OEGA participa en Workshop sobre mudanzas climáticas
13 Novembro, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
Na cidade de Recife, Pernambuco, Brasil, entre o 29 e o 31 de outubro, o Observatorio Eólico de Galicia foi parte dos palestrantes do VI Workshop Internacional sobre Mudanças Climáticas e Biodiversidade, organizadao pola Universidade Federal de Pernambuco.
Coa participación do Dr. Xavier Simón, responsábel do OEGA, o workshop contou cun importante abano de científicos chegados de diversos países do mundo e todo o Brasil. Centrado nos ámbitos da sustentabilidade, da sociedade e das tecnoloxías, o workshop avanzou sobre os principais retos globais ós que nos enfrontamos fronte ó acelerado cambio climático.
A palestra do Dr. Simón, titulada “Transição e Justiça energética: uma proposta para o Desenvolvimento Comunitário” tentou pór de manifesto as limitacións que se observan no desenvolvemento eólico cando as comunidades rurais e locais, en cuxo territorio se instalan as novas industrias, non son considerados adecuadamente como actores claves. O responsábel do OEGA debullou as principais compoñentes da xustiza enerxética e enumerou as eivas que presenta o modelo enerxético español, e galego en particular, para alcanzar solucións xustas desde o punto de vista distributivo e procedimental. Durante o encontro, outros científicos e técnicos brasileiros fixeron achegas importantes ó estado do serodio desenvolvemento eólico no Brasil, recalcando que nos vindeiros anos agárdase un acelerado crecemento desta fonte enerxética.
A visita ó Brasil tamén serviu para que o Observatorio Eólico de Galicia se implique nun proxecto de investigación sobre os impactos sociais e económicos do complexo eólico Ventos de São Clemente. Esta instalación, en funcionamento desde 2016, consta de 8 parques eólicos con un total de 216,1 MW, situados nos concellos de Pedra, Venturosa, Caetés e Capoeiras, en Pernambuco. Xunto con profesores do Núcleo Agrofamiliar da Universidade Federal Rural de Pernambuco, en Garanhuns, temos deseñada unha enquisa para avaliar o nivel de xustiza enerxética no nordeste pernambucano.