Nas últimas semanas asistimos a un continuo goteo de novos procedementos administrativos para parques eólicos. Xuntos con aqueles nos que a Xunta de Galicia ten a competencia exclusiva para a súa autorización (os que teñen menos de 50 MW), aparecen con forza varios macroparques eólicos, presentados ao goberno de España para a súa autorización e avaliación ambiental. Nunha entrada anterior desta web xa presentabamos unha estimación das potencias en tramitación. Hoxe queremos facer referencia a un exemplo concreto.
Trátase de 4 parques eólicos que Iberdrola Renovables Galicia, SA pretende desenvolver en varios concellos da Coruña: son os parques eólicos de Pedrabante, Pena do Corvo, Berdoias e Alto dos Borrallos. Trataríase dunha potencia total de 292,5 MW, situando 65 aeroxeradores de 4,5 MW, cunha altura de buxa de 107,5 m, un diámetro de rotor de 145 metros. O investimento previsto ‘e de 286 millóns de euros. Estes parques eólicos converteríanse nos máis produtivos de toda Galicia, ao alcanzar un factor de potencia do 44% (fronte ao 27% de media) e a súa produción eléctrica case o 7% do consumo eléctrico galego (tomado datos do Balance Enerxético de Galicia do 2019, Inega).
Esta iniciativa da multinacional Iberdrola xerou contestación social. E iso, principalmente, polos seguintes motivos.
Os afectados afirman que a empresa tenta cometer un fraude de lei ao presentar un gran parque eólico diluído en 4 infraestruturas que a empresa presentou por separado para a súa autorización administrativa. Con esa táctica, sinalan desde colectivos ambientalistas coruñeses, a empresa tenta evitar presentar os efectos sinérxicos dunha infraestrutura de case 300 MW, case 150 quilómetros de Liña de Alta Tensión, e máis de 500 puntos de apoio para esa LAT. Da análise feita polo OEGA dos documentos de cada parque eólico dedúcese que os 4 parques comparten dúas infraestruturas básicas de nova construción, sen as cales non funcionaría ningún parque eólico: a Subestación Colectora Mesón do Vento e a propia LAT de conexión entre esta Subestación Colectora e a xa existente Subestación Mesón do Vento, propiedade de Red Eléctrica Española. Ningún parque eólico podería funcionar sen esas infraestruturas compartidas. Como se pode observar na figura anexa, o parque eólico de Berdoias non podería existir sen o de Pedrabante e o parque eólico de Pena do Corvo non existiría sen o de Alto dos Borrallos.
Como se pode observar tamén na figura anexa, a totalidade dos aeroxeradores do PE Pena do Corvo, Berdoias e Pedrabante, e unha parte substancial dos correspondentes a Alto dos Borrallos, sitúanse fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico. Varias son as voces que se alzan contra esta opción, dado o marco xurídico vixente. Entre elas, a máis importante, é a da propia Xunta de Galicia que mediante a emisión de diversos informes, preceptivos pero non vinculantes, ten afirmado que “…por todo o exposto, infórmase desfavorablemente o proxecto do parque eólico…. promovido por IBERDROLA RENOVABLES GALICIA S.A., posto que todas as súas posicións e a poligonal incumpren as disposicións establecidas no PSEG”.
Sen embargo, iso non impediu que o goberno de España continuara coa tramitación destes parques eólicos. Desde o Observatorio Eólico de Galicia defendemos que o Xunta se persoe nos procesos de exposición pública para reiterar o seu informe desfavorable. Así mesmo, apelamos ao poder competencial exclusivo que ten a Xunta de Galicia no que se refire á ordenación do territorio, sendo contrario á Lei tentar establecer parques eólicos fóra das zonas asignadas polo plans sectorial vixente. E esta afirmación, incluso é válida despois da modificación da propia Lei 8/2009, do sector eólico de Galicia, pola cal o goberno autonómico abriu a posibilidade a colocar aeroxeradores en calquera territorio rústico que non teñan protección urbanística específica, como xa presentamos nesta mesma web.
Este marcroparque eólico tamén suporía un grave risco para os bens ambientais e os bens culturais, sinalan diferentes voces que estudaron en profundidade os proxectos en exposición pública. Para o caso do dos efectos ambientais, o parque eólico Pena do Corvo, é un magnifico, e terrible, exemplo segundo se desprende dos escritos da Plataforma Monfero di Non. Efectivamente, a poligonal deste parque eólico queda dentro da zona de Rede Natura 2000 que configura o Parque Natural Fragas do Eume, e varios dos seus aeroxeradores sitúanse dentro da zona de amortecemento do propio parque natural. Cuns valores ambientais de primeiro nivel, o risco que se provoca para a súa conservación non estaría xustificado con ningún volume de produción eléctrica, sinalan varias fontes do concello de Monfero.
Polo que se refire á protección dos bens culturais e os efectos do parque eólico Pena de Corvo sobre eles, son numerosos os exemplos que se teñen feito públicos. Pensamos que o máis sobresaliente é a concentración de efectos que se produciría sobre o Camiño de Santiago Inglés, cando a LAT do parque eólico Pedra do Corvo e Alto dos Borrallos se achega á nova subestación colectora para dar entrada desde aí á xa existente Subestación de Mesón do Vento. Como se pode ver na figura anexa a esta nova, ao pé da subestación de REE está o castro das Travesas e malia o soterramento dunha parte do trazado os efectos sobre o Camiño Inglés son evidentes.
A afección do parque eólico Pena do Corvo sobre o Mosteiro de Monfero, Ben de Interese Cultural, tamén resulta significativa.
Todo parecería indicar que este macroparque eólico, o conformado polos 4 parques individuais e as súas infraestruturas, sitúase fóra do marco xurídico vixente. As mobilizacións sociais e os centos de alegacións presentadas están a ser analizadas pola Administración. Como en todos os casos anteriores, incluídos os 4.000 MW xa autorizados pola Xunta de Galicia, as comunidades rurais son simples espectadoras que non contan con equipos de asesores, e tampouco teñen os recursos necesarios, para poder reaccionar a un volume de documentación tan inxente nun período de tempo tan curto. E ademais, todos os parques eólicos tramitados diante das dúas administracións non veñen acompañados de plans industrias para as comarcas galegas, que permitan crear un tecido empresarial de base tecnolóxica que coloque a este País na senda da sustentabilidade social e ambiental. Mais ben, asistimos a unha carreira por captar fondos europeos, subvencións a “fondo perdido” propiciadas por unha terríbel desgraza como foi, e aínda é, a pandemia da covid-19. Non sería posíbel outro modelo?