O Observatorio Eólico presentou ós grupos parlamentarios de Galicia unha proposta de contrato tipo para os terreos afectados por parques eólicos
28 Setembro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Os grupos políticos do Partido Popular, do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista mostráronse moi receptivos en relación coas propostas formuladas polo Observatorio Eólico de Galicia. Durante as reunións, presentámoslle a proposta de contrato tipo que foi elaborada nos últimos meses. A idea era plasmar nun documento algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos así coma facilitarlles a negociación coas empresas promotoras das instalacións. Esta iniciativa poderá supoñer un impulso para mellorar a situación actual e concederlles capacidade de decisión aos habitantes do mundo rural e aos propietarios dos terreos afectados polas centrais eólicas, tendo un papel principal na planificación do desenvolvemento eólico e a capacidade de autoxestionar o recurso vento.
A proposta recolle dúas fórmulas de contrato tipo. Por unha parte, o contrato de constitución de dereito de superficie para Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e, por outra parte, o contrato de arrendamento para propietarios individuais. Estes modelos de contrato, aínda que non recollen condicións económicas específicas, supón unha chamada a que os contratos prevalezan sobre as expropiacións, e recolle unhas cláusulas básicas entre as que sobresaen tres formas de pagamento: por superficie ocupada, porcentaxe dos ingresos do parque ou por capacidade instalada. Tamén destaca a cláusula de produtividade pola que cada ano, a partir do segundo, producirase unha revisión do canon pactado. Ademais da actualización do canon, que deberá incrementarse cada anualidade con arranxo á variación experimentada polo Índice de Prezos ao Consumo (IPC). Por outra parte, levarase a cabo unha revisión do canon en calquera momento de vixencia do contrato, na que o superficiario comprométese a igualar o canon pactado cando o propietario presente un contrato, referido a calquera parque eólico terrestre existente dentro do marco normativo eléctrico español, que contemple unhas condicións retributivas máis vantaxosas.
O Observatorio Eólico de Galicia reivindica o papel da enerxía eólica coma unha excelente oportunidade para o desenvolvemento e a supervivencia do rural, para a mellora da calidade de vida das persoas ou das explotacións agrarias e gandeiras. Entre as principais razóns que motivaron o desenvolvemento desta proposta destaca a recomendación recollida no “Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, avaliando a experiencia acumulada dende 2006 e, especificamente, a extraordinaria vaga de lumes que vén de sufrir Galicia en outubro de 2017 (Xullo 2018)”, pola que se instaba a desenvolver un instrumento para fortalecer a capacidade de negociación das comunidades de montes fronte ás empresas de produción de enerxía eólica, como un contrato tipo que oriente sobre prezos mínimos pola ocupación dos terreos.
O Observatorio Eólico de Galicia móstrase esperanzado co clima de receptividade que amosaron os grupos políticos en relación coa proposta de contrato tipo. Nun breve prazo de tempo, procederase a facer pública a totalidade do contido do contrato tipo.