Conflitos socioambientais vinculados con parques eólicos en Galicia
27 Novembro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Tal e como temos indicado reiteradamente desde o OEGA, o marco regulador existente en Galicia conta con eivas relevantes de cara ás comunidades locais: estas non contan con capacidade de decisión e a súa participación queda limitada a uns poucos trámites administrativos; é moi difícil que as comunidades locais poidan promover e desenvolver proxectos de parques eólicos ao non existir figuras específicas que favorezan e incentiven esta opción; as distancias dos aeroxeradores aos núcleos rurais levan sen actualizarse desde o ano 2002 a pesares do grande salto tecnolóxico existente e da altura que acadan os muíños actuais; as rendas económicas para as comunidades locais están moi limitadas debido ao marco normativo e á posibilidade da expropiación, etc. Nos últimos anos están a xurdir ao longo do territorio galego diferentes conflitos sociais e ambientais vinculados co proceso de transición enerxética e a posta en marcha de proxectos de parques eólicos. Algúns deles xa con anos de traxectoria, reactivados ultimamente e outros de aparición recente. Entre os máis vellos cumpriría sinalar varios casos do sur de Pontevedra encabezados por entidades colectivas como a Plataforma pola Defensa da serra do Galiñeiro, SOS Groba ou a Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo. Nestes conflitos, que nacen en torno a 2010, se teñen producido acordos plenarios en varios concellos contra os proxectos e realizado importantes mobilizacións sociais, de maneira destacada no caso do Galiñeiro con marchas de centos de persoas no monte en contra dos proxectos eólicos. Outro caso similar, pola traxectoria histórica do parque eólico, sería o da Serra do Oribio, coa recente paralización das obras dunha central eólica que afectaba á Rede Natura e coa entidade Salvemos O Iribio encabezando o conflito.
Nos casos de conflitividades sociais e ambientais máis recentes no tempo cómpre destacar as existentes na provincia de A Coruña. Entre eles está a acadar grande relevancia o vinculado con varios parques eólicos na Comarca de Ordes, coa entidade Salvemos a Comarca de Ordes como referente. Tamén encontramos outros exemplos de movementos sociais, con conflitividades asociadas a novos e vellos proxectos de centrais eólicas, no caso de Ponteceso (Plataforma Veciñal Contra os Eólicos de Ponteceso), no Monte Neme (Plataforma pola Defensa do Monte Neme), nos concellos de Carballo, Coristanco, Santa Comba e Negreira (Plataforma Non Máis Eólicos Campelo-Bustelo-Toural) e noutros concellos como Outes e Mazaricos, con cadansúa plataforma cidadá vinculada.
Os movementos sociais están a pedir un cambio no marco normativo galego e teñen exposto as súas reivindicacións en diferentes manifestos. Entre eles cabe sinalar dous moi recentes, o de Aldeas con horizonte. Manifesto polla moratoria de novos parques eólicos e por un novo modelo de desenvolvemento eólico para Galiza e o Manifesto de oposición aos parques eólicos das Serras da Groba e do Galiñeiro.
Como temos sinalado desde o OEGA, a conflitividade social e ambiental existente, que agromou nos últimos anos en diferentes lugares de Galicia, amosa a urxente necesidade de realizar cambios normativos que permitan avanzar cara un modelo de transición enerxética con maiores niveis de xustiza enerxética para as comunidades locais.