Concellos traballando na transición enerxética local
27 Xaneiro, 2025
Autor: OEGA
0 Comentarios
O evento sobre comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias, organizado polo Observatorio Eólico de Galicia, reuniu a actores clave do ecosistema enerxético comunitario na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
Unha das mesas da xornada abordou as Comunidades Enerxéticas impulsadas desde o ámbito municipal, contando coa participación dos concellos rurais de Vilasantar, Moeche, Muíños e Xermade. Os tres primeiros son parte do proxecto EC4RURAL.
Os representantes de Vilasantar e Moeche expuxeron os seus proxectos de transición enerxética, destacando o seu avanzado estado de desenvolvemento, con entidades xurídicas xa constituídas para implementar instalacións enerxéticas colectivas. O mesmo ocorre no concello de Muíños, que conta cun financiamento aprobado por parte do IDAE.
O concello de Xermade, pola súa banda, presentou a súa iniciativa XERando, unha comunidade enerxética tamén constituída e que conta coa financiacion da FEGAMP a través do proxecto CEL Rural.