Importante incremento dos procesos expropiatorios nos parques eólicos de Galicia
18 Novembro, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
O Observatorio Eólico de Galicia recompila e analiza os procesos administrativos de todos os parques eólicos no territorio galego. Froito deste traballo constante o OEGA ten detectado como nos últimos dous anos se ten producido un importante incremento dos procesos expropiatorios nos parques eólicos de Galicia con cerca de 20 parques eólicos que suman máis de 400 MW de potencia con procesos expropiatorios. Esta é unha cuestión relevante xa que vai en contra dos obxectivos que persigue o Observatorio como é avanzar na xustiza enerxética e, concretamente, na xustiza distributiva desta actividade enerxética nas áreas rurais.
A análise do OEGA, cun seguimento constante do diario oficial de Galicia, constata como o aumento dos procesos expropiatorios en parques eólicos en tramitación no territorio galego se produce a partir da aprobación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. Esta Lei modifica a Lei 8/2009 do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Concretamente, en relación coa expropiación, a modificación normativa elimina a necesidade de que os promotores teñan que xustificar os motivos da solicitude da declaración de utilidade pública do seu proxecto eólico. É dicir, a Lei 8/2009 esixía esa condición para iniciar o proceso da expropiación, obrigando aos promotores a xustificar os motivos que impediron chegar a un acordo cos propietarios dos terreos eólicos que a eviten. Como é sabido, esta declaración de utilidade pública, que levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos afectados e implicará a súa urxente ocupación exerce de elemento explicativo fundamental para entender os procesos de aceptación local das centrais eólicas e os resultados económicos dos procesos negociatorios.
Desde o OEGA considérase que a eliminación da necesidade de xustificar os motivos polos que non foi posible chegar a un acordo entre a empresa promotora e os propietarios dos terreos só se pode entender como un retroceso na transparencia e na xustiza enerxética do procedemento e supón, de facto, a eliminación dun dos poucos resortes cos que contaban os propietarios dos terreos eólicos para tratar de mellorar os resultados económicos da ocupación das súas terras con potencial eólico.
O OEGA cree necesario modificar a normativa eólica galega no atinxido aos procesos expropiatorios, retomando a necesidade de xustificar os motivos polos que se inicia un procedemento expropiatorio e establecendo mecanismos que garantan que a expropiación é unha opción extraordinaria e non un mecanismo ordinario máis de acceso aos terreos eólicos por parte das empresas promotoras.