Desembarcan en Galicia especuladores que ofrecen contratos abusivos aos propietarios de terras sen teren sequera un proxecto eólico
4 Marzo, 2021
Autor: OEGA
0 Comentarios
A Galicia rural está a perder actividade e poboación. O boom das enerxías renovábeis podería supoñer un punto de inflexión desa dinámica, facendo máis protagonistas ás comunidades a aos propietarios. Desgraciadamente a lexislación de fomento e autorización de parques eólicos dá ás comunidades rurais un rol marxinal fronte aos promotores eólicos.
O Observatorio Eólico de Galicia constata a chegada ao rural, nos últimos meses, de intermediarios buscadores de rendas que, sen teren proxecto eólico, pretenden asinar contratos con condicións inaceptables para as comunidades rurais: prezos tan baixos que se poden cualificar de ridículos; dereitos exclusivos sobre todas as terras do propietario, e non só sobre as que conforman o parque eólico; períodos de carencia que chegan aos 10 anos, etc. A modo de exemplo deste tipo de situacións, podemos citar varios casos: proposta en Verea e Celanova para un pagamento de 1.000 euros/MW; proposta na Rúa e Quiroga de servidumes con pagamento unha única vez, entre outros.
Xunto a esas posicións moi especulativas encóntranse outras que obedecen a unha maior responsabilidade social por parte das empresas. Na actualidade as mellores ofertas sitúan o pagamento medio arredor dos 3.600-3.800 euros por MW instalado, moi lonxe das cifras irrisorias ofrecidas polos novos intermediarios detectados nos espazos rurais de Galicia.
A enorme diferenza de prezos que se comenta, e a existencia de numerosas cláusulas de importancia para as partes, significa que existen posibilidades de mellorar as ofertas iniciais mediante a negociación. Como sempre, as recomendacións do OEGA son: non ter presa para asinar o acordo; buscar toda a información para entender o tipo de negocio que queren desenvolver na localidade; tentar establecer alianzas con outros propietarios, co concello e con organizacións profesionais e sociais; negociar conxuntamente con todos os propietarios afectados.
O Observatorio Eólico de Galicia é defensor dos contratos de arrendamento ou contratos de dereito de superficie, fronte á expropiación ou á compravenda, para vincular as terras eólicas cos parques eólicos. A experiencia indícanos que o alugueiro rende maiores beneficios para as comunidades rurais. Pero ollo, hai que ler a letra pequena e sobre todo tratar de adoitar estratexias colectivas para buscar as mellores condicións. Mentres non mude o marco normativo, na liña de converter en actores centrais do aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis ás comunidades rurais, propietarios dos recursos territoriais nos que existen ese capital eólico, o OEGA seguirá a traballar para fortalecer a súa posición negociadoras e así conseguir unha transición enerxética máis xusta.
Máis información ao respecto na Guía que se acaba de facer pública e á que se pode acceder de forma gratuíta neste enlace.