Reinvestimento das CMVMC e Imposto de Sociedades: avanzando na transición enerxética xusta
26 Xuño, 2023
Autor: OEGA
0 Comentarios
Na última semana procedeuse a facer público o informe financiado polo OEGA relativo ao tratamento fiscal do reinvestimento de beneficios dunha comunidade de montes veciñais en man común na constitución dunha comunidade enerxética. O informe foi elaborado polos profesores César García Novo e María Begoña Villaverde Gómez, ambos do Departamento de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela. Este informe súmase a un anterior, posto a disposición de toda a cidadanía, para fortalecer o papel que as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común deberían desenvolver no actual proceso de transición enerxética.
A xornada de presentación, organizada pola CMVMC de Tameiga, reuniu a unha vintena de actores do medio rural vinculados coas entidades de acción colectiva. Durante a xornada presentáronse os principais trazos dese informe. En resumo, o informe conclúe que o reinvestimento de beneficios das CMVMC na constitución e desenvolvemento das comunidades enerxéticas poden acollerse á redución da base impoñible do Imposto de Sociedades se son cumpridas dúas condicións: que ese reinvestimento sexa catalogado como un servizo público e que poida ser considerado de interese social.
Se tes interese en contar cunha copia do informe, podes enviar un e-mail ao OEGA, identificando a túa entidade e os motivos do teu interese.