Máis una vez, o Observatorio Eólico de Galicia descobre que o medio rural fica á marxe de calquera proceso de transición ecolóxica xusta, no que desenvolva un papel relevante. No seu canto, os aeroxeradores desenvolvidos por empresas externas ao medio rural colocan esas infraestruturas en territorios con moita dispoñibilidade de potencial eólico, transforman as paisaxes e realizan suculentos negocios deixando no medio rural pequenas migallas inútiles para facer fronte ás negativas tendencias que o acurralan.
Este caso que contamos é, até agora, o peor dos resultados da implantación de parques eólicos en Galicia (sen ter en conta as expropiacións). Nin tan sequera 1.000 euros anuais por MW…..
Despois de 10 anos de tramitación, o parque eólico Serra das Penas foi posto en marcha en 2019 pola empresa Enel Green Power España, S.L. (EGPE). Trátase dun parque eólico que ten estes trazos:
O parque eólico, admitido a trámite en 2004, fora autorizado en 2009 á empresa Endesa Cogeneración y Renovables. O seu Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal foi publicado en setembro de 2009 a raíz do Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 30 de xullo de 2009, polo que se aprobaba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do mencionado parque eólico.
En 2010, os dereitos do parque eólico pasan a Enel Green Power España, S.L. Ademais desta, durante este período prodúcense outras modificacións: cambio da potencia total, cambio do modelo de aeroxerador e cambio na declaración de utilidade pública.
Enel Green Power España, S.L. está participada ao 100% por Endesa. Esta está participada por ENEL IBERIA, SL no 70,1%, a súa vez propiedade total de ENEL SPA. Esta última compañía é propiedade do Estado Italiano nun 23,6%.
Trátase dun parque cuxa tramitación se iniciou en 2004. Por diversas razóns, demoráronse case 15 anos en finalizar o procedemento. A empresa solicitou, e conseguiu, a declaración de Utilidade Pública do parque, dando lugar a procedementos expropiatorios. OEGA descoñece aínda cantos predios foron expropiados, e cales foron os prezos xustos alcanzados.
Durante o ano 2018, a empresa puxo en marcha o que podemos denominar “Operación de Apropiación de Terras” (OAT).
En que consiste OAT? A empresa deseñou unha estratexia empresarial para pagarlle aos propietarios/as rurais a menor cantidade posible e para iso valeuse, polo menos, de dúas pancas.
Agapito visitou a todos os propietarios e propietarias. Como bo negociador, realizou múltiples reunións individuais, nas casas de cada un dos propietarios. Volveu a cada casa tantas veces como necesario. Nunca realizou unha reunión colectiva con todos ou parte dos propietarios. Comezou a coñecer a cada unha das familias, seus nomes, de que vivían, principais problemas de cada casa, nome dos avós e dos netos, etc. Preguntaba sempre pola familia. Ía ao bar da vila, e asistía a eventos eclesiásticos. Por suposto, Agapito ía soltando a información que lle interesaba no momento oportuno, e ía calibrando o contido das súas mensaxes segundo a aprendizaxe previa da situación socioeconómica do propietario. Así, ía conseguindo sinaturas en documentos que rapidamente reportaba a seus xefes inmediatos. Estes facían apostas sobre canto tempo tardaría Agapito en conseguir o obxectivo perseguido: ter cantos máis contratos asinados mellor cunha contía canto menor mellor. E así foi tirando Agapito, de carreiro en carreiro, de pasteiro en pasteiro, de lareira en lareira….
Conclusión
Coas limitacións de información mencionadas antes, o resultado final é coñecido polo OEGA: menos de 750 euros de pagamento anual en 2020 pola ocupación de terras que agora teñen chantado un aeroxerador, é dicir, ocupadas en pleno dominio por EGPE. Cada turbina produciu nese ano, segundo a nosa propia estimación, 227.742,80 euros. É dicir, Agapito conseguiu o que ninguén antes conseguira: asinar un contrato onde o que perciben os propietarios das terras ocupadas por pleno dominio sitúase no 0,65% da facturación estimada.
Agapito marchou para outro territorio. Segue a usar a súa destreza negociadora para garantir que súa empresa poida desenvolver parques eólicos que ocupan terras agrarias polas que pagan unha miseria a comunidades rurais indefensas. Transición enerxética xusta?