A Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo, presentou hoxe o informe “Impacto económico da enerxía eólica no medio rural galego: Contexto, cambios e oportunidades”, elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA). O OEGA é unha iniciativa apoiada polas Fundacións mencionadas mediante un convenio con Universidade de Vigo. Investigadores dos grupos de investigación en Economía Ecolóxica e Rede, nomeadamente os profesores Xavier Simón, María Montero e Damián Copena, foron os responsables da súa elaboración.
O informe, estima o impacto que tivo a enerxía eólica no medio rural galego nas últimas décadas de forte desenvolvemento co obxectivo de terminar o nivel de xustiza enerxética que se alcanzou na nosa sociedade coa posta en marcha do forte desenvolvemento desta nova fonte enerxética renovable. Esta transición enerxética tivo lugar grazas á combinación de dous factores: existencia de recurso eólico en moitas áreas de Galicia e vixencia dun marco regulador que favoreceu a posta en marcha das centrais eólicas. O sistema deseñado polo regulador tivo como obxectivo fundamental a colocación do maior número posible de parques eólicos. Sen embargo, desde o punto de vista do Observatorio Eólico de Galicia non tivo suficientemente en conta outros aspectos como os relacionados cos impactos económicos no mundo rural.
Por unha banda, o marco regulador non lle concedeu aos habitantes do mundo rural nin aos propietarios dos terreos afectados polas centrais eólicas capacidade de decisión sobre a posta en marcha das centrais enerxéticas. No mesmo senso, os axentes rurais ficaron sen poder ter un papel na planificación do desenvolvemento eólico e sen a capacidade de autoxestionar o recurso vento a partir de figuras específicas como son os parques eólicos cooperativos ou comunitarios, figuras que se promoveron noutros países nos que se potenciou a participación dos cidadáns.
Por outra banda, o marco regulador outorgou ás empresas promotoras dereitos claves para explicar o éxito na instalación de parques eólicos. Por exemplo, o dereito de solicitar a declaración de utilidade pública dos parques eólicos en proceso administrativo coa conseguinte posibilidade da expropiación dos terreos eólicos afectados polas centrais. A posibilidade da expropiación incide nas negociacións entre promotores e propietarios polo que as rendas que cobran os propietarios das terras eólicos pola súa ocupación, a principal transferencia que recibe directamente o rural, pode verse condicionada por ese feito. Tamén compre mencionar que o marco regulador permitiu que un número limitado de promotores tiveran dereitos preferentes sobre as zonas más produtivas derivándose autorizacións de explotación eólica sen data de caducidade.
Houbo algunhas excepcións, levadas a cabo por algúns Concellos que tiveron a oportunidade de desenvolver pequenos parques eólicos, como foi o caso dos denominados parques eólicos singulares. Ademais, desde 2010, os Concellos tamén se benefician de novos ingresos vinculados co impacto paisaxístico dos parques eólicos que son recadados por medio do Canon Eólico e repartidos entre os concellos seguindo diversos criterios. Os concellos tamén son os receptores de diversos impostos que recaen sobre os parques eólicos polo que melloran a súa tesouraría e benefician indirectamente ás comunidades rurais.
O marco regulador determinou todos os aspectos vinculados co desenvolvemento eólico, e polo tanto a natureza, tipo e alcance da participación das comunidades rurais, incluída a súa participación nos beneficios producidos. No caso galego a lexislación eólica sufriu diversas modificacións desde o Decreto 205/1995, o primeiro Decreto eólico dunha Comunidade Autónoma, ate as recentes mudanzas de finais do ano 2017, onde se fixan unhas modificacións normativas que tratan de impulsar a instalación de nova potencia eólica despois do parón eólico iniciado en 2008.
Neste contexto de mudanzas recentes no ámbito eólico galego, o informe estimou a contía total dos impactos económicos directos derivados da implantación eólica para os axentes do mundo rural en 27,86 millóns de euros en 2017, arredor dun 5% da facturación total estimada pola venda de enerxía procedente dos parques eólicos. Tal e como se sinala no texto, o Observatorio Eólico de Galicia considera que esas rendas poderían ser superiores sen que elo comprometese o proceso de transición enerxética. Nese sentido apúntanse dous tipos de medidas: aquelas que non requirirían cambios normativos e aquelas outras cuxa posta en marcha necesitaría de cambios lexislativos previos.
O informe pode ser descargado gratuitamente premendo aquí.