O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nas últimas semanas, vén de acordar a paralización temporal das autorizacións dadas a empresa promotora polo Consello da Xunta para a execución dos parques eólicos de Campelo e Bustelo.
O PE Campelo, situado en Coristanco e Santa Comba, e o de Bustelo, situado no primeiro deses concellos e en Carballo, están promovidos dúas empresas denominadas Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. e Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.U. Campelo é dunha potencia de 40,5 e Bustelo de 45 MW. Os dous parques prevén instalar o mesmo aeroxerador denominado Lagerway de 4,5 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura ata a buxa de 111 metros e un diámetro do rotor de 136 metros. O orzamento previsto para a súa execución material ascende a preto de 75 millóns de euros e unha produción estimada de 263,25 GWH ao ano.
Con estes datos, os dous parques eólicos converteríanse en altamente produtivos con máis de 3.000 horas de funcionamento ao ano. Ademais, o seu impacto económico global sería elevado. Se consideramos o prezo medio de venda da electricidade en 2021 facilitado por Red Eléctrica Española, o parque facturaría 31,3 millóns de euros. Se tomamos o prezo medio de 2022, a facturación alcanzaría os 56 millóns de euros anuais.
Campelo iniciouse en 2010 coa súa admisión a trámite. Era promovido por Kaekias Eólica, S.A. O procedemento de autorización sométese a información pública en 2012. En 2018 transmítese a titularidade do parque eólico a Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. Modifícanse varios aspectos técnicos e sométese de novo o proxecto a información pública nese mesmo ano. Presentáronse numerosas alegacións que levaron a algúns cambios nas ubicacións dos aeroxeradores. A finais do 2020 formúlase a Declaración de Impacto Ambiental. O 18 de novembro do 2021 prodúcese o acordo do Consello da Xunta que autoriza o parque e declara a súa utilidade pública.
Pola súa parte, Greenalia Power, S.L.U solicitou en outubro de 2107 a autorización do PE Bustelo. Foi sometido a información pública en 2018. En febreiro de 2019, o promotor pasa a ser Greenalia Wind Power, S.L.U. En novembro de 2020 emítese a Declaración de Impacto Ambiental. En 2021 prodúcese a transmisión da titularidade do parque a favor do seu actual promotor, Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.U. Finalmente, en xuño de 2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais outorga as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico.
A plataforma veciñal “NON Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural” é o movemento social máis representativo da oposición local a estes parques eólicos. Desenvolveron durante anos un traballo de formación e recompilación de información para compartir coa cidadanía. Participaron en moitos movementos sociais reivindicativos a nivel galego e español, e foron, e son parte do movemento social que podemos chamar “eólicos si pero non así”. As redes están cheas de manifestacións da veciñanza de Coristanco, Santa Comba e Carballo onde constrúen o seu discurso en defensa das súas terras, das paisaxes e dos recursos naturais fronte aos intentos de ocupación por parte de empresas que nada teñen que ver co desenvolvemento comunitario e local.
A plataforma veciñal “NON Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural” realizou multitude de reunións coa veciñanza tanto polos parques eólicos como polas infraestruturas asociadas, sobre todo centrando a atención nos efectos ambientais das liñas de evacuación ata a subestación situada en Mesón do Vento (Ordes), un macro punto de centralización de ducias de infraestruturas de xeración eléctrica. Nos seus escritos e nas súas manifestacións públicas sempre estiveron presentes argumentos relativos ao benestar da veciñanza e á dinamización social e económica dos núcleos de poboación mais achegados aos parques eólicos.
Esta mobilización social desembocou na presentación de senllas demandas diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a anulación dos acordos da Xunta de Galicia referidos máis arriba polos que se autorizaban os dous parques eólicos. .
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica (PDCC) foron as entidades que presentaron esas demandas (as dúas na demanda de Campelo e ADEGA na de Bustelo). . Estes recursos contencioso-administrativo, dos que só coñecemos as sentenzas ditadas polo TSXG para a súa paralización cautelar e a información recollida en prensa, supoñen un cambio cualitativo na estratexia desenvolvida polo movemento social “Eólica Si, pero non Así”.
ADEGA, constituída legalmente en 1976, defínese como unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro, que traballa en defensa do medio ambiente galego e global, avogando por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sostible e socialmente xusto. Máis nova é a PDCC, xurdida como asociación en 2004 co propósito de defender a Cordilleira Cantábrica como unidade paisaxística e ambiental e sistema natural único no territorio europeo. A PDCC foi a impulsora, xunto con outras entidades, do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, cuxo obxectivo é promover accións legais en defensa da biodiversidade e da paisaxe da Cordillera Cantábrica e o seu entorno fronte á avalancha de macro proxectos de enerxía eólica. Entendemos que as demandas presentadas vincúlanse con este Fondo.
As demandas presentadas piden a anulación da autorización administrativa dada pola Xunta de Galicia. Debido a que a resolución desta demanda vai requirir dun tempo longo, as entidades demandantes solicitaron ao Tribunal a paralización cautelar. Este accedeu á paralización. O contido literal das resolución da maxistratura pódense ver aquí para Campelo e para Bustelo. O noso resumo é o seguinte. Son tres os argumentos centrais presentados pola parte demandante:
A Xunta de Galicia, como parte demandada, sinala que non existe risco de que se execute o parque e recalca a situación de crise enerxética e as recomendacións da UE para acelerar os procedementos de autorización de proxectos renovables. Pola súa parte, a promotora entende que a demandante quere que se xulgue sobre o fondo do debate da demanda e nega a existencia de aparencia de bo dereito así como que exista risco para o medio ambiente se os parques son executados e defende que a suspensión é un prexuízo tanto para a promotora como para o interese público.
A sala do Tribunal considera que xa existe un parque a pouco máis de 2 quilómetros e que a parte demandada non achega documento algún que xustifique a necesidade de contar cos novos parques, “nin sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra de Ucraína”. Por iso, a sala do Tribunal no momento de avaliar os intereses en conflito inclínase por favorecer a protección do medio ambiente. Acorda así a suspensión cautelar e recorda que en dúas sentenzas previas os mesmos defectos de publicación e audiencia levaron á súa estimación. A sentenzas levaban aparelladas senllas caucións de 10.000 euros para seren efectivas
No cambio cualitativo comentado anteriormente tamén se insire esta iniciativa. As partes demandantes puxeron en marcha un proceso para reunir con achegas individuais as cantidades requiridas polo Tribunal para a paralización efectiva.
A campaña de micro-financiamento. desenvolvida baixo o lema ‘Ti podes paralos!’, tivo lugar ata o día 28 de outubro de 2022, coa finalidade de captar a suma de 20.000€. A campaña finalizou antes da data inicialmente prevista ao terse acadado unha cifra que resultaba suficiente para atender as mencionadas caucións. A campaña combinaba a opción de realizar doazóns coa posibilidade de realizar micro-préstamos, nos que a recuperación do capital se subordinaba á consecución dunha sentenza finalmente favorable.
Desde o OEGA descoñecemos se este tipo de mecanismos colectivos de fortalecemento de campañas medioambientais foi usado antes en Galicia. O éxito da súa implantación móstranos o estendido que se encontra a percepción da non participación social no desenvolvemento eólico así como a consideración de que o modelo de implantación imposto polo goberno galego é pouco resiliente ás demandas locais e rurais de conservación dos recursos naturais e de participación colectiva nos benéficos derivados do aproveitamento privado dun recurso común.