A partir da iniciativa da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira, OEGA visitou o Concello de Cedeira na pasada semana para desenvolver unha actividade de asesoramento e difusión de información sobre o parque eólico Badulaque.
Este parque intégrase no que o OEGA, e outros colectivos sociais e ambientais, temos denominado o macroparque de Enel Green Power España, SL, no oriente coruñés e nos concellos límite de Lugo (5 parques eólicos, 490 MW, 128 aeroxeradores de ata 7 MW de potencia unitaria, máis de 100 quilómetros de liña de evacuación, 200 metros de altura a punta de pá…). Denominámolo así porque malia estaren tramitados de forma individual forman unha única unidade de produción, desde Xermade até As Pontes de García Rodríguez na que calquera das instalacións non se pode entender sen as outras, compartindo subestacións, liña de evacuación e, por suposto, punto de evacuación. Iso non é ningún demérito, só unha realidade.
No parque eólico Badualque, a filial da gran empresa pública italiana Enel, a antiga empresa publica española Endesa, ten previsto investir arredor de 142 millóns de euros, nun parque de 102,4 MW que producirá electricidade por medio de 16 aeroxeradores que terán unha dimensión a punta de pá de 200 metros. O proxecto presentado estima unha produción de case 4.700 horas ao ano, unha produtividade case duplica a media actual dos parques galegos. Outra particularidade deste parque é que todos os seus aeroxeradores e as súas instalacións estarían fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico, os espazos considerados viábeis polo “vello” Plan Sectorial Eólico de Galicia. É así, aproveitando a modificación dese plan por medio de medidas parciais tomadas pola Xunta de Galicia con motivo da aprobación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece “Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.”
Por outra parte, o Badulaque xa obtivo a autorización administrativa mediante resolución da Dirección General de Política Energética y Minas do goberno de España en abril de 2023. Sen embargo, a empresa solicitou unha nova autorización a un proxecto modificado, a raíz da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), reducindo o número de aeroxeradores, incrementando a súa potencia unitaria e aumentando a potencia total do parque.
Nun auditorio de Cedeira abarrotado de veciños e veciñas, o profesor Simón centrou a súa comunicación en compartir coa veciñanza os efectos do parque sobre as terras, a estimación do volume de negocio asociado ao parque e algúns datos sobre o previsible impacto nas economías locais. A actividade finalizou cun enriquecedor coloquio entre os asistentes.
O representante do OEGA indicou que a promotora non solicitou aínda a utilidade pública das instalacións, polo que a expropiación das terras non era unha opción no curto prazo. AO non existir unha relación de bens e dereitos afectados, non se coñece o volume total da superficie pola que a empresa está disposta a pagar unha renda anual (os seus emisarios na zona xa negocian cos veciños). A nosa recomendación é sempre a mesma: as negociacións conxuntas son mellores que as individuais, as decisións precipitadas non son boas conselleiras (pois o parque eólico chega para ficar nesas terras para toda a vida, a autorización non ten data de caducidade), o contrato tipo elaborado polo OEGA debería ser un punto de partida bo para as dúas partes, o apoio dos concellos (no acto estaba o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil) é fundamental para que as prestacións á veciñanza, e non só aos propietarios, sexan as adecuadas para compensar o lucro cesante, a perda paisaxística, o ruído xerado polas máquinas, os danos ambientais, etc.
O profesor Simón compartiu cos veciños e veciñas a superficie que cambiará de cualificación urbanística, e na que as propietarias perderán dereitos ao pasares de rústica forestal ou rústica común a rústica de protección de infraestruturas. Esa superficie, considerando unicamente a vinculada aos aeroxeradores, situarase case nas 200 hectáreas. Até as case 8.300 hectáreas alcanzará as Zonas de Solapamento ou zonas de exclusións de competidores. Pola inmensa maioría desta superficie a empresa non pagará nada aos seus lexítimos propietarios malia perderen estes dereitos básicos sobre as mesmas. Unha inxustiza social e económica en toda regra, amparada no deseño normativo do goberno galego.
Coñecendo a produción estimada que sinala a empresa, estimamos a facturación a través do prexo de venda da enerxía. Se o prezo fora a media do 2020, a facturación alcanzaría os 25 millóns de euros. Ata case 60 millóns se o prezo fora o de 2021. Ese volume de facturación alcanzaría os 82 millóns de uros anuais se o prezo medio fora o de 2022. Se fora o de setembro de 2023, esa facturación anual alcanzaría case os 54 millóns. Unhas cifras astronómicas para un concello rural e costeiro como Cedeira, ou Cerdido, Moeche ou Valdoviño.
Os concellos recibirían un único pagamento polo Imposto de Construcións, Instalacións e Servizos de case 5,7 millóns (considerando que todos eles estiveran na porcentaxe máxima permitida do 4%), indo case 3,2 millóns ao Cerdido, considerando o reparto en función do número de aeroxeradores. Os pagamentos anuais polo Imposto de Bens Inmobles Especiais alcanzaría os 200 mil euros (a repartir entre os 4 concellos) e o Imposto de Actividades Económicas iría ate os 97 mil euros anuais para todos eles. Pola súa banda a Xunta recadaría case 95.000 euros polo canon eólico.
As ofertas que a empresa realiza polas terras ocupadas (ademais de non considerar todos os efectos e perdas como se mencionaba antes) sitúase en cantidades insignificantes se as relacionamos coa facturación estimada. Polo pleno dominio a empresa ofrece 0,7 euros por metro cadrado, e polas servidumes 0,35, moi lonxe dos 1,17 que temos detectado en algúns contratos para o primeiro tipo de afección e tamén lonxe dos pagamentos por servidumes que se alcanzan noutros contratos (0,58 euros por metro cadrado). Neste punto resultou moi interesante a reflexión do presidente de Apromace, Julio Aneiros, quen afirmou “… a empresa debería pagar por esas terras como un solar eólico ou enerxético e non como unha terra forestal pois un ferrado de eucaliptos da 30 euros ao anos e a oferta da empresa é de 150 por ferrado”, pero o valor da terra, dicía Julio, é o que se relaciona coa produción eólica non coa produción de madeira. Ademais, insistía o presidente, se o comparan co ferrado de eucalipto, “cantas cortas debían considerar? Unha ou duascentas?”.
Os presentes quedaron sorprendidos de que haxa empresas que pagan ás propietarias segundo unha porcentaxe da facturación “que non impide o negocio eólico”, indicaba Simón.
No debate final apareceron novos argumentos por parte da cidadanía. Os que non eran propietarios e teñen un proxecto vital perto do parque eólico consideraban que era totalmente inxusto que fora cambiar a súa vida no medio rural coa chegada de grandes instalacións industriais que ninguén pediu e que no seu caso nin sequera ían ter beneficios directos de ningún tipo. Outras veciñas queixáronse de que as casas illadas podían estar a menos de 500 metros dos aeroxeradores causando un perxuizo enorme. Unha intervención adicional referíase a porqué todo se medía con diñeiro, incidindo en que o medio rural é oito máis ca iso. Finalmente, un gandeiro manifestou que as perdas de terra que vai ter polo Badulaque suponlle un lucro cesante, é dicir, unha perda de ingresos, que a proposta da empresa nin sequera alcanza ao que cobraría polas axudas da PAC.
O parque eólico chega a Cedeira para toda a vida, para sempre
A mellor estratexia e manter unha postura común de todas as propietarias, para defender o que estas consideren mellor para o pobo
O apoio do concello é crucial para conseguir incrementar o valor económico positivo que fica en Cedeira e minimizar os perxuícios.
O OEGA ten un contrato tipo, que é bo para todas as partes