artigos 56 a 63 da Lei 2/2006, de Dereito Civil de Galicia (LDCG) e mais a Lei 7/2012 de Montes de Galicia.
Cómpre citar o concepto que aporta o artigo 1 da LMVMC de Galicia: << Son MVMC (…) os que, con independencia da súa orixe, posibilidades produtivas, aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais, e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros das mesmas, na súa condición de veciños con casa aberta e con fume.>>
Os montes veciñais son, en consecuencia, montes privados de natureza especial, a cal se revela no seu réxime de propiedade en común, sen asignación de cotas. A titularidade destes montes corresponde aos veciños que en cada momento integren o grupo comunitario aludido. Son pois as CMVMC, comunidades xermánicas de bens, nas que os montes compartidos son indivisíbeis, estando estas comunidades integradas polos residentes en cada momento no lugar de que se trate. Especificamente, a gráfica expresión de ‘veciños con casa aberta e con fume’ vincula con gran claridade e contundencia a pertenza á comunidade a unha residencia real e efectiva no territorio.
A peculiar e singular natureza xurídica dos MVMC e, consecuentemente, das CMVMC que son titulares dos mesmos determina que non resulte sinxelo concretar certos caracteres do seu réxime xurídico. Ocorre así, respecto da súa personalidade xurídica e, vinculada a este concepto, da súa capacidade xurídica e de obrar. É claro, por unha banda, que, no ordenamento xurídico español, a CMVMC, como Comunidade de Bens que é, concíbese como unha entidade carente de personalidade xurídica propia en sentido estrito.
O informe pericial encargado polo OEGA evidencia que se trata dunha cuestión de carácter formal ou de técnica lexislativa, no senso de que esta falta de personalidade xurídica en puridade non obsta que estas comunidades teñan plena capacidade xurídica para actuar por si mesmas no tráfico xurídico, sendo quen de intervir en actos ou negocios no seu propio nome, incluído o exercicio de cantas accións sexan precisas para a defensa dos seus específicos intereses.
O informe do OEGA resalta que o recoñecemento legal de plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins ás CMVMC resulta incompatible con negarlles a capacidade de actuar en nome propio. Complementariamente, recóllese no informe que se a normativa europea empregou en concreto a expresión de ‘entidades xurídicas’ no canto da máis convencional de ‘persoas xurídicas’ probablemente foi coa intención de evitar as diverxencias entre países na definición do concepto da personalidade xurídica.
Considerando que o adxectivo “aberta” pode ter diversos significados no dereito europeo, cómpre mencionar que no considerando 44 da Directiva 2019/944 o que se entende con esta expresión é que “a pertenza ás comunidades enerxéticas cidadás debe estar aberta a todas as categorías de entidades”. Esta mesma acepción tamén aparece no considerando 71 da Directiva 2018/2001, que se expresa do seguinte xeito: Os Estados membros deben ter a posibilidade de elixir calquera forma de entidade para as comunidades de enerxías renovables, sempre que dita entidade poida exercer dereitos e estar suxeita a obrigas actuando por conta propia. É evidente que, se lle damos este significado ao termo “aberto”, hai que admitir que o MVMC cumpre o requisito, na medida en que se trata de “calquera forma de entidade”. É dicir, débese entender como un exercicio de liberdade na configuración xurídica das comunidades enerxéticas.
Ademais, o artigo 22.1 da Directiva 2018/2001establece que os consumidores finais que participan en comunidades de enerxías renovables o fagan “sen estar suxeitos a condicións inxustificadas ou discriminatorias”. E o considerando 71 desa mesma Directiva aclara que a participación en proxectos de enerxías renovables “debe estar aberta a todos os posibles socios locais, baseándose en criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios”.
Segundo o artigo 1 da Lei de Montes Veciñais e segundo os artigos 56 e ss. Da Lei do Dereito Civil de Galicia, a cotitularidade dos potenciais membros dun MVMC depende da súa condición de veciños residentes habituais no ámbito xeográfico no que se asenta o grupo social ao que pertencen. En principio, non parece dubidar de que se trata dun criterio legal, obxectivo, transparente e non discriminatorio e, polo tanto, conforme ás esixencias legais europeas e españolas.
A Directiva europea sinala a voluntariedade na participación nas comunidades de enerxía renovable como un requisito fundamental. O que interesa, polo tanto, é dilucidar se o ingreso e máis a saída dunha CMVMC poden ser considerados voluntarios ou non.
O feito de que haxa que solicitar a entrada e saída da comunidade non impide falar de voluntariedade, xa que será un mero requisito formal. Pola súa parte, o artigo 63 da Lei do Código Civil de Galicia establece que a perda de condición debe ser acordada pola Asemblea Xeral. Existe xurisprudencia que indica que non se pode tomar arbitrariamente a decisión de expulsar a un comuneiro ou comuneira.
Pódese concluír que a entrada e a saída son voluntarias.
Este requisito recóllese no artigo 2. 16 da Directiva 2018/2001onde se sinala que as comunidades enerxéticas deben estar controladas polos seus membros. Na normativa española (art. 4.j) do RD Lei 23/2020) tamén se esixe que as comunidades de enerxías renovables sexan autónomas.
No moi mencionado considerando 71 establécese que “Para evitar abusos e garantir unha ampla participación, as comunidades de enerxías renovables deben poder conservar a súa autonomía respecto dos membros individuais e doutros axentes habituais no mercado que participan na comunidade como membros ou socios, ou que cooperan outras formas, como a través do investimento.”. En consecuencia, a esixencia de autonomía implica que os membros da comunidade enerxética exerzan un control e dirección estratéxicas da comunidade enerxética, que non poden quedar en mans exclusivas de ningún deles nin de terceiros.
A autonomía da comunidade de veciños para a ordenación, administración e disposición do monte e dos seus aproveitamentos fica patente na normativa legal e nos respectivos estatutos que deben respectala e compatibilizase coa intervención da Administración que controla o cumprimento da lei. O preámbulo da LMVMC refírese expresamente á devandita autonomía cando recoñece que “Esta Lei outorga á Comunidade de veciños plena autonomía para a xestión e disfrute do monte”.
O funcionamento das CMVMC reproduce de forma íntegra a capacidade que teñen os seus órganos (asemblea e xunta reitora) para tomar decisións autónomas sobre o que mellor consideren para os recursos que xestionan.
O artigo 12 do Regulamento de 1989 que desenvolve a LMVMC sinala que “o importe das cantidades satisfeitas polos negocios xurídicos a que se refire este título (refírese aos contratos de aproveitamento do monte) deberá imputarse á mellora do monte, ou establecemento de obras ou servizos de interese xeral para a comunidade propietaria do monte”, destino que claramente “bloquea” a finalidade comercial das Comunidades de Montes. Ademais, o artigo 125 da LMG establece a obriga das comunidades de montes veciñais en man común de destinar unha porcentaxe mínima do 40% do conxunto dos ingresos, con carácter xeral, a reinvestimento en melloras e protección forestal do monte.
En ningún caso, a configuración das CMVMC como comunidades enerxéticas permite considerar ao monte comunal como unha entidade de carácter comercial destinada a enriquecer os seus membros mediante o uso da enerxía, senón que, tal e como esixe a normativa europea, a ofrecer beneficios medioambientais, sociais e económicos para os veciños que compoñen a comunidade.
En consecuencia, as MVMC que, no seu caso, se constituísen como comunidades enerxéticas, cumprirían tamén con este último requisito.
Finalmente, cómpre lembrar que, de acordo coas dúas Directivas 2018/2001 e 2019/944, os Estados da UE deben proporcionar un marco legal facilitador ou favorable ás comunidades enerxéticas (artigo 16.2 Directiva 2019/944). Este marco debe permitir o fomento e facilitación do desenvolvemento das comunidades enerxéticas, para o que, entre outros, o art. 22.4 a) indica «Eliminaranse os obstáculos normativos e administrativos inxustificados ás comunidades de enerxías renovables» ou, segundo a letra h) do mesmo precepto, «proporcionarase apoio normativo e capacitación aos poderes públicos para fomentar e crear comunidades enerxéticas renovables…».
Destas disposicións e do conxunto normativo que integran ambas Directivas despréndese a vontade da Unión de promover as comunidades enerxéticas, para o que ordena aos Estados que non poñan obstáculos innecesarios, de carácter formal ou de calquera outra índole, para a súa creación; pola contra, deben tratar de promover a súa incorporación e dotar aos consumidores que o desexen dun marco legal favorable para facelo.
Por todo o anterior, desde o OEGA non entendemos que a nova convocatoria CE IMPLEMENTA do IDAE non considera a posibilidade de que as CMVMC sexan beneficiarias das axudas para a descarbonización da economía en xeral e do medio rural en particular.
Se estás interesado/a en dispor dunha copia do informe, solicítaa aquí (observatorio.eolico@uvigo.gal) indicando os teus datos e breves argumentos sobre o teu interese.