OEGA visita Forcarei para prestar apoio a 7 comunidades de montes
17 Novembro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Seguindo coa principal función que desenvolve o Observatorio Eólico de Galicia, o asesoramento aos propietarios de terras eólicas para facer máis transparente o proceso de implantación de parques eólicos e fortalecer a posición negociadora deses propietarios, a pasada semana visitamos Forcarei, na Comarca de Tabeirós-Terra de Montes provincia de Pontevedra.
Neste Concello xa existen parques eólicos, desde hai case 25 anos. Desde 2015 está aberto o proceso para a posta en marcha do parque eólico Paraño Oeste, que compartirían co concello ourensá de Beariz. E desde hai uns meses iniciouse o proceso para desenvolver o parque eólico As Penizas. O encontro realizouse con propietarios comunitarios de terras eólicas afectadas por estes dous parques eólicos, na casa do pobo de Sixto. Con motivo da pandemia, tres comunidades conectáronse por internet e as outras 4 estaban presentes na reunión.
Como é habitual neste tipo de encontros, o OEGA detectou a ausencia de suficiente información en poder das comunidades rurais para a toma das decisións ás que se enfrontan. As comunidades indicaron que ningunha institución pública, nin o concello nin a administración autonómica, lles ofreceron colaboración para comprender na súa totalidade a dimensión e o alcance dos proxectos que están en proceso. Concretamente, no caso de Paraño Oeste, o proxecto foi autorizado en 2015 e desde aquela cambiou a empresa promotora, cambiou o número de aeroxeradores, cambiou a potencia unitaria de cada un deles e, posiblemente, cambiou a afección territorial do mparque eólico. Sen embargo, os veciños e veciñas non teñen ningunha constancia documental oficial deses cambios. Só os intermediarios do presuntamente novo promotor que chega con información parcial ás comunidades, parecen ser os únicos que o saben todo, con nova información que as comunidades descoñecen.
Desde o OEGA imos colaborar con estas comunidades para ter unha maior información, e dispoñer dela a tempo, sobre a situación na que se encontra este parque eólico. As Comunidades presentes expresaron a súa indefensión e a súa frustración por non saber moi ben como defender da mellor forma os dereitos de todos os propietarios.
Pola súa parte, o parque eólico As Penizas, estivo en exposición pública semanas atrás. En poucas semanas activaremos un protocolo de colaboración coas comunidades afectadas.