A Comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo, está conformada polos Concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade. Esta Comarca conta no 2020 con case 40.000 habitantes dentro dun territorio de algo máis de 1800 qm2.
Como moitas outras comarcas do interior do País, estas terras chairegas padeceron nas últimas décadas unha drenaxe poboacional: desde 1998 a comarca da Terra Chá perdeu 10.000 habitantes, a unha taxa media anual de 1%, representado o 20% da poboación inicial. De feito, este ritmo de decrecemento poboacional é superior á media galega: se en 1998 os chairegos e chairegas eran 1,82% da poboación galega, 22 anos despois, no 2020 tan só representaban o 1,47%.
A Terra Chá, ben o saben os seus habitantes, non é das comarcas máis desenvolvidas nin de Lugo nin de Galicia. Son ben comúns os seus problemas de desocupación, envellecemento, carencia de bos servizos públicos, etc. Incluso usando indicadores moi coñecidos por todos e todas, como é Renda Dispoñible , é dicir, a Renda que realmente fica no peto dos seus moradores, os habitantes da Terra Chá sitúanse lonxe da media galega. Xa sabemos, que a media galega está lonxe da media do Estado español. E que a media dos españois está lonxe da media dos europeos. Polo tanto, a conclusión é fácil: en termos relativos, os 40.000 habitantes da Terra Chá teñen unha peor calidade de vida da que teñen noutros territorios (medida mediante ese indicador que sinalamos. Pódese observar na gráfica adxunta).
Esta Comarca é a campioa galega en potencia instalada e en produción de electricidade renovable as partir do vento. Vexamos 4 datos básicos:
Cando a autosuficiencia local, comarcal ou nacional non é un obxectivo, cada territorio especialízase naquilo que ten unha avantaxe. Esta pode ser a dotación de recursos naturais, a formación do seu capital humano, a súa posición xeoestratéxica, etc. Cando é o mercado quen toma esas decisións agroman importantes asimetrías en termos de benestar económico, de reparto de custes sociais e ambientais e de calidade de vida. Hai miles de exemplos que verifican ese feito. Ás veces, os gobernos actúan para tentar corrixir esta situación. E poucas acertan coa súa corrección, debido á fraqueza das súas medidas. Este caso que comentamos, o da Terra Chá, móstranos de forma moi cristalina algunhas desas asimetrías. Esa comarca ten contribuído a atenuar o cambio climático, coa produción de tantos MWh renovábeis. En cambio, iso non supuxo un cambio de tendencia nos procesos históricos de abandono dos recursos agrarios, de despoboamento das aldeas e de perda poboación en xeral. Os gobernos, e o galego especialmente, non fixeron nada para corrixir esas tendencias e tiveron unha grande oportunidade: a que se deriva da existencia dunha riqueza inesgotábel nos montes chairegos.
Nos próximos anos, se os proxectos en tramitación por compañías multinacionais avanzan, centos de MW novos chegarán a esas terras. Cambiarán, agora si, as tendencias de deterioro económico e social que se padecen nesas terras?. Nós pensamos que os gobernos, galego e español deben cambiar urxentemente súas políticas para que a resposta non sexa a dos últimos 25 anos: “veñen os de fóra a aproveitar os recurso renovábeis da nosa terra, e para nós só quedan os problemas”.