Xunto con Iberdrola, Naturgy, EDP e Greenalia, Enel Green Power España lidera a febre de grandes parques eólicos en Galicia nas últimas semanas. En concreto, Enel Green Power España ten en tramitación, entre outros, o macro parque do territorio máis setentrional de Galicia de 611 MW, 128 aeroxeradores, 122 quilómetros de liña de alta tensión (LAT), 446 puntos de apoio para esa LAT e un investimento de 579 millóns de euros. Este parque eólico situaríase en dúas provincias (Lugo e A Coruña) e en 12 concellos: A Capela , As Somozas, Cabanas, Cedeira, Cerdido, Fene, Guitiriz, Moeche, Neda, San Sadurniño, Valdoviño, Vilalba e Xermade.
Enel Green Power España, filial de Endesa, presentou nas últimas semanas petición de autorización administrativa previa e avaliación do impacto ambiental para 6 parques diferentes e as súas infraestruturas de evacuación. Son os parques eólicos de Tesouro, Caaveiro, Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche. A promotora presenta as peticións de forma individual. Sen embargo, é necesario subliñar o seguinte, mostrando indicios de que se trata dun único macroparque.
En resumo, todo parece indicar que estamos diante dun gran e único parque eólico que o promotor presenta fraccionado. Conxunta ou fraccionadamente, esta infraestrutura someteríase á validación ordinario do impacto ambiental. Sen embargo, ao estudarse por separado, o impacto ambiental dos parques eólicos pode ocultar ou facer menos visíbeis os impactos sinérxicos e acumulativos que unha infraestrutura desta dimensión pode ter sobre o territorio, sobre os ecosistemas e sobre as comunidades locais.
Como xa temos explicado noutras partes deste blogue, e tamén na Guía para propietarios, en Galicia só é posible colocar aeroxeradores dentro das superficies denominadas Áreas de Desenvolvemento Eólico establecidas polo Plan Sectorial Eólico de Galicia. Na proposta de Enel, a totalidade do parque eólico de Caaveiro, Badulaque e Santuario están fóra das ADEs; no caso de Barqueiro, excepto 5 aeroxeradores, os 25 restantes tamén se encontrarían fóra das ADEs; en Tesouro o reparto sería do 50% mentres Moeche sería o único parque eólico proposto no que a totalidade dos seus aeroxeradores estaría dentro dunha ADE.
Nestas situacións, debe ser a Xunta de Galicia quen tome a iniciativa. Durante a primeira fase da avaliación ambiental, xa superada para todos estas propostas, debería ter presentado informe desfavorable aos parques eólicos que incumpren a norma autonómica. da Xunta para o parque eólico Caaveiro. Non sabemos se o fixo para os restantes casos. Ademais, durante a fase de autorización previa, como a que ocorreu, no caso de Caaveiro e Tesouro, ou está a ocorrer nestes momentos, para os restantes, a Xunta de Galicia debería persoarse reincidindo cos seus informes desfavorábeis.
Por outra parte, todos estes proxectos inclúen o que eles denominan “posicións de reserva”, é dicir, aeroxeradores adicionais para os que a empresa solicita autorización previa e avaliación ambiental. Este concepto de “autorización previa para aeroxeradores de reserva” é algo totalmente novidoso e descoñecido para o Observatorio. Revisados os documentos presentados pola empresa e analizados o marco normativo estatal que regula estes procedementos de autorización, a Lei 24/2013 do Sector Eléctrico e o Real Decreto 1955/2000 polo que se regulan as actividade de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o marco regulador da avaliación ambiental, a Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental, en ningún caso aparece o concepto de “reserva de posicións”, ou conceptos similares que poidan avalar ese interese de autorizar esas posicións. A autorización debería realizarse, se procede, para uns puntos concretos, cunhas gabias de conducións e unhas redes de transporte específicas, e a avaliación ambiental debería incluír as infraestruturas a executar, nunhas posicións determinadas. A arbitrariedade que suporía deixar posicións de reserva a disposición da empresa podería invalidar a totalidade do procedemento de avaliación ambiental e de autorización previa. Así mesmo, ese feito é unha arma de negociación nas mans da empresa fronte aos propietarios e propietarias das terras eólicas, ampliando aínda máis a asimetría negociadora xa existente cando esas posicións de reserva non estaban presentes.
Unha actividade de investimento deste calibre ten un impacto territorial superlativo, e non só pola dimensión dos seus aeroxeradores ou da potencia total instalada, senón, sobre todo, pola súa extensión por zonas vastas do territorio de varias comarcas coruñesas e luguesas. Iso suporía a afección significativa a elementos patrimonios catalogados e, seguramente, a outros aínda por catalogar. Todas as cautelas para a conservación deses elementos serán necesarias e a posta en marcha de restricións absolutas que garantan a súa conservación son salvagardas imprescindíbeis para protexer os elementos patrimoniais, tan abundantes neste territorio. Sen ánimo de sermos exhaustivos, unha rápida revisión das afeccións sitúa ao Castro das Croas e a Castro de Lousada como elementos afectados polo parque eólico Badulaque; ás Mámoas do Muro polo parque eólico Barqueiro; Mámoas do monte Marraxón, Castro de Ancos e Mámoas do Alto da Serra, como elementos catalogados severamente afectados polo parque eólico Caaveiro; Mámoa dos Caneiros e, sobre todo, Castelo de Moeche, elementos afectados polo parque eólico que leva o nome dese castelo; o parque eólico Santuario, sendo o máis grande dos contemplados nesta macro petición de Enel, tamén sería, como se pode ver no plano anexo o parque coas maiores afeccións a elementos patrimoniais e, polo tanto, o que maior impacto paisaxístico produciría; finalmente, Tesouro, o parque eólico máis pequeno dos propostos, incidiría directamente sobre as Mámoas do Pico Castro.
Estes efectos refírense unicamente aos aeroxeradores. As cautelas e restricións deben incluír os efectos das gabias de condución da electricidade, das pistas de comunicación interna nos parques eólicos e as liñas de evacuación. Estas, como se sinalaba anteriormente, estenderanse por máis de 120 quilómetros e terán case 450 apoios. Non é necesario recalcar que o impacto territorial destas infraestruturas e moito máis que aditivo: resultará acumulativo e multiplicativo.
Sen pretender, nin moito menos, realizar unha análise do impacto ambiental destes parques e de todas as infraestruturas relacionadas, os seus efectos acumulativos e multiplicativos son, se cabe, moito máis evidentes no ámbito ambiental do que o son no ámbito cultural e paisaxístico. O parque eólico Tesouro ten posicións de aeroxeradores e infraestruturas que se incrustan directamente no espazo de Rede Natura Xubia Castro, sen considerar en ningún caso posíbeis zonas de transición entre un espazo ambiental cunha alta protección ambiental e as súas zonas circundantes. Santuario, pola súa banda, sitúase totalmente dentro da Reserva da Biofera Terras do Miño, e os aeroxeradores e súas infraestruturas envolverían polo Norte, o Leste e o Oeste ao espazo de Rede Natura Parga-Ladra-Támoga. Como se observa no plano anexo, as infraestruturas deste parque eólico penetran directamente nos espazos incluídos dentro deste elemento ambiental con alto valor ecolóxico. Pola súa parte, os parques eólicos Moeche e Caaveiro incidirían no espazo de Rede Natura Xubia-Castro. Pola súa parte, o parque eólico Barqueiro colocaría os aeroxeradores máis ao norte de toda Galicia, ocuparía espazos ate agora virxes e suporía un impacto ambiental e paisaxístico de primeiro nivel, ao situar as infraestruturas enerxéticas nas proximidades da Rede Natura Ría de Ortigueira e Ladrido e tamén perto de Estaca de Bares. Na ADE denominada Estaca de Bares, situada ao norte das posicións máis setentrionais da proposta de Barqueiro, está autorizado desde 2011 o parque eólico Punta Maeda, admitido a trámite en 2006, mais aínda sen executar.
Despois de consultalo co equipo xurídico do OEGA, a conclusión é que estes parques eólicos requiren unha modificación significativa da súa configuración estrutural, para cumprir con todos os requisitos para unha autorización administrativa, e a súa definición debe sufrir fondas transformacións, para atenuar os efectos ambientais e os seus efectos territoriais.Malia esa conclusión, OEGA quere compartir cos seus lectores unha breve referencia ao que serían as superficies vinculadas cos cambios urbanísticos e as superficies que denominamos zonas de exclusión de competidores. Esas superficies ficarían afectadas de algún xeito.E usaremos o parque eólico Barqueiro como exemplo.
A normativa galega establece que o Consello da Xunta de Galicia aprobará a consideración do proxecto sectorial dos parques eólicos como un proxecto de incidencia supramunicipal. Entre as consecuencias dese feito, encóntrase o cambio da cualificación urbanística para as superficies afectadas polo parque eólico. Ese cambio vincúlase coas gabias, coas liñas de transporte, coas subestacións e cos aeroxeradores. En relación con estes últimos, establécese un cambio urbanístico nun radio de 200 metros arredor de cada aeroxerador. Iso son 12,5 hectáreas, como as que aparecen marcadas no plano anexo, por cada turbina, que pasarán de ser rústicas a rústicas de protección de infraestruturas (RPI). Para o caso deste parque eólico, a terra que se consideraría RPI sería de 420,5 hectáreas.
No mesmo mapa figura a zona de exclusión de competidores vinculada con cada un dos aeroxeradores. Pódense ver tanto os 30 aeroxeradores “titulares” como os 4 “reservas”. Iniciar a tramitación dun parque eólico, en Galicia, ten premio: exclúe a terceiros de peticións en zonas de influencia. Nesas zonas, que se establecen en 10 e 4 veces o diámetro de varridos nos primeiro e terceiro e nos segundo e cuarto cuadrantes, respectivamente, o promotor adquire dereitos exclusivos e monopolísticos: ninguén poderá desenvolver outro parque eólico sen o consentimento do promotor. No caso de Barqueiro isto suporía 8.086 hectáreas.
Hai moitas consecuencias deses dous feitos, que superan o obxectivo desta nota divulgativa. Só mencionar que a Relación de Bens e Dereitos Afectados publicada cando un promotor solicita a declaración da utilidade pública dun parque eólico, que non é o caso aínda para ningún dos 6 parques de Enel que se comentan, sempre é unha fracción da superficie afectada urbanisticamente e unha fracción moito maior da superficie de exclusión de competidores.
Estes parques eólicos converteríanse en parques eólicos cunha produción astronómica, en relación á media existente en Galicia. O elevado recurso existente nesas posicións e a tecnoloxía de alta xeración incorporada nos aeroxeradores previstos (área de varrido de 170 metros de diámetro a unha altura de buxa de 115 metros) converterían os parques eólicos previstos nas industrias con maior factor de potencia, sempre superiores a 3.800 horas anuais de produción e arredor das 5.000 horas anuais para Barqueiro e Badulaque.
Non queremos deixar de resaltar algunhas particularidades referidas ao enorme impacto territorial dos parques eólicos previstos. Especialmente significativo sería o caso de Barqueiro: os tres aeroxeradores máis orientais encóntranse situados a máis de 18 quilómetros da subestación dese parque eólico. É dicir, esa distancia debe ser “ocupada” por infraestruturas de condución e transporte de electricidade ata a subestación. Esta ocupación tan extensa quizais se vincule co obxectivo de expulsar a competidores, comentada anteriormente.
Enel pretende ocupar con fontes renovábeis a capacidade de evacuación que fica libre nas Pontes de García Rodríguez co peche da súa propia térmica. Trátase dun pastel apetecíbel para varios promotores o cal está a impulsar esta burbulla de proxectos que se observa nesa parte do territorio. A posibilidade de vincular eses investimentos con proxectos next generation, xerados a partir da pandemia, non é un factor descartable como explicativo desa inflación de proxectos.
Se ben Enel presenta por separado os 6 proxectos, neste artigo de divulgación reflexiónase sobre a natureza conxunta das actuacións. Así mesmo, destácase o feito de que unha parte moi significativa dos aeroxeradores propostos estaría fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico. A presenza de “posicións de reserva” tamén provoca certas dúbidas sobre o cumprimento de todos as esixencias normativas requiridas nos procesos administrativos de autorización.
Finalmente, apúntanse tamén como moi significativos os impactos territoriais das industrias previstas. Os efectos sobre o patrimonio cultural e o impacto paisaxístico destas novas infraestruturas serían agudos. Así mesmo, os seus efectos ambientais sobre espazos ambientalmente sensíbeis tamén foron mencionados.