O evento sobre comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias, organizado polo Observatorio Eólico de Galicia, reuniu a actores centrais do ecosistema enerxético galego en clave comunitaria na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
As Comunidades de Montes en Man Común (CMVMC) tiveron un papel significativo no desenvolvemento da xornada. Deixaron moi claro o potencial que estas entidades de acción colectiva teñen para liderar a transformación comunitaria do rural galego.
A mesa comezou co anuncio de que a comunidade enerxética da Reigosa, en Ponte Caldelas, é unha realidade, converténdose na segunda comunidade galega conectada á rede, despois de Arousa en Transición.
A CMVMC de Buchabade, en Ponte Caldelas, e a CMVMC de Tameiga, en Mos, mostraron como a solución do autoconsumo colectivo con compensación de excedentes pode ser unha alternativa viable cando aparecen obstáculos xurídicos para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas.
Pola súa banda, a CMVMC de Froxán, en Lousame, destacou as dificultades que as distribuidoras poñen para conceder o punto de acceso á rede que estas instalacións requiren. Ademais, Froxán sitúase como a primeira experiencia galega exitosa en termos de mobilidade eléctrica compartida.