Marco Xurídico e Enerxías Renovábeis: o caso dos parques eólicos
17 Xuño, 2021
Autor: OEGA
0 Comentarios
A enerxía eólica ten un importante impacto económico, social e ambiental nos territorios nos que se asenta. Se ben todos e todas confiamos na necesidade de mudar o sistema enerxético desde o predominio fósil ata o mundo renovable, a consideración dos efectos sociais, económicos e ambientais das infraestruturas de produción e distribución de electricidade por medio de turbinas eólicas é crucial para avanzarmos cara a sustentabilidade.
Eses efectos son sinérxicos, dinámicos e complexos. Cambian coa tecnoloxía, mudan segundo os ecosistemas e impactan diferenciadamente segundo a composición social das comunidades. As sociedades estamos dotadas dun marco normativo que tenta dar resposta en tempo e forma aos retos que supoñen integrar eficaz e equitativamente eses efectos no noso modelo de desenvolvemento social e económico.
É por iso que demos en organizar este evento, no que participan profesionais do dereito con experiencia e capacidade para axudarnos a comprender mellor como avanzar nunha configuración institucional que contribúa á transición cara unha sociedade enerxeticamente sustentable onde os aspectos sociais, económicos e ambientais dos territorios con valor eólico non queden á marxe.
Para abordar estas temáticas, o OEGA organiza un Seminario de Debate que terá lugar en tres datas diferentes, sempre de 12 a 14 horas e con formato online.
Comezamos o venres 9 de xullo, centrando as intervencións no ámbito do impacto territorial. Participarán Carlos Alberto Amoedo Souto, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de A Coruña. A súa intervención versará sobre “O impacto dos proxectos eólicos sobre o patrimonio cultural galego: un estado da cuestión”. A continuación, Manuel González Sarria, Enxeñeiro Arónomo, falaranos sobre “Terras agrarias, máis alá do rústico”
O venres 16 de xullo introducimos a temática das terras agrarias e os seus valores económicos e ambientais. Para iso, contaremos con Patricia Ulloa Alonso, presidenta do Xurado de Expropiación de Galicia. A súa palestra ten como título “Valoración de terras para parques eólicos polo Xurado de Expropiación de Galicia”. Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela compartirá cos asistentes súas achegas ao tema “Ambiente e parques eólicos: prevalencia de usos, impacto ambiental e sobre o territorio“.
Para finalizar este Seminario de Debate, o venres 23 de xullo abordaranse varios estudos de caso. En primeiro lugar, Fernández Armesto, xestores de Casa Grande de Xanceda (Mesía), compartirán a súa experiencia nos “Procedementos xurídicos en marcha no macroproxecto Ordes-Curtis”. Finalmente, X. A. Pérez Lema, socio en Pérez Lema Avogados e Consultores, introducirá o tema “A defensa do territorio, do patrimonio cultural, do ambiente e da economía local como límites á produción eólica na Galicia“.
Todas as sesións deste Seminario contarán con espazo para as preguntas e o debate. É unha actividade gratuíta que require inscrición neste enlace.