Na actividade de asesoramento que desenvolvemos en Agolada ocorreu algo que nunca antes tiña pasado cando o OEGA se achega ao medio rural para compartir coa veciñanza información relativa a parques eólicos. Os veciños e veciñas eran moi conscientes, e así o manifestaron, que en Agolada hai dous modelos territoriais en loita: o que representan as enerxías renovábeis e o que representa a riqueza agraria e gandeira. O primeiro modelo representado polo encoro de Portodemouros, que leva 54 anos producindo enerxía libre de CO2, o parque eólico Serra do Faro, operando desde 2005, e os parques eólicos en proceso de autorización, Zamorra e Estivadas. O segundo modelo, construído arredor dunha riqueza agraria vinculada coa produción gandeira, alén de outras producións agrarias de interese como son as oliveiras, a viña, o cultivo forraxeiro e outros. Este segundo modelo, nun conxunto de 8 parroquias de Agolada, moi relacionado coa concentración parcelaria.
Imos ver isto por separado, para despois reflexionar sobre algunhas conclusións derivadas do noso proceso de aprendizaxe durante varias semanas sobre este particular concello das terras do Ulla e o Arnego.
O inicio do embalsamento de auga do río Ulla coas comportas de Portodemouros para producir electricidade ninguén o recorda como unha boa noticia para a Comarca. Non trouxo postos de traballo nin oportunidades para as comunidades locais. Producíase enerxía que alimentaba procesos de industrialización lonxe desas terras. Tampouco trouxo compensacións xustas para as donas das terras e das casas asolagadas. Portodemouros dividiu as parroquias, tronzou a continuidade territorial, destruíu vales de terras de primeiro nivel agronómico, enterrou patrimonio cultural e trouxo un cambio nas condicións climáticas locais, incrementando a humidade e os días de néboas. Ademais, naqueles tempos non se realizaba avaliación ambiental dos proxectos polo que se pode imaxinar facilmente que non se tomaron en conta ningunha medida que levase a evitar as perdas ambientais no ecosistema fluvial ou da mesma Ría de Arousa onde desemboca o Ulla.
Con máis de 90 MW, Portodemouros suma máis capacidade de produción ca eólica xa existente (Farelo, 28,6 MW dos que 17,6 en Agolada) ou a derivada dos previstos Zamorra (31,15 MW) e Estivadas (36 MW). A central de Portodemouros está no veciño concello de Vila de Cruces. As máis de 1.200 hectáreas asolagadas por Portodemouros foron compradas pola empresa ou expropiadas. Non hai renda anual de ningún tipo para os propietarios. A empresa paga polo Imposto de Actividades Económicas a Vila de Cruces, e polo IBI aos concellos (Agolada, Arzúa e Santiso) aos que pertencen as terras asolagadas. Non son cantidades moi significativas. Tampouco as que reciben os propietarios das terras onde se asenta o PE Farelo. Esas dúas actividades de xeración de enerxía non contribuíron á mellora da calidade de vida nas comarcas afectadas.
A veciñanza de Agra, Sexo, Baiña, Val, Berredo, Eidián, Basadre e Ramil, 8 parroquias de Agolada, levan 20 anos detrás da parcelaria en 2.600 hectáreas. O proceso da concentración iniciouse mo ano 2002, tivo o Declaración de Impacto Ambiental favorable pero a día de hoxe non se finalizou. Os veciños e veciñas petaron en todas as portas pero a parcelaria non avanza: crearon unha Asociación, fixeron manifestacións, levaron a parcelaria ao Parlamento galego, tentaron reunirse con dirixentes autonómicos con responsabilidades no tema, pero nada foi eficaz. Despois de case 1 millón de euros gastados pola Xunta de Galicia, despois de algunhas promesas e despois de 20 anos de espera, a base territorial axeitada que buscan en Agolada para desenvolver actividades produtivas non chega.
Na reunión que mantivemos no auditorio municipal de Agolada, varias persoas referíronse a esta situación como “unha das maiores inxustizas que levamos padecendo as veciñas de Agolada. Nós queremos traballar a terra e precisamos dunha ordenación do territorio, e non se fai”. Esta lentitude e paralización na modernización agraria e gandeira de Agolada nada ten que ver coa “alfombra roxa” que se lle pon aos pés das empresas eólicas.
Os dous novos parques en tramitación (Zamorra e Estivadas) tampouco van ser un elemento detonante para a mellora da calidade de vida das veciñanza de Agolada. Por unha parte, a empresa promotora segue unha táctica clásica para este tipo de procesos: mandan a “Agapito” (nome ficticio do intermediario enviado pola empresa) casa por casa para facer ofertas ás persoas. Non fai reunións colectivas. Moitas veces as ofertas son verbais. Case sempre se introduce a expropiación como arma intimidatoria, cando non o de “ou asinas ou movemos os aeroxeradores para a parcela do lado”. Agapito é un experto negociador. A veciñanza non sabe case nada do negocio eólico. E con todo isto, ao final, se os parques se constrúen, as rendas que fican no rural de Agolada serán unhas migallas que en pouco ou en nada axudarán a cambiar as dinámicas locais de perda de poboación, de ausencia de traballos e, moito menos, a dotar de base territorial ás explotacións agrarias. Co prezo medio de setembro de 2023, eses dous parques eólicos facturarían cada ano 21,5 millóns de euros para un investimento conxunto de 50 millóns. Os números son fáciles de botar.
Por outra parte, estes dous parques eólicos suporán cambio na cualificación urbanística máis de 100 hectáreas para cada un dos parques. Esas propiedades perderán valor xa que a cualificación como Superficie Rústica de Protección de Infraestruturas, impedirá algúns aproveitamentos agrarios e forestais e descartará calquera futura construción. Ademais, 1.115 hectáreas no caso de Estivadas, e 1.463 no caso de Zamorra, ficarán baixo o control da empresa promotora para futuras instalacións de parques eólicos. Os propietarios perden ese dereito. Os parques eólicos conseguen unha autorización que non ten data de caducidade, “chegan ás aldeas para ficar alí para sempre”. Porqué hipotecar a opción de desenvolvemento eólico local, do propio concello, ou comunitario, da cidadanía e das CMVMC? A vida dá moitas voltas, pero hoxe as empresas promotoras fanse cuns dereitos polos que non pagan nada.
No caso de Estivadas, dado que a empresa solicitou a declaración de utilidade pública, podemos facer unha última comparanza. A Relación de Bens e Dereitos Afectados que aparecen no DOG son 33 hectáreas. É dicir, como máximo a empresa está disposta a pagar por esa superficie. Pero o cambio de cualificación urbanística supera as 100 hectáreas e a superficie sobre a que empresa evita calquera uso eólico futuro, incluído o local ou comunitario, son 1.115 hectáreas. A empresa non está disposta a pagar nada por este dereito que perden os lexítimos propietarios.
A veciñanza de Agolada quere continuar a traballar a terra e quero facelo de forma digna. A parcelaria axudaría e moito. Pero os responsábeis políticos non están polo labor e despois de 20 anos seguen á espera de poder conseguir unha base territorial suficiente. Esta lentitude contrasta coa aceleración enerxética vinculada aos parques eólicos. Portodemouros, un enxeño industrial que destruíu parte do patrimonio cultural e ambiental do Ulla, do Arnego e da Ría de Arousa, é o exemplo que nos mostra como non se deben facer as cousas se o que queremos é que o rural teña futuro, un futuro digno. Seguindo co mesmo modelo, o resultado, desgraciadamente, vai ser converter a Galicia rural nun deserto. Sen persoas pero con industrias para producir enerxía.