Moeche é un concello rural do norte da provincia da Coruña de 1.200 habitantes que se encadra na comarca de Ferrol. Como tantas outras pequenas vilas do rural galego, a actividade económica perdeu importancia e a poboación tende a ser cada vez menos. Atrás fican as minas de cobre, as caleiras e as explotacións gandeiras cheas de vida.
Desde o ano 2020, varias empresas enerxéticas tentan pór en marcha parques eólicos neste pequeno concello. Despois de varias propostas, a iniciativa da empresa Enel Green Power España, SL , filial de ENDESA, é a que se encontra máis avanzada desde o punto de vista do procedemento administrativo. Esta empresa tenta conseguir a autorización de 5 parques eólicos que se situan no norte da provincia da Coruña para entrelazalos cunha rede de transporte que lle permita seguir aproveitando a conexión á rede eléctrica que manexaba Endesa ata agora na xa cerrada Central Térmica de As Pontes. O parque eólico de Moeche forma parte dese macroparque dividido en 5 procedementos administrativos.
OEGA xa estivo en Moeche para asesorar á cidadanía en 2021 e volveu asistir para a mesma función na última semana de setembro. O acto, organziado pola asociación TEXMOECHE tivo lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro para tratar da situación actual do parque eólico. O parque foi autorizado inicialmente pero cunha serie de condicionados que obrigaron á empresa a solicitar unha modificación da autorización xa concedida. Basicamente, reduciuse o número de aeroxeradores de 12 a 5, mantendo a potencia total e incrementando a potencia unitaria de cada aeroxerador desde 4,5 a 7,2 MW.
Durante máis de dúas horas, o responsable do OEGA e a cidadanía asistente sumíronse nun diálogo construtivo que axudou, segundo os presentes, a clarexar aspectos clave sobre o desenvolvemento deste parque eólico. Entre eles, podemos mencionar os seguintes:
A principal recomendación do OEGA aos cidadáns de Moeche reunidos no Centro Cultural foi que se manteñas unidos, que sigan defendendo conxuntamente os seus interese, que negocien conxuntamente coa empresa e que se aproveiten do apoio do Concello para que este asuma os custes técnicos e xurídicos da defensa da súa postura.
A alcaldesa de Moeche, presente entre o público, afirmou que o concello presentou recurso de alzada á autorización previa do parque eólico e que non descartaban a opción de presentar un recurso contencioso administrativo se con iso se defendesen os intereses xerais de toda a cidadanía de Moeche. Noutra orde de cousas, a alcaldesa animou a todos os presentes a sumarse á comunidade enerxética que están a desenvolver desde o Concello.