Enerxía comunitaria: unha opción real para empoderar ás economías locais
27 Marzo, 2024
Autor: OEGA
0 Comentarios
Desde hai un mes, en colaboración cos técnicos do proxecto europeo EC4RURAL, o Observatorio Eólico está a recorrer as vilas rurais de Galicia para avanzar no proceso participativo de creación de comunidades enerxéticas. Nestas primeiras reunións, o diálogo entre as partes xira arredor de varios puntos. En primeiro lugar, avánzase nun diagnóstico da situación enerxética local, realzando o gasto en electricidade de cada localidade. En segundo lugar, introdúcense preguntas relativas ás alternativas existentes para definir un modelo de xeración distribuída, é dicir, aquel que produce electricidade no mesmo lugar onde se consome esa enerxía. Esta narrativa trae ao debate a existencia de recursos renovábeis na localidade, as tecnoloxías dispoñíbeis para o aproveitamento deses recursos e a necesidade de xerar comunidade como primeiro paso, é dicir, que a cidadanía, as pequenas e medianas empresas e o concello se identifiquen con valores comúns que deriven na acción colectiva para a produción local de enerxía. Finalmente, danse as primeiras pinceladas do que significa ser parte dunha comunidade enerxética.
Nas reunións mantidas até agora (Outes, Moeche, Vedra, Silleda e Vilasantar), aínda existindo diferenzas no nivel de desenvolvemento das iniciativas comunitarias locais, pódese dicir que se conformou en cada un deses lugares un Consello Enerxético Local, un grupo amplo de discusión sobre a situación enerxética de cada localidade. En cada unha das reunións realizadas, participaron os Concellos, cidadáns, organizacións sociais de diferentes ámbitos e pequenas e medianas empresas. Foron sempre unhas reunións cunha alta participación e con moitas preguntas e reflexións creativas por parte dos participantes.
Os seguintes pasos deben levarnos a definir os grupos motores antes de agosto de 2024, é dicir, os grupos encargados de traballar para definir o modelo de negocio de cada unha das comunidades enerxéticas rurais que se queren desenvolver nos 22 concellos rurais de Galicia.