O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) coa colaboración da Fundación Juana de Vega e da Fundación Isla Couto presenta unha actualización dun documento que foi moi útil desde 2010 para incrementar a transparencia no sector. Para responder aos cambios acontecidos nos últimos 10 anos e continuar na liña de favorecer a transparencia, o OEGA púxose a traballar hai uns meses para chegar a esta nova versión da Guía. O traballo foi realizado baixo a dirección do profesor Simón Fernández, responsable do OEGA, e da profesora Montero Muñoz, membro do grupo rede e da Agrupación Estratéxica Ecobas, ambos da Universidade de Vigo, e conta tamén coa participación dos profesores Copena Rodríguez, da Universidade de Oviedo, e Pérez Neira, da Universidade de León.
O documento que presentamos quere ser un instrumento útil para as partes participantes no desenvolvemento eólico, contendo un resumo dos aspectos máis relevantes dos procesos negociadores entre os propietarios/as dos terreos eólicos e as empresas promotoras e póndoos á disposición de todos os axentes interesados.
Entre as novidades desta guía, achégase unha proposta de contrato tipo para o arrendamento de terreos eólicos, no que se incorporan algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos. Tamén se xunta unha proposta de modelo de convenio de colaboración a asinar entre entidades locais/asociacións/propietarios veciñais e a empresa promotora, coa intención de que esta clase de acordos que benefician as comunidades rurais sexan unha realidade máis común nos actuais procesos de desenvolvemento eólico. Outra novidade significativa é que nesta actualización incorpórase información útil para o tratamento fiscal das rendas derivadas dos parques eólicos.
Desde o OEGA defendemos o desenvolvemento eólico como o compoñente da transición enerxética e ecolóxica que tanto necesita o sistema de produción e consumo. Así mesmo, cremos necesario que os procesos de transición enerxética integren un conxunto amplo de obxectivos e non persigan unicamente, tal como ocorre na actualidade, acadar canta maior potencia renovable instalada mellor. Centrar as accións políticas nese único ámbito podería conducir a un fracaso social. Esa transición debe ser, polo tanto, unha aposta multiobxectivo na que participen ademais unha multiplicidade de actores. Se a transición se restrinxe ás mesmas compañías e actores que contribuíron aos problemas que se tratan de atallar non sería unha transición real.
Nesta Guía o OEGA plasma algunhas propostas que vén defendendo nos últimos anos. Por unha parte a propiedade pública, tamén das entidades locais, debería avanzar así como a propiedade compartida de parques eólicos coas comunidades locais; as comunidades enerxéticas e cooperativas de produción e consumo de enerxía, e outras, deberían ser protagonistas das sociedades descarbonizadas. Así mesmo, o incremento da potencia instalada que se conecta a redes centralizadas deberían perder peso e dar entrada a sistemas autónomos ou de autoconsumo que producen para territorios locais.
Ademais, a democratización dos procedementos de instalación de centrais eólicas debería avanzar de forma significativa. Isto significa que os dereitos das persoas residentes nos territorios onde se instalan os parques eólicos sexan considerados en maior medida; tamén dereitos vinculados co acceso ás terras eólicas e dereitos asociados cos procesos de toma de decisións sobre os lugares onde asentar as instalacións asociadas a esas enerxías. Darlles entrada no proceso de toma de decisións a todos os actores locais, mesmo aos que non están directamente vinculados co asentamento das infraestruturas (ampliando a consideración de afectados) é outro trazo desa nova perspectiva.
Todo iso require que a Administración autonómica modifique de forma urxente o marco normativo que regula os seus procesos de autorización. Ademais, estes cambios na lexislación deberían limitar a casos absolutamente excepcionais o uso da expropiación como mecanismo de acceso aos terreos eólicos.
O libro está estruturado en 9 seccións e conta con 3 anexos. O libre é de acceso libre e gratuíto mediante este enlace.