Muras conta con 19 parques eólicos no seu territorio, e un total de 380 aeroxeradores que suman 264,42 MW de potencia instalada. No caso dos parques de Muras I, Bustelo, Álabe-Ventoada, Álabe-Lomba, Silán, Pena Grande, Leboreiro e Coruxeiras, a totalidade da potencia está instalada só no concello de Muras, mentres que os 10 restantes (San Xoán, Álabe-Nordés, Álabe-Soán, Muras II, Carba, Montouto, Pena Luísa, Álabe-Soán Ampliación, Goia Peñote, Do Chao e Vilachá) están compartidos cos concellos veciños.
A acumulación de potencia iniciouse en 1998 e finalizou en 2009: catro empresas foron as principais impulsoras dos eólicos nas serras do concello mediante os seus respectivos plans eólicos empresariais (PEE): Acciona, Gamesa, Endesa e Norvento. Ao final do período, sumáronse dous promotores sen PEE: Hidroeléctrica del Arnoya, S.L., e Sociedad Eólica de Ourol, S.L.
Esta acumulación de potencia ocorreu de forma acelerada e explosiva, igual que no resto de Galicia a partir da aprobación do primeiro Decreto autonómico de 1995. Como consecuencia diso, na actualidade o tamaño medio do aeroxerador (0,69 MW) é baixo en comparación cos modelos máis recentes: case 25 anos despois funcionan aínda parques eólicos con aeroxeradores de 0,33 MW de potencia unitaria. Os dous parques eólicos dos promotores sen PEE, últimos en instalarse en Muras, son os que teñen os aeroxeradores máis grandes (2 MW).
Das 8 parroquias do concello, en 7 delas hai presenza de parques eólicos: só na superficie do Sisto non se encontra ningún aeroxerador. Entre a parroquia de Muras (153) e a de Silán (87) concéntranse case o 64% dos aeroxeradores. Ademais, O Viveiró (56), A Balsa (52) , Irixoa (19), Ambosores (12) e O Burgo (1) tamén contan con algunha turbina.
A dinámica eólica no concello de Muras, como no resto dos concellos galegos, incidiu territorialmente en dous grandes ámbitos.
A superficie vinculada aos parques eólicos pasou de ser superficie rústica nalgunha das súas categorías (rústica de protección ordinaria, de protección especial forestal, agraria, de espazos naturais…) a superficie rústica de protección de infraestruturas, vinculadas coa enerxía eólica.
Diso derívanse unhas limitacións directas do dominio deses terreos afectados (establecidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal (PSIS) de cada parque eólico aprobados polo Consello da Xunta), ben pola ocupación directa e material dos terreos ou ben pola constitución de servidumes, segundo os seguintes criterios establecidos no apartado 3.2.2 da Memoria do Plan Sectorial Eólico de Galicia.
No OEGA realizouse unha estimación desta superficie considerando unicamente a vinculada cos aeroxeradores, tanto a de pleno dominio como a de servidume e eliminado as superposicións entre aeroxeradores e parques eólicos. En total, son 2.016,3 hectáreas que mudaron de clasificación urbanística e, polo tanto, de usos permitidos. Esa superficie representa case o 25 % da superficie total das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) localizadas en Muras que teñen algunha potencia instalada, e representa o 12,4 % de toda a superficie municipal.
A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, trouxo un artigo engadido na Lei de Aproveitamento Eólico de Galicia (LAEGA), que se recolle na disposición transitoria 6.ª, e que establece a forma de evitar solapamentos entre propostas eólicas.
Eses solapamentos fíxanse considerando os ventos predominantes en Galicia, que son nordeste e suroeste. Nesas direccións do vento fíxase unha distancia de 10 diámetros da área de varrido do parque eólico para cada un deles. Para as direccións menos predominantes establécense unhas distancias de 4 veces a área de varrido. Estas zonas aplícanse para os parques eólicos en funcionamento, autorizados ou en fase de tramitación administrativa.
Se ben a norma fala de solapamentos entre peticións, no OEGA acuñouse o termo de áreas de exclusión de competidores (AEC) pois na realidade o que sucede cando se admite a trámite un parque ou cando este xa está autorizado ou en funcionamento é unha reserva de “espazo eólico” para o titular dese dereito, excluíndo a terceiros promotores da opción de desenvolver parques eólicos (tampouco os propietarios das terras poderán desenvolver parques eólicos nesas superficies).
A partir desa norma, no OEGA estimouse a superficie total que representan as AEC: tomouse o diámetro de varrido de cada aeroxerador e aplicouse a fórmula de cálculo da superficie dunha elipse, elimináronse as superposicións entre aeroxeradores e entre parques e contabilizouse unicamente a AEC que se sitúa dentro de Muras. O resultado foi de 3.850,4 hectáreas. Esta superficie representa case o 47 % de todas as terras incluídas dentro dalgunha ADE que xa teña potencia instalada, e case o 24 % da superficie total do concello.
Tanta potencia eólica instalada require dunha infraestrutura de evacuación. No plano anexo pódese visualizar a estrutura global da rede de subestacións eléctricas e liñas de media e alta tensión que serven para evacuar a enerxía producida en Muras. Unha parte desas infraestruturas sitúase fóra do termo municipal e, así mesmo, algunhas das instalacións de evacuación radicadas en Muras son útiles para parques eólicos situados noutros concellos. Muras é atravesado por dúas liñas de alta tensión (LAT) de 400 kV que forman parte da mesma rede eléctrica no norte de Galicia. Unha delas transporta directamente a enerxía desde As Pontes á planta de Alcoa en San Cibrao. A outra LAT, desde o Mesón do Vento, atravesa Muras ata a subestación de 400 kV de Boimente, situada en Viveiro, destino tamén de varias LAT de 132 kV vinculadas cos parques eólicos muresáns. Esta subestación, ademais de alimentar tamén a Alcoa, é parte central da interconexión eléctrica entre Galicia e Asturias.