Descubrindo boas prácticas na enerxía comunitaria: o caso de Efiduero
19 Marzo, 2025
Autor: OEGA
0 Comentarios
O responsable do Observatorio Eólico de Galicia visitou a expriencia de desenvolvemento enerxético comunitario impulsada no espazo transfronteirizo que conforman Zamora e Salamanca, en España, e as terras portuguesas de Trás-os-Montes e Beira Interior Norte. Estes territorios, bañados polo Douro-Douro, están integrados na Agrupación Europea de Cooperación Territorial Duero-Douro.
En 2017 esta entidade de dereito público creou Efiduero, Sociedade Cooperativa Europea, para a posta en marcha de iniciativas de xestión e investimento encamiñadas a favorecer o desenvolvemento territorial mediante o aproveitamento da enerxía renovable. En 2021 crean unha Comunidade Cidadá de Enerxía que se converte de forma inmediata en comercializadora de enerxía no mercado ibérico.
O modelo de Efiduero permitiu desenvolver 150 instalacións fotovoltaicas que sumadas ás 80 en curso de realización totalizarán máis de 3,4 MW. Esta cooperativa vende a enerxía aos seus socios a prezo de custo e ten posibilidade de compartir excedentes das súas instalacións cos seus socios independentemente da distancia que exista entre o punto de consumo e o lugar onde se produce o excedente.
Os concellos son o principal activo de Efiduero. Durante a visita, os alcaldes de Almaraz de Duero e de Villaseco del Pan, José Martín e Felipe Custa, manifestaron que os plenos dos seus concellos, contando cos informes preceptivos de Secretaría e Intervención, decidiran ceder gratuitamente os tellados dos edificios públicos a Efiduero. A cambio reciben unha parte importante da enerxía eléctrica que consomen. A participación no capital de Efiduero alcanza o valor de 25 euros. Ademais deses concellos, tamén se visitaron varias experiencias en Fermoselle, en plena Raia.
José Luis Pascual, director xeral da AECT Duero-Douro, sinalou que “este territorio é un espazo de sacrificio. Durante décadas as grandes empresas utilizaron os nosos recursos para alimentar procesos de produción noutros lugares á conta da nosa calidade de vida e do noso desenvolvemento. Os pobos baleiráronse e a economía entrou en abandono. Con Efiduero estamos a demostrar que é posible unha transición enerxética que sexa útil para o territorio, nós cremos na enerxía para o pobo. Son as nosas comunidades rurais as que controlan a enerxía.”
Outro proxecto enerxético de Efiduero é a rede de puntos de recarga para automóbiles eléctricos. Pódese dicir que en Zamora, Salamanca, Trás-os-Montes e Beira Interior Norte atópase a rede de cargadores en zonas rurais máis grande de toda a península ibérica.
A visita de traballo a esta terra transfronteiriza foi organizada polo grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego. Entre a comitiva, atopábase Ánxela Fernández Callís, a alcaldesa do Rosal. Este concello é parte do proxecto EC4RURAL.