Parques eólicos na capital galega da arte rupestre: desenvolvemento empresarial con case nulo impacto socioeconómico positivo nas comunidades rurais
24 Outubro, 2023
Autor: OEGA
0 Comentarios
Na pasada semana, membros do Observatorio Eólico de Galicia participaron en xornada de asesoramento aos veciños de Moraña e Campo Lameiro como consecuencia de varios parques eólicos que se desenvolven ou están previstos nesas terras da provincia de Pontevedra. A actividade foi promovido polo Colectivo do Vento, unha entidade comarcal que realiza actividades de posta en valor do medio rural.
A primeira hora procedeu a visitar as obras do parque eólico Acibal que constrúe a empresa Norvento SLU. Para a veciñanza este parque é moi controvertido polos seus efectos ambientais e sociais. Trátase dun dos poucos parques eólicos en construción nestes momentos en Galicia. Este parque eólico é, en certa medida una caso atípico pois recibiu dúas autorizacións administrativas (a primeira publicada o 15 de setembro de 2015 e a segunda mediante resolución publicada o 26 de abril de 2022). Nesta de abril é na que se ampara o actual proceso de construción. Esta última resolución iníciase coa solicitude pola empresa da autorización para o denominado “proxecto de modificación substancial do parque eólico Acibal”, pero finalmente a autorización concedida esquece o de “modificación substancial” e autoriza, como xa fixera 7 anos antes o parque eólico Acibal. Mantén a mesma potencia de 12 MW e 4 aeroxeradores.
As afeccións do PE Acibal, segundo a relación de bens e dereitos afectados, alcanza as 18,3 hectáreas. Toda esa superficie é comunal, pertencente na súa maioría á MVMC de Acibal de Rebón do concello de Moraña. A CMVMC de Amil, tamén en Moraña, e as CMVMC de Perdecanai, en Barro, e CMVMC de Fragas, en Campo Lameiro, teñen bens e dereitos afectados pero sen ocupación de pleno dominio, unicamente servidumes e voo.
Nas estimacións feitas polo OEGA, as superficies cuxa cualificación pasará a rústica de protección de infraestruturas alcanza case as 46 hectáreas, é dicir 3 veces máis da superficie para a que a empresa solicitou a súa ocupación e que a Xunta incorpora no expediente. Pola súa banda, ata 600 hectáreas son das que Norvento asume toda a titularidade eólica nun futuro, consecuencia da “zona de exclusión de competidores”, segundo a nosa propia acepción das zonas de solapamento definidas na Disposición Transitoria 6.2 da Lei 8/2009. É dicir, nesa superficie só esa empresa, ou aquela que ela autorice, poderá iniciar o procedemento para solicitar a colocación de máis aeroxeradores.
A cidadanía de Moraña e Campo Lameiro sorpréndense de que a Xunta de Galicia non teña definido mecanismos para compensar a perda de valor que sofren as propiedades privadas, individuais e colectivas, tanto no presente, ao cambiaren de cualificación urbanística, como no futuro, ao perderse a opción de desenvolver parques eólicos noutras terras, esa superficie equivalente a case 600 campos de fútbol.
No que se refire aos pagamentos directos ás comunidades propietarias das terras, segundo as estimacións medias realizadas polo OEGA, a contía anual situaríase arredor dos 73.000 euros anuais. Se a promotora vendera a electricidade ao prezo medio de setembro do 2022 facturaría case 5 millóns de euros, representando aquela renda para os propietarios apenas 0 1,5%.
Por outra parte, na sesión de asesoramento tamén se trataron temas referidos aos parques eólicos Zudreiro e Anduriña, promovidos por Green Capital Power, SL, de 23 e 41,4 MW de potencia, respectivamente. Trátase de dous parques que perderon o dereito á conexión á rede xa que segundo a normativa vixente eses parques debían ter alcanzado a avaliación do impacto ambiental antes de xaneiro de 2023. Durante a xornada os nosos técnicos explicaron que a normativa reguladora (Real Decreto 118/2020 e Circular 1/2021 e Resolución 20 de maio de 2021, ambas da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia) establece unha serie de fitos a alcanzar para que os permisos de acceso se manteñan vivos. A promotora non conseguiu cumprir eses fitos pois a Xunta de Galicia non resolveu en tempo a declaración de impacto ambiental.