Innovación tecnolóxica e enerxías renovábeis: camiñando cara a independencia enerxética
2 Novembro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Na cuarta sesión do Seminario Venres ao Vento imos tratar o tema da tecnoloxía. Ninguén dubida que nos últimos 30 anos os cambios tecnolóxicos foron moi significativos no ámbito das enerxías renovábeis. No fin do século pasado, producir electricidade coa intensidade do sol ou coa forza do vento era posible pero as potencias dos aparellos eran pequenas, os investimentos eran grandes e os custos de explotación ás veces inaccesíbeis. Hoxe iso cambiou: aeroxeradores cada vez máis grandes e eficientes, e paneis solares cada vez máis competitivos.
No contexto da enerxía eólica a transformación tecnolóxica foi tan grande que xa estamos inseridos en procesos de desmantelamento de parques eólicos e cambio dos aeroxeradores e de todos os seus elementos. É o proceso de repotenciamento de parques eólicos. Pero hai outra liña de investigación e desenvolvemento tecnolóxico con moito interese: a chamada mini eólica ou eólica de tamaño menor.
Eses serán os temas a tratar neste venres 20 de novembro. Para iso contaremos coa participación do profeso Luís Frölén Ribeiro, do Instituto Politécnico de Bragança(Portugal) que situará o desenvolvemento eólico dentro da economía circular. Que sucede cando repotenciamos un parque eólico? Que destino teñen as súas compoñentes? A comparación entre a fotovoltaica e a eólica e a resposta a porqué a primeira se está a desenvolver a pequena escala mentres ca segunda aínda non despegou como tecnoloxía accesible a investimentos máis deslocalizados e de autoconsumo, serán respostas que nos traerá o profesor Camilo Carrillo, da Universidade de Vigo.
Finalmente, Adrián Capelán, responsable de proxectos de Norvento, empresa enerxética de Galicia, centrará a súa intervención nos procesos de innovación tecnolóxica realizados no ámbito das renovábeis por unha empresa galega. En particular, presentaranos os principais retos e oportunidades vinculadas co proxecto de produción eléctrica con aeroxeradores de tamaño medio que permiten “camiñar cara a independencia enerxética”.
Se queres ser parte deste Seminario, que se desenvolverá online, debes rexistrarte. Para iso podes usar estes enlaces, para facelo en español, ou en galego. A sesión estará moderada por Damián Copena, investigador do OEGA e profesor da Universidad de Oviedo.