Vai xa camiño de dous meses, varios milleiros de persoas chegados desde moitos puntos de Galicia reuníronse en Santiago de Compostela. Era o día Internacional do Medio Ambiente. E nesa data, 5 de xuño, decidiron xuntarse para demandar un novo modelo enerxético, unha nova transición enerxética.
Pode parecer contraditorio, non? Persoas que se denominan ecoloxistas berrando contra o avance das renovábeis, e da eólica en particular. Vexámolo con certa pausa, fixándonos nas mensaxes das participantes, parcialmente recollidas nas fotografías que acompañan esta nova. Aí podemos ver mensaxes que ilustran unha posición moi afastada do que se inicialmente podería pensar.
Aqueles nenos e nenas que portaban unha faixa onde se lía “Xa non queremos máis eólicos” amosaba unha certa saturación e aborrecemento polo intento de estender a moitas partes do territorio ese tipo de enerxía. Similar era o lema principal da concentración “eólica así Non”. Non pedían retirar os que xa están senón introducir unha certa lóxica pois moitos son os que consideran que “os eólicos ameazan a vida nas aldeas”, debido, sobre todo a que agora as turbinas baixaron das montañas para ocupar espazos arrente das terras de labor e dos núcleos habitados. A conservación da biodiversiade e dos mananciais tamén eran parte da narrativa con aquel “a sede do capital, vai secar o manancial”. Tamén a demanda de protección da biodiversidade en xeral ou de espazos tan senlleiros como a Serra do Suído ou a Serra da Groba. Non eran mensaxes contra o progreso, eran mensaxes para defender as persoas e a vida no rural.
A defensa dos valores patrimoniais, dos ben catalogadas e dos que aínda non o están, daban contido así mesmo a varias das pancartas. E por suposto, a posta en valor das formas de vida do rural, fronte ao industrialismos que representa a implantación do actual modelo eólico, tamén eran contidos paseando polas rúas de capital galega. Compre mencionar “o rural a nosa herdanza”, “quero vivir no rural e non nun parque eólico”, ou “a perda da terra non é renovable”.
Finalmente, tamén se podía observar como os manifestantes expresaban a súa xenreira pola inxustiza social que supón producir moita enerxía, electricidade neste caso, e non ter obtido suficientes réditos para a sociedade galega. Alí estaba o clásico “si, si, si, eólicos para Madrí”, tamén o ”quitade as vosas mans dos recursos naturais”, ou o “sacrificio do rural, beneficio do capital”. E non podía faltar o “non ao espolio das eólicas”.
En definitiva, unha xornada de reivindicación dun futuro diferente para a sociedade e o rural galego. Os eólicos sempre se instalan nas aldeas, e son estas e as zonas rurais, as que máis perden poboación, as que teñen os peores servizos públicos básicos. Na “autoxestión comunal contra esta invasión” hai algunhas claves para construír un futuro diferente. Tamén turraban por ese outro futuro imaxinado os que clamaban “o rural quere xente, non eólicos”.
Que esta mobilización social, aínda viva ao ancho de to o País, sirva para mudar o modelo de desenvolvemento enerxético, dando maior participación ás comunidades rurais, tamén é o obxectivo do Observatorio Eólico de Galicia. E niso seguimos.