OEGA publica artigo na revista Sustainability sobre os impactos locais da enerxía eólica en Galicia
12 Novembro, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
Un traballo de investigación realizado por membros do Observatorio Eólico de Galicia ten sido publicado recentemente na prestixiosa revista Sustainability. O artigo, titulado “Local Economic Impact of Wind Energy Development: Analysis of the Regulatory Framework, Taxation, and Income for Galician Municipalities” realiza un traballo de identificación das fontes de renda e posibilita a estimación das rendas que quedan nos concellos galegos a partir desta actividade económica.
Certamente, aínda que a enerxía eólica desenvolveuse rapidamente nas últimas décadas xerando impactos económicos a diferentes escalas territoriais contribuíndo ao desenvolvemento rural existen poucos traballos que analicen os impactos económicos a escala local, especialmente, en áreas rurais. Neste senso, o obxectivo do traballo foi analizar as rendas eólicas directas derivadas da actividade eólica que reciben os municipios, a súa relación cos cambios no marco normativo (1995-2017), así como cuantificar ditas rendas para o ano 2017. Para iso levouse a cabo unha recolleita sistemática de información de fontes secundarias complementada cun traballo de campo e de seguimento dos parques eólicos durante 10 anos.
O traballo mostra a relación directa entre o marco normativo e as principais fontes de rendas derivadas da actividade eólica (impostos convencionais e específicos, propiedade municipal, outros ingresos). Rendas que no 2017 supuxeron 17,8 millóns de euros. O artigo discute como, durante o período analizado, as políticas públicas implementadas limitaron os impactos económicos directos derivados da implantación eólica nos municipios rurais de Galicia e, consecuentemente, o desenvolvemento rural. Así, a pesares de existir algunhas figuras de interese como os parques eólicos singulares están tiveron un impacto moi limitado polas restricións do marco regulador. Pola contra, non se considerou a posibilidade de apostar por figuras vinculadas coa eólica comunitaria.
O traballo conclúe que a actividade eólica propiciou a xeración de novos fluxos de renda para os concellos pero que estes estiveron moi condicionados pola lexislación, existindo unha necesidade de avanzar en cambios normativos que incrementen as posibilidade de xeración de maiores rendas e de desenvolvemento de centrais eólicas directamente por parte das entidades municipais, máis alá dos parques eólicos singulares.
O artigo é de acceso libre e pode ser consultado no seguinte enlace web: