Na actualidade, colocar parques eólicos en zonas de Rede Natura non está permitido. Pero non sempre foi así. Até o Decreto 243/2007 a opción de colocar aeroxeradores, subestacións, gabias condutoras de cabos ou pistas de acceso a aeroxeradores en zonas de Rede Natura era posible pois o Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG) fixaba que calquera zona rústica, independentemente dos seus valores agrarios ou ambientais, podía acoller un parque eólico. No marco do PSEG, o Decreto 205/1995 e o Decreto 302/2001, de desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia, tamén permitían colocar esas novas industrias nas terras do rural que tiñan valores ambientais significativos. A partir da Lei 8/2009, xa non é posible promover novos parques eólicos en Rede Natura.
No documento inicial de 1997, o PSEG mencionaba, ao falar da xustificación da súa utilidade social e seu interese público, que o principal problema dos parques eólicos era o espazo físico no que se asentan. E sinalábase, “..xeralmente sitúanse en solos de potencialidade produtiva ou de protección medioambiental ou paisaxística o que provoca un conflito de intereses entre as necesidades enerxéticas, outros aproveitamentos e a protección do entorno. Sen embargo, para harmonizar ese conflito o ordenamento xurídico, nos seus distintos sectores, dispuxo dunha tupida rede de garantías que, respectando as potencialidades produtivas ou os espazos a protexer, permiten a instalación de estas ou outras formas de explotación racional dos recursos naturais” , indicando que no caso da enerxía eólica “…carece de emisións contaminantes…e o seu respecto ao medio ambiente é óptimo, facendo posible o impacto nulo”. Neste mesmo sentido sinala “….tan racional resulta a instalación dunha explotación agrícola ou gandeira en solo de especial protección agrícola, como a dun parque eólico nun espazo natural”
Na súa modificación de 2002 insístese nesa liña argumental ao sinalar que a explotación da enerxía eólica, como enerxía limpa, alternativa e renovable “…vincúlase á explotacións dos recursos naturais” polo que o propio Consello da Xunta realizou declaración expresa “ …da súa compatibilidade..” co réxime de protección de Solo Rústico de Especial Protección., compatibilizando os parque eólicos cos usos autorizados nos solos especialmente protexidos de Galicia. Incluso, o Consello da Xunta o día 11 de marzo de 1999, declarou a “…compatibilidade expresa dos Plans Eólicos cos lugares de Rede Natura 2000”.
Como ben diciamos antes, a partir do Decreto 243/2007 e da Lei 8/2009 a opción de colocar parque eólicos en Rede Natura desapareceu. Polo tanto, a análise feita polo GIEEA en 2013 con datos de 2009 segue a ter toda a validez, para o obxectivo de coñecer o impacto que tivo o desenvolvemento eólico en espazos de Rede Natura. Un resumo é o seguinte:
Neste singular espazo na provincia de Lugo as comunidades vexetais relacionadas con turbeiras ocupan unha superficie de máis do 40% dos hábitats de importancia comunitaria do LIC; sendo moi superior á existente noutros territorios atlánticos de Europa occidental. Ademais as turbeiras de cobertor constitúen o único hábitat da lista de hábitats de interese comunitario establecido para o territorio español que é exclusivo do territorio galego. Así mesmo, no Xistral atópanse 15 endemismos galegos, ibéricos ou comunitarios seriamente ameazados.
A pesares desta grande importancia medioambiental, esta Serra conten 28 parques eólicos que totalizan 642,32 MW de potencia e 835 aeroxeradores. Os 3 primeiros parques (Álabe Soán, Álabe Cadramón e Álabe Nordés) foron postos en marcha en 1999 e o último en 2007 (fora autorizado baixo o paraugas do Decreto 302/2001).
A serra do Xistral, ao igual que moitos outros espazos ambientais galegos, foron incluídos dentro da Rede Natura a finais do ano 2004. Isto significa que moitos dos parques eólicos instalados no Xistral ocorreron antes de adquirir ese nivel de protección. En todo caso, como se indica anteriormente, a Xunta de Galicia autorizaba parques eólicos dentro de Rede Natura pois a lexislación sectorial (enerxética, eólica e urbanísticas) estaba configurada para que tal cousa acontecera.
O relevante neste caso é analizar os procesos de avaliación ambiental que seguiron todos eses parques eólicos e concluír sobre que tipo de decisións se tomaron a partir dos informes científicos e técnicos existentes neses expedientes. É necesario recalcar que, loxicamente, houbo avaliación ambiental para todos os parques instalados no Xistral, seguindo a normativa vixente naquel período de tempo.
O que ocorreu é que todos os parques eólicos sometidos a avaliación ambiental recibiron unha declaración ambiental positiva por parte da órgano ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, excepto un. Vexamos isto en detalle, por orde cronolóxica.
Os tres primeiros parques instalados (Álabe Nordes, Álabe Soán e Álabe Cadramón) recibiron avaliación ambiental positiva por parte da Xunta de Galicia, e desenvolvéronse segundo o previsto. Isto ocorreu entre xaneiro e xuño de 1998. Eses tres parques tiveron unhas significativas alegacións por parte de organismos públicos e colectivos ambientalistas e patriomonialistas. Estas foron as entidades alegantes: O Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC; o Colexio Oficial de Biólogos; Oureol Obradoiro Ambiental; o Colectivo Ecoloxista para a Defensa da Natureza; a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e o Grupo Erva presentaron alegacións ao Estudio de Avaliación dos Efectos Ambientais dos 3 parques eólicos, e o Museo da Prehistoria e a Arqueoloxía de Vilalba presentou súas alegacións ao parque eólico de Soán.
En xeral todas estas alegacións incidían:
Ademais destes grupos sociais e institucións públicas, varias Direccións Xerais presentaron seus informes, preceptivos segundo a norma tramitadora vixente. Chama moitísimo a atención que os 3 Informes, para cada un deses tres parques, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural eran contrarios ao establecemento dos parques eólicos mencionados nos lugares previstos. Especificamente, a Dirección Xeral indicaba “…o impacto que as obras causaría sobre as denominadas turbeiras de cobertor é ignorado no estudo ambiental, que a acusada modificación da paisaxe que causaría a instalación dos parques é subestimada nos estudos e que as poucas iniciativas propostas non conseguirían contrarrestar a distorsión paisaxística e moito menos o gran alcance espacial da mesma, polo que consideran a execución dos tres parques absolutamente incompatible coa conservación do hábitat característico da Serra do Xistral e Cadramón, como son as peculiares turbeiras de cobertor, únicas na Península ibérica e que son hábitat de interese prioritario para a Comunidade Europea.”
Polo tanto, en contra dos informe negativos dos técnicos da Xunta, e deixando de lado o contido das alegacións das entidades nomeada, o órgano ambiental considerou aos tres parques ambientalmente viábeis e foron posteriormente autorizados pola Consellería de Industria.
3 anos despois, en setembro de 2001, aparece o primeiro parque eólico de toda Galicia que recibiu unha avaliación ambiental desfavorable. Neste caso descoñecemos que entidades privadas participaron nas alegacións, pero novamente o informe da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural estaba presente con a mesma liña argumental comentada previamente. En este caso, la Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a inviabilidade ambiental deste parque eólico, que foi rexeitado.
Entre as primeiras avaliacións ambientais positivas e esta negativa, e tamén posteriormente a 2001, considerouse que todos os parques eólicos tiñan unha avaliación ambiental positiva, ata alcanzar eses 28 parques, 640 aeroxeradores e 835 aeroxeradores.
De todo isto deberíase sacar algunha conclusión importante. A existencia de informes técnicos preceptivos de carácter negativo deberían ser considerados na súa enteira magnitude e o órgano ambiental non debería contradicir súas conclusións. En segundo lugar, se uns ecosistemas están na porta de entrada para súa inclusión en Rede Natura (como ocorre agora coa Serra do Suído ou coa Serra da Groba) o lexislador (órgano substantivo ou ambiental, da Xunta de Galicia) debería ser totalmente sensible a acomodar súa decisión sobre os parques eólicos a ese nivel de protección ambiental, non permitindo a súa implantación. Eses ecosistemas xa teñen de seu suficiente valor ambiental para seren considerados Rede Natura. Se son autorizados parques eólicos antes de que teñan a etiqueta “legal” da Rede Natura estariamos a usar de forma inaceptable unha fenda legal. No caso do Xistral polo menos 3 parques eólicos foran autorizados con informes ambientais contrarios.