A finais de 2018 a Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto poñían en marcha o Observatorio Eólico de Galicia. Pasados catro anos, as tres institucións acaban de renovar o seu convenio de colaboración ampliando ademais a súa estrutura coa adhesión da Fundación Paidea-Galiza. Nun acto celebrado a pasada semana no campus de Vigo, Manuel J. Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; Manuel Meixide, presidente da Fundación Isla Couto e María Cotón, secretaria do Padroado da Fundación Paideia-Galiza asinaron o novo acordo que terá unha vixencia de dous anos.
Deste xeito, o OEGA asegura a súa continuidade e seguirá ofrecendo os seus servizos como fonte de información, difusión e asesoramento a comunidades de montes, concellos e axentes sociais, xerando un importante valor social. Ademais, a adhesión da Fundación Paideia permitirá, como se recolle no convenio, “aumentar a súa capacidade de actuación e o impacto social das actividades” desta “iniciativa conxunta a prol do desenvolvemento rural de Galicia”.
No acto, o reitor amosou a súa ledicia por esta sinatura que permite “levar máis lonxe unha iniciativa da sociedade civil que atopa o mellor de nós, porque se queremos construír unha Galicia que sexa máis sostible, xusta, solidaria e próspera, o coñecemento científico dos investigadores do observatorio vainos axudar”. Neste sentido, Reigosa incidía na necesidade de facer “un reparto xusto dos recursos” e de empregar “todo o coñecemento científico para poñelo ao dispor da sociedade”, neste caso concreto, da man do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, núcleo do observatorio, dirixido polo profesor Xavier Simón. O reitor tamén quixo agradecer ás tres fundacións as súas achegas a este proxecto e lembrou que “Galicia non pode estar de costas ás enerxías renovables, pero o lóxico é que estas enerxías non sirvan para uns poucos, senón que sirvan para o país”.
En nome da Fundación Paideia-Galiza, a súa secretaria recalcou que entrar a formar parte deste organismo “é unha mostra” do compromiso desta entidade “coa sociedade galega, co desenvolvemento do rural e, sobre todo, coa conservación do medio natural”. Ademais, engadiu, esta é unha oportunidade para poñer en valor “a transparencia coa que o persoal investigador informa e asesora en relación ao desenvolvemento da enerxía eólica”.
Para Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, a firma do novo convenio do Observatorio Eólico de Galicia supón tamén a renovación do compromiso da entidade coa sociedade civil de Galicia, co desenvolvemento do medio rural e co aproveitamento sostible da terra, un dos principais recursos que temos na comunidade. Neste momento de transición enerxética e de aposta por enerxías máis limpas e respectuosas co medio ambiente, Sáez defendeu a necesidade de manter mecanismos como o OEGA que favorezan a transparencia no proceso de ocupación das áreas de potencial eólico, permitan mellorar a vida na súa contorna e faciliten a diversidade das iniciativas de produción.
Galicia é unha potencia no que a enerxía eólica se refire, pero este proceso de desenvolvemento da enerxía eólica “as e os propietarios dos terreos e os axentes locais tiveron escasa participación, tanto na planificación, como na obtención de rendas procedentes da actividade eólica”. Por isto, a Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Fundación Paideia coinciden na necesidade de traballar para acadar unha maior xustiza enerxética e remarcan que “é preciso avanzar tanto na planificación como na racionalidade na toma de decisións relacionadas coas centrais eólicas, impulsando mecanismos que aseguren que o país, no seu conxunto, tire proveito da capacidade de xerar este tipo de enerxía limpa mediante o incremento das rendas eólicas que perciben os propietarios dos terreos e as entidades locais”.
Neste contexto, e grazas á sinatura deste novo convenio de colaboración, o observatorio seguirá traballando para favorecer a transparencia no proceso de ocupación das áreas de potencial eólico. En concreto, seguiranse desenvolvendo accións encamiñadas a impulsar a transferencia de información cuantitativa e cualitativa entre os axentes participantes, favorecendo a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a parques eólicos e amosando os impactos positivos que isto xera no mundo rural. Complementariamente, o OEGA poderá propoñer cambios normativos nos ámbitos da planificación territorial e enerxética, como se recolle no convenio. De feito, o documento recolle seis eixes estratéxicos de traballo para esta nova etapa, entre eles, a creación dun repositorio de información legal, económica e ambiental sobre parques eólicos; a realización dunha análise socioeconómica e institucional da enerxía eólica; continuar co asesoramento aos axentes rurais; o seguemento aos procesos de repotenciamento de parques eólicos; o apoio ás iniciativas comunitarias de transición enerxética limpa e a divulgación global do traballo que realiza o propio observatorio.