OEGA, parte do Fondo de Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica
24 Maio, 2021
Autor: OEGA
0 Comentarios
O responsable do OEGA, Xavier Simón, integrouse no equipo asesor do Fondo de Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC) . O principal obxectivo deste fondo é dotarse dun soporte económico para promover accións legais en defensa da biodiversidade e da paisaxe da Cordilleira Cantábrica e a súa contorna fronte á avalancha de megaproxectos de enerxía eólica.
Para alcanzalo púxose en marcha unha campaña de crowdfunding, desenvolvida a través de migranodearena.org, plataforma de recollida solidaria de fondos, até o 5 de xuño de 2021, Día Mundial do Medio Ambiente.
Tres son os ámbitos nos que se define a acción do Fondo:
Defensa xurídica. Preténdense impulsar accións legais no ámbito xudicial europeo, estatal e autonómico contra as accións das administracións públicas e contra a normativa sectorial que conculque a planificación e ordenación territorial previas. Tamén se tratará de actuar no caso de que esas accións contraveñan os tratados internacionais que regulan os dereitos de participación cidadá a respecto do medio ambiente.
Asistencia a colectivos. O FDXCC axudará nas accións legais e de mobilización cidadá de diferentes colectivos, asociacións e comunidades locais que persigan os mesmos fins de defensa da biodiversidade e da paisaxe. Así mesmo, crearanse modelos de alegacións, recursos para seren usados nos procesos de autorización administrativa dos parques eólicos.
Base de coñecemento en liña. Co fondo crearase unha base de coñecemento de acceso público mediante ferramentas de difusión documental.
Os impulsores desta iniciativa son a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) , a Plataforma Bierzo Aire Limpio, a Mesa Eólica Merindades de Burgos, a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, a Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos e a Sociedade Galega de Ornitoloxía.
O Observatorio intégrase no equipo asesor co ánimo de contribuír a unha transición enerxética que integre os valores ambientais e non deixe atrás ás comunidades rurais