No mes de marzo de 2019 tense publicado no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico do Sobredo, sito no concello de Arbo (Pontevedra) e promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L.
Os dados básicos do parque eólico autorizado son os seguintes:
Denominación: parque eólico do Sobredo
Antecedentes lexislativos: Este parque eólico foi admitido a trámite mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.
Posteriormente, someteuse a información pública mediante a RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se somete a información pública para autorización administrativa, declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, aprobación do proxecto de execución, proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica, estudo ambiental, e da solicitude de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións referidas ao Parque Eólico O Sobredo (provincia de Pontevedra).
No ano 2013 deúselle publicidade á Declaración de Impacto Ambiental do parque eólico mediante a RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 4 de decembro de 2012 relativa ao proxecto do parque eólico do Sobredo, no concello de Arbo, promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L.
Área de Desenvolvemento Eólico: ADE Montouto. Hai outros parques en funcionamento nesta ADE, concretamente o parque eólico Montouto 2000 e o parque eólico singular de Arbo.
Localización xeográfica: Concello de Arbo (Pontevedra).
Promotor: Parque Eólico do Sobredo, S.L. Este promotor non conta con potencia eólica instalada previa.
Potencia total do parque eólico: 18 MW.
Número de aeroxeradores e características: 6 aeroxeradores V-Vestas 112 de 3 MW de potencia máxima unitaria cunha altura ata a buxa de 84 m e un diámetro de rotor de 112 m.
Propietarios dos terreos afectados: Na Relación de propietarios, bens e dereitos afectados que aparece na información pública do ano 2012 os terreos afectados son case na súa totalidade de carácter veciñal, pertencentes a dúas CMVMC, existindo só algunhas parcelas privadas adicionais.
Produción media anual neta estimada: 54.896 MWh/ano. Segundo o consumo medio por fogar anual (REE), o parque eólico subministraría electricidade para máis de 16.700 fogares.
Orzamento de execución material: O total é de 15.628.753 euros. O investimento por MW é de 868.264 euros.