Durante esta xornada de formación de formadores e decisores políticos fíxose un repaso legal, tecnolóxico, social e económico ao desenvolvemento das comunidades enerxéticas en España. Participaron máis de 70 persoas pertencentes á administración local (cargos políticos e técnicos executivos), ao sector das pequenas empresas enerxéticas (distribuidoras, comercializadoras e servizos enerxéticos), ao sector de servizos xurídicos e cooperativos, representantes das comunidades de montes, das asociacións ecoloxistas e dos grupos de desenvolvemento rural, entre outros.
Jorge Andrey Sterner do bufete Schlaich Dauss SLP, falounos do presente xurídico e do futuro posible das comunidades enerxéticas, incidindo no papel das entidades locais nese proceso.
A primeira experiencia de desenvolvemento de comunidades enerxéticas foi a de Navarra, a cargo de Jesús Sánchez-Ostiz, director xeral da Red de Comunidades Energéticas S. Coop. Navarra. O profesor Sánchez-Óstiz presentounos o modelo de negocio cooperativo para as comunidades enerxéticas, a partir da súa experiencia colectiva, que engloba 128 entidades.
Juan Sacri, presidente de Sapiens Energía , e os alcaldes Nicolau Josep Claramunt Ruiz, de Albalat dels Sorells, e Álvaro Ferrero Ferrer, de Portell de Morella, compartiron con un abarrotado Salón de Graos a excelente experiencia da Comunitat Valenciana no desenvolvemento destas iniciativas comunitarias. Os alcaldes de Albalat, un concello da área metropolitana de Valencia, e Portell, un pequeno concello rural, mostraron como é posible compatibilizar desenvolvemento comunitario e respecto ao medio ambiente desde as administracións locais comprometidas como as súas.
O desenvolvemento das comunidades enerxéticas en Álava e en Navarra foi o tema tratado na seguinte mesa de debate. Por unha parte, Rafael Larreina, presidente da Red de Comunidades Energéticas S. Coop. Navarra, mostrounos como as Xuntas de Distrito, unhas unidades administrativas a nivel submunicipal, desenvolven un papel central no avance do empoderamento das comunidades locais ao impulsar sen ningún tipo de limitantes a acción comunitaria no ambito da enerxía. Pola súa parte, Carmentxu Etxarte, presidenta da Comunidad Energética Urroztarra, e Raquel Campillo, presidenta da Cooperativa Garesbide de iniciativa social, ilustraron con verdadeira paixón e absoluta rigorosidade a súa experiencia colectiva no avance de iniciativas locais de fortalecemento do tecido social e rural dos seus pequenos concellos de orixe.
As participantes, despois de escoitar a existencia e alcance de tantas experiencias comunitarias no ámbito da enerxía en outros pobos do Estado español, preguntábanse cal era a razón de que en Galicia tan só fora un fenómeno excepcional, case inexistente. Habendo moitas iniciativas en proceso aínda ningunha comunidade enerxética esta conectada á rede. “Unha deficiencia conxuntural que dentro de moi pouco deixaremos de padecer”, indicaba Xosé Manuel Golpe, dinamizador da mesa sobre as comunidades enerxéticas en Galicia, un experto no sector que desenvolve o seu papel profesional como consultor enerxético na Deputación Provincial da Coruña. Nesta mesa presentáronse varias experiencias. Ana Millán Dieste, presidenta da Asociación Arousa en Transición, falounos da natureza pioneira do traballo comunitario do grupo promotor na Illa de Arousa para convertese na primeira iniciativa comunitaria en Galicia a piques de estar conectada á rede. Pola súa parte José Manuel Álvarez Campana, presidente da empresa pública Sumarte, do Concello de Arteixo, presentou a iniciativa da Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, que conta con desenvolver unha instalación de 1,5 MW para dar servizo a miles de cidadáns arteixáns. Esta é unha experiencia que conta coa colaboración de Ekiluz. Finalmente, José Ulla, alcalde de Begonte, acompañado de Miguel Angel Zamorano, en calidade de asesor enerxético do concello, compartiron con nós a ambiciosa proposta de desenvolvemento enerxético renovable no concello da Terra Chá, sinalando que alcanzaron un monto moi importante de financiamento do IDAE pero con dificultades técnicas, administrativas e ambientais para desenvolvelo na súa totalidade, polo que están reconfigurándoo. É unha iniciativa de moito interese pola participación dunha masa social gandeira moi relevante.
Por problemas loxísticos de última hora non puido asistir a iniciativa de Renovables de Liñares, S.C.G., unha acción comunitaria no concello das Neves, na comarca do Condado.
A xornada de formación pechouse coa participación de José Luis Pascual Criado, director xeral do Agrupamento Europeu de Cooperação Territorial Duero-Douro. O contido da experiencia comunitaria desenvolvida na raia entre Salamanca e Zamora, en España, e Beira Interior Norte, Douro e Trás-os-Montes, en Portugal, ten enorme interese para o espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, alén de constituír un modelo de negocio comunitario exportábel para pequenos núcleos de poboación rural como os galegos.
A xornada finalizou cunha conclusións dos responsábeis do Observatorio Eólico de Galicia e do proxecto EC4RURAL, coordinado desde a Universidade de Vigo, resaltando o camiño que se ten empezado para converter ás comunidades locais rurais nos suxeitos centrais da transición enerxética limpa.