En menos de unha semana terá lugar un feito histórico no panorama eléctrico español. O día 19 de outubro desenvolverase a Segunda Poxa para o outorgamento do réxime económico de enerxías renovábeis e por primeira vez, nesa poxa resérvanse 300 MW para seren adxudicados a propostas que usando tecnoloxía fotovoltaica sexan instalación de “xeración distribuída con carácter local”.
É certo que só é o 10% dos 3.000 MW obxecto de poxa, e é verdade que o seu impacto na transformación social da base empresarial das enerxías renovábeis será moi marxinal, pero iso non debe ocultar que este é unha gran vitoria dos movementos sociais que levan décadas defendendo a necesidade de descentralizar o sistema eléctrico e esixindo a súa democratización.
Neste procedemento, entenderase por local a aqueles participantes que estean empadroados (persoa física) ou teñan seu domicilio fiscal (persoa xurídica) nos concellos que se encontren total ou parcialmente a unha distancia inferior a 30 quilómetros co centro xeométrico do lugar onde se sitúen os equipos de xeración.
Entre el 13 de setembro e o 7 de outubro estivo aberto o prazo para presentar candidaturas. A poxa terá lugar o día 19 deste mes. Nese mesmo día coñecerase o resultado.
Para ter opción a algún deses 300 MW de xeración distribuída as promotoras interesadas deberían ter algunha destas formas xurídicas.
A convocatoria contempla que a participación no capital social ou o financiamento do proxecto se poida producir por medio «crowdfunding» o «crowdlending».
A potencia máxima das instalacións será de 5 MW. Deberán estar conectadas á rede de distribución a unha tensión igual ou inferior a 45 kV.
O lexislador tomou coidado para evitar que estas instalacións sexan o resultado dunha fragmentación artificial de proxectos de maior envergaduras. Desta forma, sinálase que nun radio de 500 metros non poderá existir unha instalación do mesmo titular e que as instalacións deben contar de forma independente para a súa operación con todos os equipos necesarios
Esta proposta pretende incentivar a xeración distribuída e a proximidade aos lugares de consumo. Para iso establece unha potencia límite máxima de cada instalación (sempre con ese máximo de 5 MW). Para alcanzar ese valor, nos 30 quilómetros arredor da instalación terán que existir un mínimo de 5.000 habitantes. Se houbera só a metade de habitantes, a potencia máxima do parque fotovoltaico para a produción local de electricidade non podería ser superior a 2,5 MW.
O primeiro e máis importante está relacionado co cambio de modelo de produción e consumo: producir localmente para consumir localmente, en redes locais, mediante instalacións xestionadas por actores locais.
En segundo lugar, é esperable que as poxas produzan resultados con uns prezos de enerxía eléctrica moi por debaixo dos prezos actuais. Como ben sabemos, vivimos uns momentos terríbeis, para as familias e moitas empresas, cos custos enerxéticos disparados, provocando maior pobreza enerxética doméstica e incremento desorbitado dos custos de produción, pondo en risco moitos postos de traballo vinculados a pequenas e medianas empresas que se moven en marxes estritos de beneficio.
Estes menores prezos da electricidade obtivéronse como resultado da primeira poxa, a celebrada en xaneiro do 2021. Os 3.000 MW de xaneiro foron adxudicados a un prezo medio de 25 €/MW para un período de 12 anos. A media das instalación de fotovoltaica adxudicadas nesa poxa incluso foi menor: 24,82 €/MW.
Desde o OEGA estamos esperanzados con este feito e agardamos que represente un punto de inflexión no desenvolvemento da transición enerxética. É necesario avanzar na descarbonización do sistema eléctrico pero tamén é tan importante como iso democratizar o sector e avanzar en propostas de maior equidade.