OEGA informaba hai uns días do boom que se observa na petición de parques eólicos a través do Ministerio para a Transición Enerxética e o Reto Demográfico. Son proxectos que superan os 50 MW de potencia ou que afectan a dúas Comunidades Autónomas.
De entre todos eles, queremos destacar os 3 proxectos que están en marcha para a provincia de Ourense, un deles afectando tamén á varios concello da provincia de León. Son os parques eólicos de Rebordechao, Barjas e Prada. Os dous primeiro acaban de entrar en fase de consultas iniciais. Isto significa que diversas organizacións públicas e privadas están a ser consultadas sobre o alcance da avaliación do impacto ambiental. OEGA informou do inicio destes procedementos aos concellos afectados.
Canta potencia se quere instalar?
O PE de Rebordechao tería unha potencia total de 154 MW. Serían 28 aeroxeradores de 5,5 MW de potencia unitaria. Os aeroxeradores situaríanse en Laza (13 aeroxeradores), Maceda (entre 4 e 5 aeroxeradores) e Vilar do Barrio (entre 11 e 12 aeroxeradores e subestación).
O PE de Barjas tería unha potencia total de 121 MW. Serían 22 aeroxeradores de 5,5 MW de potencia unitaria. A totalidade dos aeroxeradores situaríanse en Barjas, provincia de León. No concello leonés de Oencia iría a subestación.
O PE de Prada tería unha potencia total de 170,5 MW. Serían 31 aeroxeradores de 5,5 MW de potencia unitaria. Os aeroxeradores situaríanse en A Veiga, Carballeda de Valdeorras e O Barco de Valdeorras. Non é fácil, coa información dispoñible, asignar os 31 aeroxeradores a cada un dos tres concellos debido a que se sitúan maioritariamente sobre as súas liñas divisorias(13 aeroxeradores). A subestación estaría no Barco de Valdeorras.
Os tres parques totalizan 445,5 MW, dos que 324,5 (os de Rebordechao e Prada) estarían totalmente en concellos de Ourense. Na actualidade, a provincia de Ourense conta con 220,44 MW instalados en Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Avión, Carballeda de Avia, Melón, O Irixo, Baltar, Cualedro, Xinzo de Limia, Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Esgos, Bande e Verea. Así mesmo, comparte coa provincia de Pontevedra 186,6 MW. O impacto en termos de potencia sería, polo tanto, moi significativo.
Os novos aeroxeradores en Ourense deses dous parques eólicos terían unha potencia unitaria de 5,5 MW: máis do dobre da potencia dos maiores existentes ata agora (o Parque eólico O Vieiro, instalado en Bande e Verea no ano 2009, ten 3 aeroxeradores de 2 MW, e esa mesma potencia teñen os 11 aeroxeradores do parque eólico Ampliación Serra do Burgo posto en marcha a finais de 2004 nos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa).
Más de 75 quilómetros de Liñas de Conexión
Os tres parques evacuarían a enerxía na provincia de Ourense a Subestacións xa existentes mediante liñas aéreas de evacuación de 220 kV. Esas liñas procederían desde cada unha das novas subestacións de cada parque, onde se xuntaría toda a enerxía producida en cada aeroxerador.
No Concello de Vilar do Barrio construiríase a subestación do PE de Rebordechao. Desde aquí conduciríase de forma aérea ata a Subestación Sil-Meda. A liña pasaría polos concellos de Maceda, Montederramo, Xunqueira de Espadañedo e Nogueira de Ramuín. Tería uns 20 quilómetros de percorrido, aproximadamente.
O PE Barjas eo PE Prada evacuarían na Subestación de Trives ata onde se chegaría a electricidade dende as súas respectivas subestacións transformadoras. No primeiro caso, desde o municipio leones de Oencia o trazado da Liña de 220 continuaría por Vilamartín de Valdeorras (parroquias de San Vicente de Leira, Cernego, San Miguel de Outeiro, Valencia do Sil, Correxais), Petín (parroquia de Santoalla do Monte ), O Barco de Valdeorras (parroquia de Santa Mariña de Monte), Larouco (parroquia de Seadur), San Xoán de Río (parroquias de San Xurxo e San Xoan de Río) e Quiroga (parroquias de A Enciñeira, Montefurao, Vilanuíde e Valdeorra) ata A Pobra de Trives (parroquia de Navea). A liña aérea tería unha lonxitude total de 53,56 km.
Para o caso do PE Prada, desde a subestación do Barco conduciríase a electricidade até Petín (uns 3 quilómetros) onde empataría coa liña que procedente desde Oencia conduce a electricidade ata Trives.
Polo tanto, os 3 parques evacuarían a electricidade na provincia de Ourense mediante novas liñas de alta tensión de 220 kV, construídas nunha lonxitude de 76 quilómetros, aproximadamente.
O Caso especial do PE Barjas
Chama a atención este parque eólico polo feito de que todos os seus aeroxeradores estarían situados en León, mentres que serían os concellos de Vilamartín de Valdeorras, Petín, Larouco, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, de Ourense, e Quiroga, de Lugo, os que albergarían a Liña de Evacuación da enerxía, ata o punto de conexión en Pobra de Trives.
Quen é a promotora?
A promotora dos tres parques eólicos denomínase Desarrollos Renovables Iberia Delta S.L. É unha filial do Grupo Statkraft. Este grupo é propiedade completa do Estado de Noruega. Como ocorreu en España e noutros países europeos, nos anos 90 produciuse no país escandinavo a liberalización do mercado eléctrico. Esta liberalización provocou que Statkraft continuara a ser unha empresa totalmente pública pero xestionada con criterios empresariais. E converteuse nun actor global da produción eléctrica, estando presente en Europa, América e Asia.
Porén, os resultados da liberalización en España foron totalmente diferentes. En España nos anos 90 tamén había capital público na xeración eléctrica: ENDESA era 100% pública. Hoxe xa non o é. Curiosamente, o que era ENDESA agora está baixo o control de Estado italiano: o Ministerio de Economía y Finanzas de Italia é seu principal accionista.
Esta situación de participación pública nas empresas eléctricas non é algo específico de Italia. Por exemplo, o fondo soberano de Catar controlado pola Autoridade de Investimento do Catar é un dos principais accionistas de Iberdrola, un actor moi importante no sector renovable galego. No caso de EDP, que en Galicia actúa como EDP España, S.A.U. ou EDP Renovables, S.A., o Estado chinés controla arredor do 20% do seu capital, e tamén participan o mencionado Fondo Soberano de Catar e Norges Bank, o banco central de Noruega.
O Estado español non ten participación algunha no sector, pero podería tela, nada o impide. A nivel galego, a CCAA ten unha participación simbólica en varios parques eólicos. Pola súa banda, 13 concellos galegos son propietarios de 40 MW, nos denominados parques eólicos singulares.
Haberá un impacto diferenciado sobre o entorno rural?
Desde o OEGA temos chamado a atención como a nivel de responsabilidade social das empresas condiciona e determina a súa resposta en relación ao tipo de interacción que se establece entre as promotoras e as comunidades rurais. Observamos empresas con maior responsabilidade social, e flexibles a facilitar a participación desas comunidades rurais, e empresas cuxo único obxectivo é asentar os MW nas terras rurais, estando dispostas a imprimir unha dinámica de imposición de condicións pouco vantaxosas para as comunidades rurais. Que vai pasar neste caso? Como non temos constancia de ningunha actuación previa de Statkraft ou das súas filiais en Galicia nada podemos dicir ao respecto. Só agardamos que se sitúen no grupo das empresas socialmente máis responsábeis e ambientalmente máis sensíbeis para que o aumento da capacidade renovábel instalada tamén sexa útil para dinamizar sustentablemente ás comunidades rurais.
Compre mencionar, finalmente, que estes parques eólicos sitúanse nas proximidades de varios espazos incluídos en Rede Natura (por exemplo, as Zonas Especiais de Conservación Ancares-Caurel e Macizo Central, ) e as súas infraestruturas de evacuación atravesan zonas ambientalemente fráxiles. En consecuencia, será necesario extremar todas as medidas de cautela para que estas hipotéticas infraestruturas non provoquen danos ambientais irreversíbeis.