Técnicos do OEGA realizan actividades de asesoramento nas Comarcas do Xallas e Barcala
18 Setembro, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
O Observatorio Eólico de Galicia leva realizadas máis de 50 accións de asesoramento a axentes rurais desde a súa creación a partir do Convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto.
Xornada de asesoramento eólico en Mazaricos
O pasado día 29 de agosto persoal técnico do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) desprazouse ate a provincia de A Coruña para realizar varias actividades de formación, asesoramento e transferencia de coñecementos. A principal actividade tivo lugar no concello de Mazaricos, un dos concellos galegos con maior implantación de enerxía eólica na actualidade, cun total de 123 aeroxeradores en funcionamento.
A xornada de asesoramento tivo lugar nun auditorio ateigado de persoas chegadas desde diferentes concellos das comarcas da Costa da Morte, de A Barcala e de Xallas, onde os membros do OEGA presentaron diversa información xenérica e específica sobre os novos parques eólicos que se encontran en tramitación administrativa nesta área xeográfica abordando, finalmente, os ámbitos onde se podería avanzar nos niveis de xustiza enerxética no territorio galego. Así, os técnicos do OEGA amosaron como está a ser o proceso de transición enerxética en Galicia liderado pola enerxía eólica. Os pagamentos aos propietarios e as posibilidades de xeración de novos fluxos de renda para o rural foi outro dos ámbitos presentados na xornada.
Importante presenza de cargos públicos na actividade realizada polo OEGA
A actividade contou cunha grande participación e debate por parte do público asistente que formulou numerosas preguntas aos técnicos do OEGA, reclamando maior transparencia nos procedementos eólicos e un incremento dos pagamentos obtidos polos propietarios dos terreos. Tamén se solicitou insistentemente desde o público a creación de mecanismos de compensación efectivos para o conxunto de habitantes da contorna que se poderían ver afectados polas externalidades negativas das posibles novas instalacións eólicas.
Cómpre sinalar que á actividade formativa realizada por membros do OEGA no lugar de A Picota, concello de Mazaricos, asistiron varios alcaldes e outros cargos públicos de diferentes localidades da contorna, concretamente de Mazaricos, Negreira, Zas, Serra de Outes, Coristanco e Santa Comba. Os alcaldes e os outros cargos electos asistentes agradeceron o traballo desenvolvido por parte do OEGA e amosaron interese nas tarefas de asesoramento e investigación desenvolvidas desde a Universidade de Vigo, apuntando a necesidade de apoiar á veciñanza en todo o relacionado cos procesos eólicos existentes.