Nas terras de Ortigueira hai unha forte tradición agraria cooperativa durante a súa historia máis recente. Un exemplo era a Cooperativa a Devesana ou a Cooperativa Agrortegal, unhas entidades de acción colectiva que naceran da forza e convencemento dos veciños e veciñas locais na agricultura e na gandaría pegada á terra como a principal actividade económica para mellorar a calidade de vida. Seguros comunitarios para facer fronte ás perdas de animais, primeiros transplantes de embrións de frisón en España, estabulación libre e robotizada foron algúns dos adiantes que chegaron a estas terras batidas polo mar bravo. Tempos de grandes produción e mellores xenéticas nunhas explotacións que foron a menos. E iso sucede polos cambios políticos coas cotas lácteas que non lles deixaba producir, e co persistente asimetría que teñen as ganderías no mercado global: impóñenlle os prezos de compra dos insumos e os prezos de venda do leite. E claro, así foi difícil aguantar. As explotacións que sobreviviron foron, sobre todo, aquelas que sustentaron a súa marxe económica na produción de forraxe propia e no pastoreo. E esta estratexia depende da base territorial: parcelas pequenas que non se poden pastorear cando o rabaño é grande ou non se poden mecanizar, inviabilizan as explotacións.
E iso é o que está a pasar co parque eólico o Barqueiro que Enel quere desenvolver nestas terras. A empresa mandou un intermediario ás terras de Ortigueira e fíxolle unha oferta de diñeiro e superficie afectada ás persoas propietarias. Como resultado, encóntranse casos de explotacións gandeiras, algunhas ecolóxicas, que se enfrontan a unha situación que vén agravar o seu delicado equilibrios social e económico. É dicir, as condicións que ofrece a empresa suporían un empeoramento das condicións económicas das explotacións agrarias e gandeiras, non unha mellora. É o caso da Granxa Vidueira, en O Ermo, Ortigueira. Trátase dunha explotación en ecolóxico que manexa 80 cabezas en 70 hectáreas para producir carne e leite. Está a transitar para converterse unicamente en produción de carne ecolóxica de vacún. E faino mediante prácticas que se sustentan no pastoreo e na produción de forraxe nas súas propias terras. Visitamos a Andrés Saavedra García, un mozo que colleu a titularidade da explotación familiar, seguindo a tradición de varias xeracións. As súas palabras amosan unha profunda preocupación. Por unha banda, non observan un recambio xeracional que permita albiscar un futuro para o Ermo ou para a Caxigueira, ou outras aldeas das terras do Ortegal. En segundo lugar, senten unha ameza recente: o parque eólico o Barqueiro.
A empresa ofrécelle á Granxa Vidueira un pagamento anual de 5.367,60 euros para unha afección estimada de 15.060 m2. O titular da explotación afirma e defende que a afección real é un 64,2% superior, alcanzando os 24.743 m2. Esta maior afección é calculada a partir das superficie que fica inviabilizadas para realizar unha explotación racional dos recursos debido a que son divididas en partes pequenas polas pistas que deseña a empresa para acceder aos aeroxeradores. Esta práctica non é exclusiva de Ermo, nos lugares de Pereiro e Veiga da parroquia de Freires sucede o mesmo: inutilizan fincas enteiras ao dividir os pasteiros. Andrés fai uns números moi simples que exemplifican esta situación. Son os seguintes.
As terras ocupadas polos parques eólicas e aquelas que perden a súa capacidade produtiva por ficaren subdivididas en pezas máis pequenas sofren dos tipos de perdas: a produción que xa non se pode obter e o pagamento da PAC que xa non se vai recibir. Nos cálculos da empresa ningunha desa mingua de renda é considerada. No ano 2023, a hectárea de pasteiro que recibía pagamentos directos da PAC alcanzaba a cantidade de 1.161,77 euros por hectárea. A empresa non considera nin a perda dos pagamentos da PAC pero, loxicamente, Andrés si bota correctamente as contas.
Tomando en conta só a afección da empresa, o pagamento anual proposto pola promotora situaríase en 0.36 euros/m2. Se consideramos a renda que se deixa de cobrar pola PAC o prezo por metro cadrado colocaríase en 0,24 euros/m2, case un 33% menos. Cando Andrés Saavedra fai os cálculos coa afección real e introduce o que deixaría de cobrar pola PAC, a contía por metro cadrado baixa ata os 0,10 euros, case un 72% menos. Se tiveramos en conta a perda de produción, a contía que ofrece a empresa non compensaría o que se deixaría de gañar. Ruinoso para as explotacións gandeiras.
Estes números son moi claros: a empresa producirá moitos milleiros de MWh e moitos máis millóns de euros pero os labregos locais van perder terras e rendas. Os gobernos con responsabilidades no tema, o galego e o español, non deberían permitir vestir un santo (a produción de electricidade descarbonizada) para espir outro (a vida agraria nas localidades rurais). Se non toman conta desta inxusta situación e se corrixen estas inxustizas, conseguirán baleirar ao rural de persoas.
Andrés e seus pais, presentes tamén no encontro co Observatorio, xa non saben que facer. Antonio, o seu pai, cre na gandería con base territorial, defende a vida nas aldeas e adora o traballo campesiño como unha vida digna, pero a indefensión que senten vai crecendo conforme pasan as semanas. E non só polos efectos sobre a súa explotación gandeira ecolóxica. Tamén por outras razóns de peso relacionadas co parque eólico. “Que vai pasar coa nosa auga?”, pregúntase Antonio. Situado a menos de 100 metros da base dun aeroxerador, o manancial conta coas autorizacións da Xunta pero está asentado sobre pura rocha. “Se van pór alí un aeroxerador, van ter que usar dinamita a feixes. E se ficamos sen auga?”, berra Antonio. Cando das alegacións, malia teren feito referencia a este problema, as autoridades non fixeran caso para protexer ese ben tan importante para toda a comunidade. Na Penoseira, unha aldea veciña, hai casas a menos de 500 metros dos aeroxeradores. Na Caxigueira, onda a explotación modelo de Manuel Penabaz, a desfeita territorial tamén é importante, comenta Andrés.
Por outra parte, os pais de Andrés e Suso Permui, da Plataforma Ortegal Di Non, afirman que dos planos iniciais que se fixeron públicos e do que está agora a propoñer a empresa despréndense afeccións diferentes. “Non puidemos alegar a estas propostas finais”, laiábase o membro da Plataforma.
A nai de Andrés, Adelaida, por todos coñecida como Maruxa, afirma “parece que todo é deles, sentímonos moi desprotexidos”, e engade, “os nosos país e avoas loitaron por esta terra, pola gandaría, polo noso futuro…agora só somos donos destas terras para pagar a contribución. É moi inxusto”.
Andrés fai unha última reflexión que queremos mencionar. Dinos “este parque eólico tivo unha autorización previa pero a empresa presentou unha modificación substancial do parque solicitando unha nova autorización. Malia ser presentada despois do “parón eólico” decretado pola Xunta non se lle aplicou a nova normativa en relación á distancia ás casas. Como é posible?”
Esta familia, como moitas outras do noso rural, teñen a mente aberta e son conscientes dos problemas ambientais que padecemos no noso planeta e na nosa terra. Son os primeiros en defender a natureza, en coidala e protexela. Pero tamén aman a súa aldea e a súa forma de vida, e non queren vela perigar aínda máis. A actuación de Enel, co apoio dos gobernos galego e español, está a ameazar a súa forma de vida, o seu sustento. Canto tempo terá que pasar, ou que cambios terán que suceder, para que o mundo rural deixe de ser o patio traseiro de señoritos e empresas estranxeiras e sexa dono de seu destino?