O OEGA participou nunha actividade de asesoramento veciñal en Baralla, convidados polo grupo municipal do BNG, nun acto aberto a toda a cidadanía e no que participou tamén a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
A intervención do OEGA xirou entorno aos efectos socioeconómicos da enerxía eólica nas comunidades locais. A actividade de asesoramento produciuse como consecuencia da información pública vinculada coa autorización do parque eólico Reboiro, compartido por Baralla, Castroverde e O Corgo.
Desde 2019 en Baralla existen 3,3 MW en funcionamento, correspondente a un aeroxerador do parque eólico Punago-Vacariza. Son os únicos MW existentes na actualidade na comarca de Os Ancares, do que forma parte este concello xunto con Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. O veciño concello de Castroverde, incluído na comarca de Lugo, é quen ten unha maior capacidade eólica: 59,4 MW, dos parques eólicos Punago ( desde 2004) e Monciro e Serra do Punago-Vacariza (ambos iniciados en 2019). Reborio, promovido por Green Capital Power, é un parque de 49,5 MW, dos que 36 estarían en Baralla. Así mesmo, desde finais do 2021 está tamén autorizado PE Serra da Lagoa, de 29 MW, promovido por Enerxías Renovables de Galicia, S.A. Todo el está en Baralla.
Nos documentos que a promotora ten en exposición pública indícase que “grazas a esta infraestrutura crearanse novas empresas e novos postos de traballo, o que mellorará a actividade económica da zona”. Sinala tamén o impacto positivo na calidade de vida da cidadanía pois o parque “contribuirá a mellorar a calidade de subministros eléctricos na zona…diminuíndo os cortes eléctricos e as caídas de tensión”. Así mesmo, a promotora recalca que “os novos ingresos do concello pola instalación do parque serán aproveitados para novos equipamentos que mellorarán a calidade de vida dos seus habitantes”. A empresa tamén constata que no medio rural galego estase a producir un éxodo cara as cidades, polo que “calquera actividade que permita á poboación ser capaz de sustentarse ou atraer novos habitantes é un avance. Coa instalación do parque aumentará a actividade económica da zona, aproveitándose recursos previamente non aproveitados e causando poucos perxuicios en comparación cos beneficios obtidos, tanto ao medio como á sociedade”.
A promotora descarta calquera efecto sobre o turismo xa que as instalacións “van estar integradas na paisaxe da zona e as molestias causadas polo funcionamento dos aeroxeradores son mínimas”
Estas declaracións da promotora non están cuantificadas nos documentos en exposición pública. Ademais, son afirmacións sen valor xurídico: non supoñen compromisos de ningún tipo para a promotora. Se finalmente o parque é construído e os efectos positivos previstos non se producen , a empresa non padecerá ningún tipo de problema. Así mesmo, se os efectos negativos que afirma non se producirán co parque finalmente ocorresen (por exemplo efectos sobre o turismo) a promotora tampouco sufriría ningún custe.
O OEGA cuantificou a contía de algúns dos efectos económicos mencionados e presentou evidencias do que está a ocorrer noutros territorios con forte desenvolvemento eólico.
O parque eólico sería un dos parque eólicos con maior produción e produtividade dos existentes en Galicia ata agora. Segundo declara a promotora, os 173 GWh anuais de produción colocaría a Reboiro como un dos parques con maiores horas de funcionamento: case 3.500 horas, un 46% máis do que produce a media dos parques eólicos en Galicia.
Para obter esa produción sería necesario investir case 40 millóns de euros. A como se vendería a electricidade producida? Non o sabemos, claro. Fagamos unha estimación con datos de Red Eléctrica Española. Se o prezo vixente fora o de 2019, a facturación anual sería de algo máis de 9 millóns de euros anuais. Se fora o de 2020, o menor do último lustro, a penas se chegaría aos 7 millóns anuais. Sen embargo, se fora o de 2021, a facturación anual alcanzaría os 20,5 millóns anuais, e se fora o de marzo de 2022, a facturación anual sería de 35,5 millóns de euros. Nun abano de 7 a 35,5 millóns de euros, cun investimento de 40 millóns, as opcións para a empresa, e para os actores económicos locais, son inmensas.
Estimamos que o Concello de Baralla cobraría anualmente 72.000 euros polo IBI e 33.752 polo IAE (distribuíndo todo o parque entre concellos en función dos aeroxeradores). Ademais tería uns ingresos derivados do canon eólico: a recadación dese tributo autonómico sería de 32.800 euros, e será a Xunta de Galicia quen determine canta desa recadación correspondería ao Concello. Os ingresos anuais para o concello de Baralla nunca serían superiores aos 105 mil euros máis a parte correspondente do canon eólico.
Ademais recibiría unha cantidade unha única vez: a que se corresponde o ICIO, pagadoiro ao inicio da construción. O tipo impositivo vixente para ese imposto é de 3,5%, o que representaría case 1 millón de euros para este concello da comarca dos Ancares.
A empresa promotora do parque eólico Reboiro non está a solicitar a declaración de utilidade pública desta actividade. Así, descoñécese a relación de bens e dereitos afectados polo parque. Sen embargo, é obvio que os propietarios e propietarias das terras cobrarán algunha cantidade como consecuencia da súa construción, se finalmente é autorizado pola Xunta de Galicia. O OEGA explicou as opcións que se abren. Polo de agora está descartada a expropiación, ao non ser solicitada aínda a declaración de utilidade pública. Se se mantén esa situación, ábrense outras opcións. A venda das terras estaría excluída para os montes veciñais. Pero a recomendación do OEGA foi descartar esa opción incluso para as terras individuais. Buscar un acordo económico entre as partes é unha mellor opción e ese pagamento anual formalizaríase nun contrato. Déronse indicacións da proposta de contrato tipo elaborada polo OEGA. Tamén se presentaron os prezos medios máis comúns que se están a establecer na actualidade en Galicia: de 0,31 a 1,17 €/m2 ano para as terras baixo o pleno dominio, e de 0,15 a 0,425 €/m2 ano para as terras baixo algún tipo de servidume ou afección distinta ao pleno dominio.
O OEGA tamén presentou os últimos resultados da estimación das rendas que cobran os propietarios a nivel galego: un 2,5% da facturación total dos parques eólicos en 2020 converteuse en renda local.
As persoas asistentes a este acto informativo expresaron a súa profunda preocupación pola falta de información das comunidades locais, a debilidade que senten fronte ás compañías eléctricas e o desamparo no que se encontran. Manifestaron o seu temor polo futuro das aldeas de Barralla, e incidiron nas dificultades que teñen as pequenas explotacións agrarias e as novas familias para sobrevivir no actual contexto de crise económica e ambiental. Manifestaron o seu apoio á enerxía eólica e ás enerxías renovábeis pero resaltaron que nin o goberno autonómico nin o concello traballan para fomentar novas actividades económicas que permitan romper coas dinámicas da poboación local: o concello de Baralla perdeu 2000 habitantes nos últimos 40 anos. Xavier Simón, quen realizou esta actividade informativa, mostrou os resultados socioeconómicos na Terra Chá, salientando que incluso nesa comarca, onde se produciu no 2020 case o 20% de toda a electricidade galega derivada de parques eólicos, os efectos socioeconómicos sobre as comunidades locais non son perceptíbeis.
Belén Rodríguez, de ADEGA, pola súa parte resaltou de forma detallado os efectos ambientais dos parques eólicos sobre os ecosistemas.