Dez novos proxectos de parques eólicos inician o proceso de tramitación ambiental autonómico
3 Decembro, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
O Observatorio Eólico de Galicia realiza un seguimento exhaustivo e constante dos procedementos dos parques eólicos que se encontran en tramitación en Galicia. Un dos primeiros ámbitos onde resulta posible encontrar información pública é o inicio da tramitación ambiental. Neste procedemento o OEGA ten comprobado como se teñen producido importantes novidades nas últimas semanas. Concretamente, durante o mes de novembro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten publicado información ambiental de dez proxectos de parques eólicos en diferentes lugares do territorio galego.
Este trámite é unha das fases iniciais do procedemento administrativo e a web da Consellería posibilita a participación a través dun formulario on line (ver enlave ao final da entrada). Mediante este procedemento o órgano ambiental elabora o documento de alcance do estudio de impacto ambiental. Posteriormente, o seguinte trámite público sería a publicación no Diario Oficial da información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, se é o caso, e aprobación do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.
Os novos parques eólicos en tramitación ambiental, que xa aparecían reflectidos no Rexistro Eólico de Galicia, súmanse aos parques eólicos con tramitación máis avanzada, como os declarados como Proxectos de Especial Interese o que avanza a posibilidade de que nos vindeiros anos a potencia eólica galega se incremente de xeito substancial. Os dez parques eólicos con documento de inicio de tramitación ambiental suman 82 aeroxeradores con potencias unitarias moi elevadas, de ate 4,2 MW, e unha potencia agregada de 330,9 MW.
Onde se pode consultar a información de cada proxecto? Neste enlace da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.