Asesoramento do OEGA na Serra do Cereixido: concellos de A Rúa e Quiroga
1 Outubro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Nesta semana, o OEGA participou en dúas xuntanzas con propietarios de terras e colectivos locais, nos concellos de A Rúa (Ourense) e Quiroga (Lugo), debido a que neses concellos, e nos veciños de Vilamartín de Valdeorras e Ribas de Sil, están previstos tres parques eólicos. Eses propietarios e colectivos demandaron do Observatorio o apoio necesario para comprender mellor o procedemento administrativo para a posta en marcha dun parque eólico. Tamén querían ter o noso punto de vista sobre os contactos feitos polas promotoras e as condicións económicas e xurídicas propostas.
O asesoramento realizado polo OEGA resúmese nos seguintes puntos, a partir da consideración inicial de que os colectivos presentes e as persoas participantes manifestan a súa aceptación da enerxía eólica.
1. Os parques eólicos, a diferenza dos encoros, son autorizados e non “concesionados”. Isto é moi importante: a autorización do parque eólico non ten data de caducidade. O do encoro é permitido nun río por un período de tempo limitado. Os parques eólicos chegan para ficar nas terras rurais “toda a vida”.
2. Existen importantes asimetrías: as promotoras teñen moita experiencia e equipos potentes; os propietarios teñen pouca información e axuda externa limitada.
3. Como consecuencia: o OEGA recomenda que TODOS os propietarios actúen xuntos e marquen eles os seus propios ritmos e tempos.
4. A proposta feita polas empresas (son tres empresas de moi recente creación) ten unhas debilidades e sesgos que foron resaltados:
a. As empresas pretenden quedar co control de TODO o monte, tanto de aquel que estaría dentro do Parque Eólico como o “situado nos arredores”. É inaceptable
b. As empresas pretenden que os propietarios non aproveiten o monte nun radio de 200 metros a partir do aeroxerador, pero por isto pagarían 0 euros. É inaceptable. Esta condición suporía unha superficie de 12,5 hectáreas.
c. As empresas pretenden impor unha condición suspensiva que podería levar a 10 anos sen que os veciños puideran negociar co seu monte, pero a empresa non pagaría nada. É unha condición inaceptable.
d. As empresas queren alcanzar a sinatura dos veciños para a ocupación de terras para parques eólicos e liñas de aéreas de evacuación. Non hai proxecto. E deben estar separados o parque eólico e a liña de evacuación. É inaceptable.
5. Sobre os prezos anuais ofrecidos polas empresas, distan moito da media que se paga en Galicia. Sitúase no 56% da media de Galicia: ofrécenlles entre 1900 e 2000 euros por MW mentres ca media en Galicia supera os 3.300 Euros por MW. É inaceptable
6. No que se refire ás parcelas sen aeroxeradores, a oferta das empresas é: 0,5 euros por m2 para as servidumes de paso e 0,25 euros por m2 para as servidumes de voo. Sería un pagamento unha única vez. É inaceptable.
Por todo o anterior, o Observatorio Eólico de Galicia, recomendoulles aos propietarios presentes que tomen en consideración a urxente necesidade de negociar en común, que busquen alianzas coas autoridades municipais e con outros colectivos profesionais que entendan as súas xustas reivindicacións e os apoien de forma clara e transparente. O OEGA ofreceuse a continuar coa súa colaboración gratuíta.
As reunións contaron tamén coa participación de representantes políticos dos Concellos de A Rúa e Quiroga.