Neboada, Xeada, Treboada, Ventumelo e Orballeira…non anuncian o tempo de invernía nas Terras de Trives e de Valdeorras. Eses son os nomes que reciben cinco parques eólicos que están en proceso de autorización nesas terras. Son parques que comparten lazos técnicos, económicos e de propiedade empresarial. Sen embargo, cada un deles segue un proceso independente de autorización. Suporán un forte investimento en potencia renovable (case 180 millóns de euros) e un incremento da capacidade instalada (216 MW). Desde o Observatorio Eólico de Galicia preguntámonos sobre cal vai ser a súa incidencia na dinámica de desenvolvemento local nestas terras do oriente ourensán e do sur de Lugo. Trátase de territorios cunha histórica contribución á produción de enerxía renovable a partir da hidráulica. Trátase, tamén, de concellos con declive poboacional moi significativo e cuns niveis de renda per cápita entre os máis cativos de toda Galicia. Serán estes novos proxectos unha oportunidade para romper con esas dinámicas de deterioro poboacional e económico? Ímolo contar todo a continuación.
Na figura anexa pódense ver as principais características destes parques eólicos.
Os parques foron presentados ao proceso de autorización e avaliación ambiental de forma separada. Son, sen embargo, parques totalmente conectados como se pode ollar na figura anexa. Non se poden entender de forma individual pois comparten infraestruturas básicas. Por exemplo, ningún dos outros catro parques podería existir sen a subestación de Treboada. E sen a de Neboada, nin Xeada nin Orballeira existirían.
Quen son os promotores
En canto á estrutura de propiedade de Wind Hero, S.L., esta conta cun único accionista coñecido, que é a sociedade mercantil Aspemir, S.L., que participa nun 35% no capital de Wind Hero, S.L. Esta mesma sociedade, Aspemir, S.L., participa na mesma porcentaxe no capital de Wind Grower, S.L., promotora do PE Treboada. Á súa vez, Aspemir, S.L., que participa no capital social de ata un total de 26 sociedades, é participada, nun 7,21%, pola mercantil Debamina, S.L., sendo esta última sociedade propiedade do coñecido tenista Rafael Nadal Parera, nun 99,35%. Seguidamente ofrécese unha representación gráfica desta estrutura.
Como se pode concluír facilmente, é extremadamente eficiente o procedemento administrativo. Sociedades que tardan entre 2 e 5 meses en pasar de estaren constituídas como sociedades a teren admitido a trámite o seu proxecto eólico. Débese ter en conta que desde 2017, a normativa autonómica establece dereitos de exclusión para terceiros cando a Xunta admite a trámite un proxecto. É dicir, estamos nun caso de extrema eficacia administrativa e empresarial: nunha media de 3,5 meses, miles de hectáreas dos concellos ourensáns pasaron a ser de exclusividades para explotación eólica para estas empresas.
Non se pode saber con exactitude pero pódese facer unha estimación. Se consideramos as horas de funcionamento que indican as empresas promotoras e tomamos os prezos do mercado publicados por Red Eléctrica Española, as cifras son as que aparecen nesta figura
Segundo eses datos, a facturación se situaríase entre 64 e 139 millóns de euros anuais derivados dos 5 parques eólicos. Unhas cifras mareantes para uns concellos como Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Ribas de Sil e Quiroga.
Cómpre lembrar que nestes concellos hai máis de 166 MW hidráulicos instalados desde hai décadas: San Martiño, Santiago, San Clodio, ….producindo miles de GWh renovábeis.
Desde hai meses, o OEGA vén seguindo as dinámicas empresariais das empresas, os seus representantes no terreo e os propietarios e propietarias.
Os mecanismos de negociación e as cifras que están enriba da mesa non están acordes co volume de negocio esperado, coa contía dos beneficios e coa ocupación de espazo que realizan as empresas. Ímolo explicar brevemente a continuación.
En primeiro lugar, as empresas ofertan un pagamento único, unha única vez, para as ocupacións por servidumes varias. Isto é inaudito no ámbito galego (fora das expropiacións). Na nosa base de datos, todos os parques eólicos que estabelecen unha servidume pagan unha cantidade anual aos seus propietarios. Ademais, a normativa autonómica modificará a cualificación urbanística das terras, limitando usos e prohibindo algúns outros. Isto significa que os propietarios das terras perden dereitos de forma permanente. A empresa quere compensar cun único pagamento. Ademais, pola meirande parte da superficie vinculada á exclusión de competidores a empresa non pagará nada, nin unha única vez. E os seus donos perden a opción de negociar con terceiros.
En segundo lugar, as contías ofertadas por MW instalado serían un dos valores máis baixos de todo o desenvolvemento eólico de Galicia: 2.000 euros por MW sitúase moi lonxe da media galega e a anos luz de algúns acordos asinados nos últimos meses. Véxase o que aparece a continuación.
Podemos agardar cambios nas tendencias poboacionais destes concellos como consecuencia da chegada destes parques eólicos? Desgraciadamente, os antecedentes móstrannos que o modelo eólico dominante en Galicia non é útil para corrixir os desequilibrios territoriais. Tampouco para abrir oportunidades para as comunidades rurais, nin para dotar de mellores servizos públicos á cidadanía rural.
Desde o Observatorio Eólico de Galicia levamos anos demandando cambios estruturais nos modelos de apoio ás renovábeis que permitan compatibilizar a descarbonización do sistema económico con doses de equidade e xustiza dabondo para definirmos estratexias de desenvolvemento que non exclúan e non deixen a ninguén atrás. Ata agora, o modelo imperante está a deixar ao rural sen as compensacións requiridas. E cando aparecen solucións caídas do ceo, aceleradas como nunca antes e cun protagonismo exacerbado de capitais alleos e aparentemente especulativos, as inxustizas co mundo rural e as súas comunidades locais aínda son moito maiores.