Unha tarifa eléctrica diferenciada por territorios?
16 Xuño, 2021
Autor: OEGA
0 Comentarios
Desde Galicia diferentes actores sociais, económicos e políticos levan reclamando desde fai algún tempo o establecemento dunha tarifa eléctrica diferenciada. A súa xustificación pivota sobre distintos elementos como a consideración das súas circunstancias específicas de subministro en termos de distancia entre centros de produción e consumo, a configuración das redes de distribución, a compensación por excedentes de produción, ou as externalidades medioambientais, entre outras.
Para tratar este tema, o Observatorio organiza unha xornada de debate. Será o día 12 de xullo, mediante formato online a partir das 12 horas. Nesta xornada preténdese achegar algo de luz a este debate desde unha perspectiva ampla que abrangue aspectos tanto normativos como económicos ou sociais, sinalando cales son os factores que poden xustificar a existencia de prezos rexionais da electricidade.
Para iso, contamos coa participación de varios expertos na materia.
A primeira intervención será de Aitor Ciarreta, da Universidad del País Vasco. O título da súa palestra será “Análise Económica de Prezos Zonais en Mercados Eléctricos”. O Dr. Carrieta tratará de responder a estas preguntas: Que pode explicar prezos diferenciados por rexións? E tamén, cal é a experiencia noutros países con prezos diferenciados por zonas? Que di a normativa da UE?
A segunda intervención correrá a cargo de Clara Isabel González Bravo, Xefa do Área de Prezos Regulados da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Baixo o título “A tarifa eléctrica única en España” esta palestra responderá a cuestións de primeira magnitude: Cal é a metodoloxía de deseño de tarifa eléctrica en España? Cal é a razón principal que explica a existencia dunha tarifa única a nivel territorial?.
Finalmente, Xosé Manuel Golpe Acuña, da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) e Nosa Enerxía S. Coop. tratará o tema “Tarifa Eléctrica Galega, motivación e obxectivos“. Con esta intervención queremos incorporar ideas sobre cales son os argumentos que se usan para reclamar unha tarifa eléctrica galega.
Esta xornada de debate será presentada por María Montero, profesora da Universidade de Vigo, pertencente ao Research Group in Energy, Innovation and Environment (rede). A Dra. Montero é membro do Observatorio Eólico de Galicia. Pola súa banda, o profesor da mesma Universidade Fidel Castro-Rodríguez, pertencente ao Research Group of Economic Analysis, Accounting and Finance (RGEAF) realizará as funcións de moderador.
O evento organizado polo OEGA, co apoio da Fundación Isla Couto e a Fundación Juana de Vega, é unha actividade gratuíta pero require rexistro a través deste enlace.