OEGA participa no libro “Associativismo em Áreas Comunitárias” cun capítulo sobre enerxía eólica
18 Novembro, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
O investigador do Observatorio Eólico de Galicia Damián Copena ten publicado recentemente un capítulo no libro Associativismo em Áreas Comunitárias, publicación ten sido editado pola entidade asociativa Federação Nacional dos Baldios, BALADI. No capítulo, que ten como título “Atividades promovidas ou interferindo com os baldios mediante contrato de cedência: os parques eólicos”, analízanse os procesos vinculados coa enerxía eólica en terreos comunitarios, abordando como nas propiedades comunitarias de Portugal (os baldíos) hai moitos posibles aproveitamentos e actividades económicas a desenvolver dentro dunha racionalidade multifuncional. Dentro deles, o aproveitamento do vento para a produción de enerxía eléctrica con a instalación de parques eólicos cos aeroxeradores e outras infraestruturas asociadas están a acadar grande relevancia. Certamente, tal e como ocorre no territorio galego, en moitos terreos dos baldíos hai boas condicións de vento coas que poder obter renovable o que favoreceu a instalación de aeroxeradores, que creceu moi rapidamente nos últimos anos en Portugal continental, con máis de 5.300 MW de potencia instalada e uns 2.800 aeroxeradores en funcionamento.
O texto do investigador do OEGA, que xa ten colaborado en varias ocasións coas entidades asociativas dos baldíos de Portugal, mostra como sería posíbel mellorar e incrementar as rendas derivadas da enerxía eólica que fican no rural. O texto presenta algunhas alternativas contractuais e incide, sobre todo, nas cláusulas máis importantes para seren incluídas nos contratos de arrendamento entre as partes. Os baldíos, conclúe o texto, teñen que apostar por incrementar a información dispoñible e transparentar os procesos, no sentido de impulsar a participación de todos os membros das comunidades, para tratar de alcanzar resultados máis xustos.
Ate o momento os propietarios dos terreos comunitarios con potencial de produción de enerxía eólica non tiveron oportunidades para autoxestionar o recurso endóxeno (o vento) e desenvolver por si mesmos parques eólicos. Nese senso, o capítulo conclúe que sería moi positivo un cambio lexislativo que poña en marcha figuras específicas para a autoxestión real do recurso eólico, como sucede noutros territorios. A autoxestión do recurso e un reparto máis xusto dos beneficios da actividade eólica son unha cuestión ligada coa xustiza distributiva e sobre a que é necesario avanzar nos vindeiros anos. O observatorio presta especial atención a este tipo de procesos innovadores.