Xa é posible colocar parques eólico fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG). Este Plan, aprobado inicialmente en 1997 e modificado en 2002, está a quedar obsoleto por moitas razóns. Sobre todo, os cambios tecnolóxicos ocorridos no sector, cun incremento significativo da potencia media dos aeroxeradores. Ademais, o boom eólico dos últimos dous anos muda a escala do desenvolvemento eólico.
Por último os cambios normativos, impulsados pola maioría parlamentaria no Parlamento Galego está a establecer cambios específicos cada ano sen abrir á participación social a elaboración dun novo Plan Sectorial para o sector eólico, como demandan moitos colectivos sociais.
As dúas medicacións ocorreron en 2017 e en 2021. A de 2017 modificou a Disposición Transitoria 2ª da Lei 8/2009. Con ela, contémplase que os parques eólicos se sitúen nas zonas incluídas dentro das Áreas de Desenvolvemento Eólico (áreas de investigación e áreas de reserva, fixadas polo PSEG), “….así como na faixa paralela a estas.”
A do 2021 derívase da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Entre moitos outros cambios, esa nova Lei modifica a Lei/8 2009 ao establecer unha nova redacción para o seu artigo 6.4, que fica redactado así: “Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.”
O escaso tempo transcorrido desde a última modificación da Lei aínda non permitiu visualizar peticións de parques eólicos fóra das ADEs, segundo ese novo criterio. Pero si a partir da modificación de 2017. É o caso da petición do parque eólico Coto do Carballal, situado nas proximidades do LIC Serra do Cando, pero fóra da Área de Desenvolvemento Eólico. Nesa área, situada sobre Rede Natura, hai na actualidade 2 parques eólicos de case 65 MW tendo en pé 97 aeroxeradores.
Este parque eólico está recollido no Rexistro Eólico de Galicia baixo a categoría de “nova solicitude”. No artigo 42 da Lei 8/2009 indícase que nese rexistro recolleranse, entre outros, todos os procedementos de parques eólicos en tramitación. Nese mesmo artigo indícase que esa información será útil para xestionar o solapamento entre parques eólicos. É dicir, no momento en que se sitúa un parque eólico sobre ese rexistro estase a evitar que outros promotores entren neses espazos. É obvia a importancia e o significado deste trámite.
En relación coa modificación de 2021 que abre todo o territorio rústico sen protección ambiental aos parques eólicos, a Xunta de Galicia debería establecer criterios obxectivos e socialmente aceptábeis en relación con:
Finalmente, cómpre recordar que a ordenación territorial eólica da Xunta de Galicia, establecendo que zonas son aptas e que zonas non o son para instalar parques eólicos, é de obrigado cumprimento para todas as instalacións, sexan estas tramitadas pola propia Xunta ou polo Ministerio. Neste contexto, chama a atención que a Xunta de Galicia, cando se trata de parques eólicos que se tramitan desde o Ministerio, por teren unha potencia superior a 50 MW, posiciónase contra os mesmos por se situaren fóra das ADEs (cando a propia normativa aprobada por ela permitiríao). Polo menos así está recollido en varias notas de prensa onde aparece o alcalde de Lalín realizando esa afirmación e se cita unha entrevista coa directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais de la Xunta, en relación cos parques eólicos Porcallos e Folgoso.
Desde o OEGA defendemos unha moratoria eólica que permita a actualización da planificación enerxética e territorial da enerxía eólica. Actualización na que participe toda a cidadanía e que derive tamén nun cambio normativo que recolla o papel activo das comunidades enerxéticas na transición enerxética.