Terceira sesión dos Venres ao Vento, 13 de novembro. A enerxía eólica desde a perspectiva local: Câmaras Municipais portuguesas e Concellos galegos.
29 Outubro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Dentro do Seminario Internacional por un Sistema Enerxético Sustentable e Equitativo, o vindeiro venres 13 de novembro terá lugar a terceirasesión virtual. A temática versará sobre a percepción das autoridades locais sobre a enerxía eólica e, en xeral, sobre a transición enerxética. Para iso, serán parte da Mesa representantes de concellos galegos e de Câmaras municipais de Portugal
No caso galego, propomos unha mesa que represente a concellos que se adscriban aos tres grupos parlamentarios con representación no parlamento galego.
Así, contarase coa participación de Fernando Pérez, alcalde do Concello de Vilasantar, na provincia de A Coruña. O concello de Vilasantar está gobernado polo Partido Popular. Vilasantar é un concello gandeiro no que se pretendeu instalar o Parque Eólico Lavandeira, de 51,975 MW, ao que finalmente renunciou a promotora. Na actualidade, está en trámite ambiental o parque eólico Abrente, de 27,6 MW.
Tamén participará Manuel Requeijo, alcalde de Muras, que pertence ao Bloque Nacionalista Galego. Muras, situado na Serra do Xistral, provincia de Lugo, é un concello sen parangón eólico en Galicia: conta con case 400 aeroxeradores e máis de 20 parques eólicos que se sitúan total ou parcialmente no seu territorio. Ademais, Muras conta con medidas de apoio económico aos seus habitantes para compensar a factura eléctrica doméstica. Mariano Iglesias, alcalde de Mesía, será o terceiro alcalde galego nesta mesa. Pertence ao Partido Socialista. Mesía está situada na Comarca de Ordes, unha comarca gandeira da provincia de A Coruña. Mesía non conta con ningún parque eólico pero atravesado por numerosas liñas eléctricas de evacuación de enerxía, dada a súa proximidade a puntos críticos de conexión de alta tensión. O parque eólico Gasalla, en trámite ambiental, está pensado para situarse no territorio de Mesía e de Frades, un concello limítrofe.
Finalmente, para comparar a situación entre Galiza e Portugal, participará na mesa Manoel Batista, presidente da Câmara Municipal de Melgaço, situada no Alto Minho portugués. A Câmara de Melgaço conta con elevada potencia eólica instalada e coñecer de primeira man a percepción das autoridades locais portuguesas permitiranos entender mellor o alcance das dinámicas da transición enerxética e as posibilidades de apostar por modelos enerxéticos diferentes.
Se queres ser parte deste Seminario, que se desenvolverá online, debes rexistrarte. Para iso podes usar estes enlaces, para facelo en español, ou en galego.