Director do OEGA colabora con Consello da Cultura Galega
9 Marzo, 2022
Autor: OEGA
0 Comentarios
Xavier Simón participou na elaboración do Informe sobre a afección ás paisaxes culturais das instalacións de produción de enerxía eólica en Galicia, como parte da Comisión Técnica temporal nomeada polo Consello da Cultura Galega.
A razón de ser do informe
A petición de varios concellos e colectivos sociais, o Consello da Cultura Galega, unha entidade pública independente, puxo en marcha comisión temporal para elaborar un informe en relación cos impactos da enerxía eólica nas paisaxes culturais.
O noso director foi parte dun equipo que incluía arqueólogos, xuristas, antropólogos, arquitectos, xeógrafos e economistas, entre outros. Seguindo unha metodoloxía de diálogo construtivo e de aporte de ideas desde a perspectiva disciplinaria, a comisión foi xerando unha avaliación transdisciplinaria que recollía as ideas e argumentos nunha linguaxe e cunha estrutura narrativa que superaba as barreiras disciplinarias. Con iso, o informe daba resposta á demanda social manifestada por diversas entidades públicas e privadas no sentido de relativizar, contextualizar e dimensionar socialmente a dinámica de investimentos eólicos que tanta polémica estaban suscitando na sociedade galega, e en xeral en toda a cornixa cantábrica.
Informe final
O texto foi escrito de forma colaborativa por todas as partes integrantes da comisión. E pódese descargar (soamente existe versión en galego), neste enlace.