“Eólicos si pero non así…” (Galiza) e “Eólicos não vão mal…” (Portugal)
4 Decembro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
O vindeiro 11 de decembro será o último Venres ao Vento, as xornadas semanais dos últimos seis venres que comezamos o pasado 6 de novembro. E para finalizar este Seminario Internacional para un Sistema Enerxético Sustentable e Equitativo imos afondar un pouco máis nas diferenzas entre os modelos de promoción da enerxía eólica en Galiza e en Portugal. Esta dimensión internacional do Seminario, presenta ao longo de todas as xornadas, traeranos, en primeiro lugar, a iniciativa da Plataforma a favor de los paisajes de Teruel, unha organización social que compartirá a súa experiencia na defensa das paisaxes rurais nun dos territorios rurais máis abandonados de todo o Estado español. Javier Oquendo será quien represente a este grupo turolense.
Se hai unha comarca en Galiza que represente a loita social contra os parques eólicos nos últimos anos, esa é a Comarca de Ordes. E para saber de todos os detalles, Jessica Rey, da organización Salvemos a Comarca de Ordes, trazará as liñas de traballo que ese movemento social vén desenvolvendo nos últimos anos. Nestas últimas semanas reactivouse tamén o movemento de oposición contra os parques eólicos na Serra da Groba e no Monte do Galiñeiro. Despois de case 10 anos de silencio administrativo nas últimas semanas comezou a moverse o procedemento de autorización de varios parques eólicos nesas terras no sur da provincia de Pontevedra e con iso, e se cabe con máis forza aínda, o movemento ambiental, patrimonial e social contras as torres eólicas na Serra da Groba e no Monte do Galiñeiro. Nese movemento social xoga un rol especial o Instituto de Estudos Miñoranos, unha organización comarcal de prestixio no ámbito cultural e social do Val Miñor. Juan Hermida, seu presidente, será quen faga uso da palabra durante esta Venres ao Vento.
Eólico si, pero non así. Ese ten sido o slogan en moitos sitios de Galiza e do Estado español, para defender outro modelo de acumulación de potencia renovable nos montes con potencial eólico. En Portugal, sen embargo, a situación parece algo diferente. No noso país veciño os “Eólicos não vão mal…”, din os compañeiros portugueses. Para ter todos os detalles, e enriquecer o noso debate e coñecemento, contaremos coa presenza de Pedro Gomes, da BALADI-Federação Nacional dos Baldios.
A xornada estará moderada por Damián Copena, da Universidad de Oviedo, e por Sara Simões, Escuela Superior Agraria-Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
Se queres ser parte deste Seminario, que se desenvolverá online, debes rexistrarte. Para iso podes usar estes enlaces, para facelo en español, ou en galego.