Propiedade comunitaria e transición enerxética. “Baldios e Montes Veciñais”, dúas experiencias singulares de Portugal e Galiza
19 Novembro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Na sexta sesión do Seminario Venres ao Vento, o 4 de decembro de 16:00 a 18:00 horas, a palabra vai ser para as comunidades de montes e os baldios. A palabra vai ser para galegos e portugueses.
Moderada pola profesora Joana Nogueira, da Escola Superior Agraria do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Amâncio Alves, Presidente do Conselho Diretivo do Baldio de Anhões (Monção) partillará con todos nós como a enerxía eólica está a decorrer no freguesía de Monção. No caso galego imos coñecer 3 experiencias diferentes. Unha delas chega desde o norte de Lugo, desde a Serra do Xistral.
José Antonio García Pico, Presidente da CMVMC de San Pantaleón (Ourol) e Noemí García Saavedra, parte do equipo técnico que presta apoio á Comunidade, ilustrarán a experiencia desa comunidade coa implantación de enerxía eólica nos montes da súa propiedade. Pola súa parte, José Manuel Yglesias, técnico do MVMC de Carballo (Friol, Lugo), ilustraranos sobre os proxectos eólicos no inmediato futuro nas terras Friol. Finalmente, Gonzalo Pérez Vázquez, coordinador da CMVMC de Tameiga (Mos, Pontevedra) e Xosé Manuel Golpe, consultor enerxético de Nosa Enerxía SCG, presentarán a iniciativa de constitución da primeira comunidade enerxética en Galiza coa participación de unha comunidades de montes .
Con esta sesión, o Seminario para un Sistema Enerxético Sustentable e Equitativo pretende dar voz a un actor principal na xestión do territorio en Galiza e no norte de Portugal: as comunidades veciñais de montes e os baldios. Construír un futuro diferente nos nosos espazos rurais require deses actores, e o seu papel como xestores do territorio non se debe limitar á xestión forestal. Debe incluír tamén o seu papel como promotores enerxéticos.
Se queres ser parte deste Seminario, que se desenvolverá online, debes rexistrarte. Para iso podes usar estes enlaces, para facelo en español, ou en galego.