O parque eólico Santuario, en proceso de autorización administrativa polo goberno español, ten un deseño que o fai presuntamente contrario á lei que regula o aproveitamento enerxético en Galicia. O parque está promivido pola multinacional italiana ENEL, antiga empresa pública española Endesa.
Xermade conta xa con participación en 3 parques eólicos: Caballeira, Goia Peñote e Sotavento. Totalizan case 35 MW repartidos en 43 aeroxeradores. Excepto unha turbina instalada en 2005 de Goia Peñote de 2 MW, o resto dos aeroxeradores son menores de 0,8 MW. Nada que ver co que se propón en Santuario: serían 23 aeroxeradores de 7 MW de potencia unitaria para totalizar un parque de 161 MW, case 5 veces maior ca potencia xa instalada en Xermade neses 3 parques (situados tamén en Muras, Vilalba, Monfero e As Pontes de García Rodríguez).
As dimensións dos parques eólicos existentes e do futurible Santuario non son equiparábeis nin tecnoloxicamente nin económica e nin ambientalmente. O incremento do tamaño dos aeroxeradores viría acompañado dunha maior produtividade, produción e facturación. Se antes de 2021, os parques eólicos en Xermade producían arredor de 6 millóns de euros anuais, e no 2022 alcanzaron os 12 millóns, se a electricidade de Santuario se vendera ao prezo medio do 2020, a facturación sería de 25,5 millóns anuais, se o prezo fora o do 2022, a facturación chegaría case aos 85 millóns e co prezo medio de novembro do 2023 a case 40 millóns anuais. O investimento estimado é de case 170 millóns. Se a vida útil do parque fora 25 nos, unhas rápidas e simples contas axudarían a dimensionar o volume de negocio arredor deste parque. Se isto ocorrera nos Países Baixos, a empresa estaría obrigada a pór a disposición da veciñanza ata o 50% da propiedade do parque. Parece obvio que cun modelo do tipo neerlandés o impacto económico no rural chairego sería dunha natureza e dunha contía totalmente diferente.
E quizais tamén fora diferente a percepción social que as comunidades locais teñen do parque eólico (algo que se repite en todas as actividades de transparencia informativa que desenvolve o OEGA). “Somos donos da terra só para pagar a contribución”, dicía unha muller asistente á charla da pasada semana. Tamén se puido escoitar “queren poñer un aeroxerador a 250 metros de onde eu vivo….. pago impostos como todo cidadán, a miña casa ten licenza municipal, vivimos alí por xeracións da miña familia, como pode ser que coloquen un artefacto de 200 metros a esa distancia da miña casa?”, comentaba outro veciño. Nas seguintes imaxes pódense ver varios exemplos deste feito.
Alén destes efectos e destas impresións sociais, o parque eólico Santuario suporía un elevado impacto territorial. Este impacto tería dous efectos: o primeiro, un cambio de cualificación urbanística e, polo tanto, un cambio nas condicións de aproveitamento que os propietarios terían sobre esas terras. A propiedade rural perdería opcións de edificabilidade e de aproveitamento nunhas 350 hectáreas. En segundo lugar, a aplicación do artigo 31 e da disposición transitoria 6ª da Lei 8/2009, a que regula a planificación territorial e enerxética en Galicia, con incidencia no proceso de autorización deste parque malia ser unha instalación sometida á autorización do goberno español, suporía que case 8.300 hectáreas de Xermade, Guitiriz, Monfero e Vilalba fican para sempre baixo o control de ENEL no que se refire a futuros parques eólicos, incluso os que desexaran promover o concello ou comunidades rurais locais. A pregunta que lanzou o OEGA ao público asistente foi se pensaban que ENEL ía pagar por todos eses efectos. A resposta foi unánime: un NON grande resoou naquela sala chea de veciños e veciñas de Xermade.
A veciñanza de Xermade, encabezada polo seu alcalde, Roberto García Pernas, presente no salón de actos do CEIP Plurilingüe de Xermade CEIP onde se celebrou este encontro informativo, foi moi categórica ao afirmar que eles non están en contra da enerxía eólica e que son conscientes do que significa producir electricidade libre de emisións de CO2 pero, ao mesmo tempo, rexeitan calquera intento que supoña ir contra os dereitos básicos dos habitantes do rural. En palabras do alcalde, “a veciñanza de Xermade non se merece soportar os custes da enerxía eólica mentres son outros, neste caso unha empresa italiana, quen se levaría todo o pastel, aquí déixannos os perxuicios e eles levan os cartos. Isto non se pode tolerar”.